El Correo 2

Glosa dun crego: D. José Val e Val

  • 30 may 2020 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

estamos a cumprir unha homenaxe facendo un memorando ao crego D. José Val e Val, por certo, moi merecido. Coido que a parroquia de Vilar de Ortelle, no concello lucense de Pantón, dende hai bastantes ano tivo sorte nos cregos que lle tocaron. Así, en 1898 –data de fonda significación para España, pola perda das colonias- foi nomeado párroco D. Ramón Castro López, un relixioso exemplar entregado ao pobo e sempre ao servizo dos máis necesitados. Por se fose pouco, era un intelectual de moitos pulos. No ano 1929 publicou un importante libro para Vilar de Ortelle e para as Terras de Lemos, en xeral que leva por título Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, no que tamén lle pasaba revista aos monumentos históricos do partido xudicial de Monforte de Lemos e recollía unha relación dos principais santuarios, lendas, supersticións e outras curiosidades antigas do país. Esgotado ese compendio de etnografía rural, gracias a outro crego, D.José Val e Val, foi reeditado de novo, con gran apoio institucional cando tiven a honra de ser alcalde do concello de Pantón.

E, precisamente, o mesmo José Val e Val foi a persoa con que a sorte agasallou por segunda vez a Vilar de Ortelle. Dende 1963, os primeiros anos da década dos 60 do século XX, estivo á fronte de dita parroquia á que lle regalou 50 anos da súa fructífera vida e labor pastoral. Integrouse no pobo como un veciño máis e dedicoulle os mellores esforzos dunha alma rica e inqueda.

Deixou a súa marca na fundación da agrupación Os Estraloxos, no ano 1986, una asociación xuvenil que non ten parangón noutras terras, polo esforzo e tesón dedicado ao estudo da parroquia, a modo doutra nova concepción cultural, dende un prisma xuvenil e desenfadado, aínda que profundo. E estanlle agradecidos os rapaces e rapazas e moito máis os país dos mesmos por conducilos por camiños exemplarizantes.

Cabe aclarar que o dicionario define o vocábulo estraloxio como “un neno travesó e bulledeiro que non para de xogar e facer diabluras”. Dito isto, normalmente a cultura é unha cousa seria e moi importante na formación das persoas, pero tamén pode abordarse desde o aspecto máxico e xuvenil, como unha especie de luxo vital e de enerxía sobrante, cousa típica de xuventude auténtica.

Por outra banda, esta asociación xuvenil fixo traballos encomiables sobre a historia e as características de Vilar de Ortelle, tales como o libro Cantigas, ditos e alcumes da Ribeira Sacra, que tiven a honra de presentar na miña época de rexedor do Concello; así como Lendas e tradicións da Ribeira Sacra.Vilar de Ortelle-Pantón.

Nestes tempos de grandes unións entre nación e dunha cultura uniforme, coido que é moi importante conectar co pobo, porque a cultura non é un maná que cae do ceo, cousa que fixo o crego José Val e Val. Este home de igrexa e de mundo deixounos vai para seis anos, en setembro de 2014. A súa lembranza en Vilar de Ortelle e en todo Pantón é fonda, nunca se esquecerá.

Pouco antes de finar deixounos un libro precioso Díxoo ou predicouno? Ditos populares, publicado no ano 2012, cun flamante prólogo do profesor D. Jesús Ferro Rubial, catedrático de Grego e Latín da Universidade Complutense e licenciado en Filosofía, Teoloxía e Humanidades, con varias publicacións e premios nacionais. Di do libro: “Unha lingua é un milagre e este libro é un almacén de milagres”. Polo interese que ten este prólogo, vou transmitir literalmente algún parágrafos. Subliña sobre o autor: “Pero nós, os que temos a sorte de coñecer a José Val, sabemos que homes e mulleres como el son precisamente os que día por día fan posible que o mundo siga dando voltas, os que impiden que o mundo estoupe definitivamente en desesperación e rancor. José Val ten por parte a faceta de incansable e fiel recolector do tesouro dos nosos ditos, dos nosos refráns, das nosas cantigas, das adiviñas, dos alcumes e dos costumes. E só por isto xa merecía a gratitude de todos os galegos, porque este tesouro lingüístico e o que aos galegos nos outorga condición de pobo diferenciado no conxunto dos pobos do mundo. Co seu traballo de animador dos Estraloxos, Vilar de Ortelle non é un puntiño perdido no mapa de Galicia, senón unha referencia clara, un faro de luz na Ribeira Sacra.”

Prosegue o prologuista poñendo de relevo: “¡Quen nos dera curas así polo menos nun terzo das parroquias galegas! Sinto devoción por este tipo de cidadáns-sacerdotes. Únome a esa merecida homenaxe. ¡Longa vida a José Val, os Estraloxos e a todos os que entenden a fe como servizo! Eles fannos ve-lo Nazareno camiñando pola nosa terra”.

Para rematar, unha lembranza máis do escritor Val e Val, dando a saber que editou seis magníficos libros, onde estudou e afondou nas raíces e costumes dos homes e mulleres que moraron dentro da Ribeira sacra, nos límites de Pantón. Xa recibida a confirmación oficial da Unesco para que Ribeira Sacra sexa proposta para o ano vindeiro 2021 como Patrimonio da Humanidade, coido que o crego Val e Val contribuíu cos seus traballos, puxo o seu grao de area, para axudar a que dito galardón poida ser unha realidade.

Tema marcado como favorito