25 Xullo 2021
ULLO

A tradición faise cada día

Rosario Álvarez Blanco / Presidenta do Consello da Cultura Galega

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Vivimos tempos estraños. Celebramos un ano xacobeo anómalo que arrincou cunha Compostela para a veciñanza, pechada aos alleos, sen colas á Porta Santa e sen o bulir de caxatos e mochilas ateigadas polo casco histórico. Unha longa xeira cultural prorrogada de xeito excepcional por un ano máis, coma o Ano Santo católico. Cun pórtico ata hai uns días emparedado e cunha catedral renovada, espléndida nas luces e nas cores; e, por fin, sen foguetes rebentando sobre as pedras sublimes do Obradoiro (ai, o noso magoado patrimonio!). Celebramos o 25 de xullo aínda cautelosos en quitar as máscaras para recuperar os rostros e neles a percepción das emocións, en saudar como sempre fixemos, en sentir aos outros no contacto.

Nesta nova transición, na que non todo volverá ser igual, cómpre unha pousa no camiño para repararmos nos usos e costumes, discernir entre a cerna e a casca, lembrar que é o que estamos a festexar e, incluso, reflexionar sobre cantos e cales cabos que portan a historia e a identidade colectivas se anoan no día grande de Galicia. Mais modestamente imos quedar ás portas, na noite do 24.

Pensamos nas vésperas do día do Apóstolo e acode axiña ao maxín a explosión de luces e cores sobre os ceos da catedral e sobre a praza, convertida nesa noite en corazón de Galicia. Tanto que semellan inseparables dunha tradición que, na inclinación ao presentismo de cada xeración, tendemos a ver secularmente inmutable, ata que as ciencias humanas, que tanto teñen avanzado no coñecemento da historia galega, veñen sacarnos do noso erro (os distintos colegas escusarán que, neste medio, non cite as fontes polo seu nome).

Non é difícil relacionar as luces desa noite co costume ancestral de celebrar as vésperas de festividades importantes con fogueiras e outras luminarias, que perdura desde a antigüidade. Pouco sabemos da celebración popular da noite de Santiago, fóra do rito litúrxico, nos primeiros séculos de culto xacobeo, pero si que no século XVI os veciños da vila eran chamados a pór nas portadas e ventás fachas e candeas con que alumar e enfeitar o espazo urbano na noite do 24 de xullo, do mesmo xeito que o cabido iluminaba as ameas e o interior da catedral: non había fogos de artificio senón luminarias respectuosas co medio, que pousaron a semente das escintilantes luces de cores que chegarían moito despois.

Posterior foi tamén a ofrenda ao Apóstolo, que outro rei Felipe da Casa Real española, o IV, instituíu en 1643, a modo de reparación de tantas décadas de desencontros entre a igrexa compostelá e a coroa. Coa ofrenda e os seus fastos, en pleno esplendor barroco, enriquécense os festexos. E chegaron os tempos da coñecida queima do castelo, construción efémera decorada con motivos cambiantes ao longo do tempo, nin sempre de temática xacobea; con maior ou menor complemento de efectos teatrais, ardía no medio da praza acompañado de fogos de artificio.

A prohibición de gastar pólvora interrompeu a tradición fogueteira a fins do XVIII, pero esta permaneceu na memoria popular e rexurdiu no século seguinte. É o momento en que se constrúe a fachada desmontable, que tapa a barroca, dándolle un aire un pouco máis medieval á catedral, e serve de soporte aos foguetes da queima, que se unen aos que voan polo aire e rebentan nas alturas, nun grande espectáculo pirotécnico. Non é detalle menor que a fachada postiza non comezase a ter aire mudéxar, ou máis ben neoárabe, ata fins do século XIX, en parte porque cadraba moi ben cos estilos orientalistas que tanto gustaban na altura, en parte porque servía mellor aos intereses por lembrar o Apóstolo como adaíl do Cristianismo fronte ao Islam.

Xa ven vostedes. A fachada de corte historicista que os composteláns contemporáneos coñecemos, e algúns choran, fixo parte dos usos e costumes tradicionais durante un século, pero non era en si mesma “a tradición”. Formaba parte da casca, non da cerna. A historia foi deixando tras de si feitíos ben diferentes, todos, no fondo, adaptacións temporais, continxentes, dunha celebración.

Tradición ininterrompida? Si, e abofé moi vizosa. Tradición inmutable? Non, por fortuna, senón viva, renovándose cada día, capaz de se adaptar ao presente e de camiñar afouta cara ao futuro.

Tema marcado como favorito