Elecciones

Campaña en tempos da covid: como mobilizar en verán e sen cuchipandas

Sin mitins multitudinarios nin empanada e viño para os asistentes a campaña decorreu sen moita promesa e cun obxectivo principal para todos os candidatos: decirlle á xente que vote

  • 10 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os galegos decidirán colectivamente pasado mañá o futuro político da autonomía durante os vindeiros catro anos, e o 20% de indecisos que as empresas demoscópicas marcaban a pasada semana deberían ter xa decidido o sentido (ou non) do seu sufraxio, pois hoxe remata a campaña electoral. Toca facer balance.

Moito se ten falado de como pode afectar a pandemia á seguridade dos votantes para acudir ás urnas e de se “o medo ao bicho” podería producir un cataclismo abstencionista, nunha comunidade –valla a redundancia– xa bastante abstencionista. Pero esquecemos as enormes transformacións que o coronavirus xa ten provocado na contenda electoral.

En primeiro lugar, unha campaña a cabalo entre os meses de xuño e xullo en Galicia xa de por si resulta excepcional, pois esta é a primeira vez que os galegos acuden ás urnas para decidir a composición do Pazo do Hórreo durante o mes de Santiago. Non obstante, desta quenda, segundo o presidente da Xunta, era a opción menos perxudicial, mentres que a oposición –como o seu propio nome indica– opoñíase a esta decisión e acusaban a Núñez Feijóo de “pór en perigo a saúde dos galegos”, “intentar amañar as eleccións” ou “de ser un temeroso convocando para xullo”, demostrándolle ao candidato popular que o “multipartito variable” –do que el fala– si que sabe poñerse de acordo.

Non foi este o cambio máis traumático para o candidato popular. Ben é coñecido por todos en Galicia que a maior das fortalezas do PP en Galicia é a súa maquinaria electoral. Un mecanismo desenvolto e moi ben engraxado por Manuel Fraga durante máis de quince anos e que herdou e fortaleceu Alberto Núñez Feijóo. O plato forte das campañas populares sempre foron as cuchipandas; nas que candidatos, simpatizantes e concidadáns reuníanse tras os multitudinarios mitins arredor dunha mesa para rematar de conxeniar as súas posicións co aderezo das empanadas, os callos e un bó Ribeiro. Unhas xuntanzas que non invitaban ao uso de máscara e na que as mans acababan zumegando ao aceite da zaragallada e non ao xel hidro alcohólico, polo que tamén se tiveron que suspender, a pesar de que mitins, ao igual que as meigas, habelos hainos, tamén hoxe.

Non obstante, a campaña por obligación tivo que coller un cariz máis virtual. Unhas lides nas que tanto Ana Pontón como Antón Gómez-Reino xa contaban con certo recorrido, pero nas que tamén vimos a Núñez Feijóo collendo mestría nas conferencias de presidentes autonómicos de Pedro Sánchez e posteriormente mitineando virtualmente co candidato popular en Euskadi, Carlos Iturgaiz.

Mais se algo hai que destacar é o curtoplacismo desta campaña. A crise económica e social que xa comeza a palparse por mor da pandemia da covid-19 ocasionou un contexto electoral moi marcado por cuestións xenéricas como os problemas da industria e o apoio aos servizos públicos, nas que dende moi diferentes ópticas tomaron parte todas as formacións. A oposición apostou por mobilizar o voto progresista que derrotou nas pasadas xerais ao PPdeG e por visibilizar o que para eles foi un “decenio negro” con Feijóo á fronte da Xunta. Máis que por mostrarse conxuntamente como unha alternativa forte a un candidato popular, que, precisamente, se enfocou en mostrar unha imaxe de estabilidade fronte á unha oposición segmentada e de distintas sensibilidades.

Non houbo tampouco importantes promesas electorais a pesares das importantes visitas recibidas dende Madrid, das que probablemente unha das máis recordadas sexa a de Ortega Smith, que dende Xinzo chamou “racista e xenófobo” a Castelao, unha das poucas figuras de consenso en Galicia.

E se estas liñas se recitasen nun programa radiofónico, neste momento terían a un locutor berrándolles a través das ondas: “¡¡salta a noticia!!”. E é que por primeira vez despois de tantos anos en campaña, de mil anuncios e mil e unha rectificacións, o AVE non entrou en campaña. Bueno, digamos que case non entrou, xa saben o que di o refrán: “sempre hai un roto para un descosido”, e cando xa non se poden facer máis promesas, hai candidatos que deciden tirar de culpas e reproches. Tamén será cousa da pandemia do coronavirus.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.