Elecciones
{ TWITTER ON THE ROCKS CON TRES GOTAS DE RON }

Gómez-Reino márcase un Palomares

  • 30 jun 2020 / 01:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

COMO FRAGA PERO EN VERSIÓN WEISSMULLER. Os camiños do Señor son inescrutables. E non sabemos se consciente ou inconscientemente, o candidato de Galicia en Común transformouse en émulo de Fraga: só polo chapuzón, nunca por ideoloxía. Iso si, recoñezamos coa man no corazón que @AntonGomezReino ten un estilo máis tarzánico que o de Palomares. Onde vai parar.

O MITO DOS PEARES. Se Gómez-Reino non esconde a súa orixe urbanita, o candidato do PPdeG sempre presume de ser un neno de Os Peares. Desde o corazón do rural galego, tuitea: “Non pode haber campaña electoral sen a súa correspondente foto con vacas”. E a continuación, publica (o seu equipo de prensa, non @FeijooGalicia) un emoticono dunha res. Ao seu carón, aparece Diego Calvo, natural de San Sadurniño: o concello verde por antonomasia, paraíso sen igual.

BUSCANDO UNHA ESTRELA NO CEO. Nesta pose atopamos ao candidato do PSdeG, celebrando o Día do Orgullo LGTB e protagonizando un mitin. Acompañando a @G_Caballero_M aparece Nadia Calviño.

Aproveitamos para facer o tradicional inciso entre foto e foto. E comentemos a valentía dos políticos á hora de protagonizar estas perfomances, para esa aventura chamada campaña electoral. Non todo o mundo vale para saltar en bañador no Atlántico, en plan Daryl Hannah... ou para protagonizar os mítines do desconfinamento. Non lle chamen Nova Normalidade, cando poden dicir Nova Frialdade. Nestes tempos de cóbado con cóbado e candidatos plastificados, só falta que aparezan Frozen, Ana, o mozo e o reno.

MULLERES CO BRAZO EN ALTO. A política tamén ten máis intercambio de parellas que unha película de Woody Allen. Na imaxe que acompaña a esta peza (informativa, pseudoinformativa ou directamente de cotilleo), vemos ás mulleres do BNG de Vigo xunto con Alexandra Fernández (número 3 por Pontevedra). Neste acto de respaldo a @anaponton, os brazos érguense e recordan a aquela emblemática fotografía do Black Power nas Olimpiadas de 1968.

ATRACÓN DE CONGUITOS. Nun extremo totalmente oposto ao BNG, ao Black Power e a tantas loitas, aparece Vox. Ao igual que o catálogo de HBO, Espinosa de los Monteros tamén censuraría Gone with the wind de Griffith... pero para romantizar un pouquiño máis o papel do KKK. O domingo estivo dando guerra por Ferrol, sen recordar que esta cidade ten un espíritu tan combativo que no 2012 deixou Pretty in Pink unha estatua de Franco a cabalo. Pero xa antes de recibir abucheos na cidade naval, papouse uns Conguitos por Lugo. E ti me preguntas, que é provocación? Provocación eres ti.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.