25 Xullo 2021
ULLO

Santiago e os camiños

Helena Villar Janeiro / Escritora, profesora e poeta

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

No val austríaco de Wachau, onde o Danubio reflicte a impresionante abadía dourada de Melk, dei co sinal do Camiño de Santiago. Unha disponse a visitar o espazo de onde se di que sacou Umberto Eco o material narrativo de Il nome della rosa e non dá sacudido a emoción de ter pisado un camiño xacobeo no corazón de Europa.

Entre nós proliferan as marcas amarelas porque se van xuntando os moitos os camiños que traen onde, segundo a crenza popular, están os restos do Apóstolo que chegou ata o cabo do mundo e quedou nel. Desde a proximidade do Cebreiro, nos Ancares tiñamos coñecemento de que existía unha vía de peregrinos a Compostela, sobre todo desde o inicio dos traballos de Elías Valiña, o párroco que puxo as bases para a recuperación dunha peregrinación que incorpora a inevitable modalidade do turismo.

Era aquel o vello Camiño Francés ao que hai pouco se uniu outra variante esquecida que evitaba a subida ao Cebreiro cruzando polas terras máis próximas a onde meu eu criei: a Vía Künig, camiño bimilenario coincidente en parte cunha vía romana. É esta unha ruta en rehabilitación con moito patrimonio cultural e natural que admirar ás súas beiras. Nela sitúase o Convento de Penamaior, que vén de venderse a un particular sen que as admnistracións públicas mostrasen ningún interese na súa adquisición a pesar de ter sido declarado BIC.

Jesús Bastante, autor de “Santiago en el fin del mundo”, obra na que novela a vida do fillo do Zebedeo e Salomé, dixo nunha das presentación en Galicia que o Santiago que quería transmitir estaba moi lonxe do Santiago matamouros e que, tras vinte séculos, segue tendo unha mensaxe de amor e axuda ao máis desfavorecido”. Este Santiago é moi parecido á súa representación polo polo pobo galego nalgúns cruceiros e templos románicos, coa vieira e o bordón, elementos auxiliares dun camiñante que mesmo lle presta o nome a un dos meses de máis duro traballo agrícola do verán.

Castelao, que sabía tanto de arte popular en soporte de pedra, quizabes con esta visión do Apóstolo e o seu significado, fai o seu discurso “Alba de Gloria” para o día máis grande de Galicia. “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da beiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todalas campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pola vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trae luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza”.

Santiago chega a Galicia por unha ruta Atlántica e elixe Compostela para quedar. Hoxe trae e leva peregrinos por moitos camiños que cruzan o país en todas as direccións. Santiago marca o Día grande Galicia. É ese noso Santiago que veu en barca de pedra e está esculpido en pedra polos nosos canteiros. É o noso Santiago pacífico, popular, camiñante e compañeiro de camiñantes.

Tema marcado como favorito