25 Xullo 2021

A fe move montañas e abre camiños

María Ofir Aboy García / Secretaria de Administración Local

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

En todas as viaxes que realizo lonxe da miña terra, cando me atopo con alguén por calquera dos moitos camiños que percorro, sempre me preguntan se son galega. Claro que o son, e a moita honra. E o meu pensamento é recorrente: venme sinxelamente como o que son. Ven en min a estampa dos nosos devanceiros que, con máxico sorriso, mostraban aos demais ese non sei que, que eu que sei, que, certamente, fainos únicos.

Chegou por fin o día en que festexamos outro ano máis o 25 de Xullo, Día de Galicia, no que se conmemora a festividade do Apóstolo Santiago, e nesta ocasión, para todos e todas as que cren en Deus, o Ano Santo Compostelán, un fito histórico (só se celebra 14 veces nun século) que por mor desta pandemia inacabable prolongarase tamén no 2022 por decisión do papa Francisco. Non é que esta cifra sexa cuestión de encantamento, pero si é unha conxunción ben curiosa.

Como tamén o é que persoas de toda condición e dos cinco continentes peregrinen ao sepulcro do Apóstolo Bonaerges (Fillo do Trono), Jacob de Zebedeo, que pola súa graza conseguiu que o mundo enteiro coñeza Galicia, a Finis Terrae romana. Canta gratitude debemos mostrar ao Señor Santiago que (depende de para quen crea) veu a península a predicar o Evanxeo de Deus.

E ao seu redor, o cúmulo de historias contrastadas e lendas vivas desde que o ermitán Don Pelayo viu un campo de estrelas no bosque Libredón, ou o bispo Teodomiro da diócese de Iria Flavia (hoxe Padrón) aseverou que a arca marmórica, onde os escritos bizantinos antigos relataban que se atopaba o sepulcro do apóstolo, por fin fora atopada. E que dicir de Teodoro e Anastasio (hai que crer ou non crer), que trouxeron os restos mortais do discípulo de Jesús ata Galicia nunha barca de pedra tras sufrir martirio polas hostes de Herodes Agripa I.

En fin, adentrarse neste camiño que finaliza na tumba do Apóstolo é, sen dúbida, percorrer unha longa viaxe de transformación persoal e espiritual. Só aquel que ten verdadeira fe, relixiosa ou non, inicia a súa andaina ata onde repousan os seus restos coa crenza de que cada paso, cada pedaleo, cada metro máis cara á chegada, cada sufrimento e soidade ás veces compartida rematará reportando paz e acougo.

Logo de xornadas interminables cheas de confidencias, experiencias e sensacións, con aqueles que ven no camiño un asideiro e un contedor para baleirar a mente de sufrimento e salvar o corpo, retorna a confianza nun mesmo e desde o primeiro paso ata o último, antes de cruzar a Porta Santa e abrazar a imaxe silente, prodúcese unha impagable metamorfose interior.

Ao chegar á Praza do Obradoiro, destino ansiado do camiñante, todo peregrino atopa o que busca. Canso pero feliz. Porque a fe move montañas e abre camiños. A mellor recompensa é, tras o ritual do abrazo, ser fascinado polo Pórtico da Gloria, percorrer en silencio a restaurada catedral, que brilla no seu esplendor recuperado, saír por Praterías, observar o crismón co símbolo de Cristo, o principio e o fin coas letras gregas, alfa e omega (neste caso invertidas), respirar a esencia de Galicia, a sua alma, a paz. Recobrar a estabilidade perdida, alcanzar a transformación buscada.

Tamén, neste día, cabe lembrar a quen, desde hai mais dun milenio, accederon á nosa terra desde todos os confíns. É moeda de uso corrente referirse a Compostela como estación terminal. Antes dicíase que todos os camiños conducían a Roma; hoxe xa se sabe que a meta é Santiago. E tan é así, que ao longo dos camiños os peregrinos foron transformando a paisaxe e os servizos. Construíronse estradas, accesos, hospitais, vilas, hospedaxes, multiplicouse a hostalaría... ata se formalizaron normas xurídicas. Creouse un mundo dentro doutro mundo. E foméntase a unión de todos os pobos de Europa porque o Primeiro Itinerario Cultural Europeo foi e é o Camiño de Santiago.

A fe move montañas, si. E ademais abre camiños, que xa son de esperanza, solidariedade, confraternidade, unión. Continuemos sempre nesta senda, colguemos do noso corpo a vieira e sigamos xuntos camiñando, camiñando, camiñando...

Feliz Día de Galicia. Feliz Día do Apóstolo Santiago.

Tema marcado como favorito