Elecciones

“A Galicia non lle viría mal un plan alternativo”

  • 30 jun 2020 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nado en 1951 en Cangas de Foz, o socialista Ismael Rego González pode presumir de ter unha das carreiras máis dilatadas no Pazo do Hórreo, onde exerceu como deputado entre 1986 e 2009. Ingresou no PSdeG en 1978 e estivo moi próximo ao ex presidente Emilio Pérez Touriño, sendo un dos seus máis leais colaboradores.

Rego tivo case todas as responsabilidades políticas, “só me faltou ser presidente”, afirma. O cometido máis grande que tivo foi ser o portavoz do grupo parlamentario socialista na época na que gobernaba Touriño xunto co Bloque Nacionalista Galego. “Foi o que máis tempo me ocupou e o que máis responsabilidade merecía”, declara.

O lucence considera que tanto a política como os políticos van cambiando co paso do tempo. E, ao seu xuizo, no pasado tíñase moito máis en conta que hoxe o poñer en valor as institucións. “Había necesidade de valorizalas socialmente, empezando polo Parlamento e pasando por todo o entramado institucional”, asegura. Hoxe en día as cousas “prodúcense de maneira diferente”.

Co paso dos anos son maiores os camiños para acercar as propostas aos cidadáns e cóntase con máis medios audiovisuais. “Agora hai moitas máis posibilidades de chegar aos cidadáns nun tempo practicamente real”, manifesta Rego, que lembra que cando el estaba máis en activo tiñanse moi en conta os mitins dos partidos, xa que era o momento no que os interesados podían escoitar as propostas dos candidatos. “Era necesario percorrer todo o territorio para buscar o trato persoal”, recorda. Na actualidade, a forma en que se presentan as propostas á cidadanía é diferente, xa que “hai máis medios, a través dos cales se consigue a inmediatez”.

A campaña de Emilio Pérez Touriño que permitiu relevar a Fraga Iribarne á fronte da Xunta foi unha campaña en torno a cal se xerou moita ilusión no partido. “Tratouse dunha lexislatura na que tiñamos claro que debiamos combinar moi ben a tarefa de oposición e de confrontación ideolóxica co goberno, pero tamén cunha serie de expresión propositiva do liderazgo que supoñía Touriño”, apunta.

Rego comenta que despois de once anos de goberno monocolor do Partido Popular “a Galicia non lle viría mal un plan alternativo”. A situación é “certamente esperanzadora para o que representa o PSdeG e Gonzalo Caballero como candidato”, di.

Tema marcado como favorito