El Correo 2

Torino

    • 27 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Os anxos non é seguro que existan, pero as sombras si, e estamos aí sempre. Se podería dicir deste libro de Ramón Torrado o que Carrère di de Limónov: por alucinante que pareza, non é ficción; este home existe, é unha persoa real que se pode coñecer. Todo o narrado en Torino ocorre hai poucos anos, entre Rianxo e Turín. E de certo xeito segue ocorrendo, como a banda musical que acompaña a este traxecto existencial, pois dunha verdadeira viaxe nunca se volve. Se xa non é doado escribir sobre outro sen facelo en círculo, dende e sobre o fondo de si mesmo, menos aínda iso é posible cando o obxecto da nosa mirada ten a veas abertas e non se oculta á vida atronada do seu autor.

    Ao reparar a portada deste libro, con esas miradas oblicuas dos catro personaxes protagonistas, xa podemos imaxinar que a curva, mesmo a que cabe na punta dun alfinete, ocupa o fío de Torino. Coma se a liña recta fose inmoral, a aproximación de Ramón ás cousas, dende os devanceiros ata a xente que se atopa camiño a Italia, é sempre matizada por unha trémula sensibilidade. Se cara ao final Torrado confesa o seu noxo pola velocidade, iso medraría dunha lentitude que sinte que ten que demorarse na pel, no rostro irregular de cousas, humanos e lugares. Non correr é unha forma de non ferir o corpo que respira. E todo respira neste libro, dende os mortos que nunca se foron ata eses sitios insólitos desta Europa do sul.

    Sofrimos así a cirurxía invasiva da viaxe, dun periplo cargado cun valor que raia o quixotesco. Foi dezasete anos atrás, pero parece que pasou onte. Certo, non hai tempo para o que nos marcou. Lembremos as iluminaciósn das vésperas. Pois ben, nunha viaxe solitaria e abertamente épica todo son vésperas. Mañá chegamos a Torino, lugar no que agarda o santo sudario; pasado partimos de volta. E as tormentas eléctricas nos Alpes, e a xente que baila en torno a ti mentres sorríe. Así día tras día.

    Nómadas son os que están aferrados a unha rexión central que non cabe en ningún sitio. Tense dito que ao contacto coa morte as evidencias tremen, se esvaecen. E os espectros da desaparición están moi presentes neste libro, enchendo precisamente unha vida que linda co soño e a noite. Non só na volta constante dos que se foron coma na incerteza cotiá, na posibilidade de non entender nada á volta dun recanto.

    Desta cercanía cos pantasmas da imaxinación ven a obriga rosaliana de non deixar de soñar o día cos ollos abertos. A viveza das sombras, que Torrado recibe de Rosalía ou Manuel Antonio, tamén da súa encantada vivencia natal, dalle un aire onírico á toda esta narración. Porén a diferencia entre ficción e realidade sempre é dubidosa.

    Maldito nostálxico, di Torrado de si mesmo, ao magoarse coa dor intensa do perdido. Se a segunda persoa é constante, alomenos na primeira parte deste libro, é por ese estrañamento central. Desta rareza natal ven en Torrado o gusto pola tradución. Certo, a primeira tarefa do estranxeiro en todas partes é traducir a unha lingua compartida esa corrente de sombras e rumores nativos.

    De cotío, o protagonista fala co outro de si mesmo: “Eu, a túa sombra, quérote, a pesar dos teus defectos”. Á contra da actual obsesión pola identidade, o Eu é o dobre sombrizo da nosa soidade, dunha existencia que roza sempre o soño da inexistencia. Se despois, como veu Jorge Sacido, esa segunda persoa narrativa case desaparece ao chegar a Italia, pode ser porque entón o santo sudario que nos separa de nós pode esvaecerse na elegante intensidade da cultura italiana. Torrado non ten reparos en afirmar que o calor da humanidade en Italia é incomparable á muda eficacia empresarial dos franceses.

    A peregrinaxe por esta Europa meridional é a crónica dun sentimental perdido entre os desertos do automatismo, as facianas que non miran, un calor asfixiante, autopistas ciclópeas e prezos astronómicos. O libro de Torrado non deixa de falar, como dicía Sokurov en Nai e fillo, da maldición que se deriva do feito de medrar cun amor natal que o envolveu todo. Esto lle fai a un feble, presa fácil dun universo enfriado pola alta definición. A orixe encantada desta narración, ese enxoiado rosario de pais, irmá e devanceiros en Araño, é a garantiá dun fío inicial de infelicidade. Supoñemos que se escribe para darlle musculatura a un corazón que vai demasiado por diante da cabeza. Os mellores desexos para esta aventura que segue hoxe, a través do labirinto actual. Quen se atreveu a facer Torino non deixará de estar armado para outros minotauros.

    Tema marcado como favorito