25 Xullo 2021
ULLO

Un novo 25 de xullo de optimismo fronte á COVID

María Luz Couce Pico / Xefa de Servizo de Neonatoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Profesora Titular de Pediatría na Facultade de Medicina e Odontoloxía na USC

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este 25 de xullo de 2021 é especial na nosa terra, pois ademáis de ser o día Nacional de Galicia, o Día da Patria Galega, estamos no Ano Xacobeo, no Ano Santo Compostelán. Deixamos unha etapa de pandemia moi dura e inimaxinable que entrou nas nosas vidas coma un tsunami, xerándonos unha grande incerteza e temor, e que sen dúbida nos marcou e segue marcando o noso pensamento e a nosa forma de valorar os acontecementos da vida.

Este día queremos celebralo especialmente pois despois da dureza do último ano e medio, por fin temos máis control da infección polo COVID-19. Grazas ós rápidos avances científicos dispoñemos de vacinas para esta enfermidade, accesibles en España e na maior parte da Unión Europea, dende o 27 de decembro de 2020. Os tipos de vacinas dispoñibles actualmente no noso país son as de ARNm como a vacina de Pfizer-BioNTech e a de Moderna; e as vacinas de vectores coma a de AstraZeneca/Oxford, e a de Janssen/Johnson & Johnson.

Ata mediados de xuño máis do 30% da poboación a vacinar en Galicia ten xa a pauta completa superando os 920.000 inmunizados contra o Covid e máis do 50%, 1.430.000 personas, recibiron polo menos unha dose. Todas estas vacinas teñen demostrado a súa eficacia; iso, conxuntamente cos avances nas técnicas de detección que permiten a identificación moi rápida das persoas infectadas e o axeitado control e seguemento das medidas preventivas recomendadas polas autoridades sanitarias, poderemos afrontar o futuro con optimismo. Non obstante, non debemos ser compracentes senon prudentes e comezar a desescalar paulatinamente, pois sabemos que a ameaza de variantes novas máis transmisibles e que poden facerse resistentes ás vacinas é aínda real e grave; e tampouco debemos esquecer o que nos tocou vivir e as secuelas que deixou e deixa esta pandemia por COVID-19 en termos de mortalidade, morbilidade e socioeconómicos.

A repercusión sanitaria da pandemia en Galicia foi menos intensa que noutras Comunidades Autónomas na primeira onda, en tanto que os meses de maior taxa de infección e sobrecarga asistencial foron os de febreiro a abril deste ano. A partir de entón, grazas ás medidas adoptadas, a situación de infección en Galicia mellorou considerablemente. Non obstante, con prudencia e seguridade temos que avanzar e ir camiñando amodiño cara unha nova etapa máis semellante á que tiñamos antes, con reunións de familiares e de amigos, desfrutando máis dos praceres da vida, pero sen presa por marcar unha data concreta e mantendo o rumbo cun compás axeitado.

Nesta iniciativa que me ofrece un ano mais este xornal non podo deixar pasar a oportunidade, como membro do persoal sanitario, de reflexionar sobre o que a pandemia nos demostrou, que poden axilizarse os trámites burocráticos e así permitir unha maior eficiencia en innovación e investigación, tan importante en tódalas áreas e, neste intre, de xeito particular no ámbito sanitario, sendo necesario manter a continuidade desas prácticas. Debemos aproveitar a oportunidade de mellorar a nosa atención ós pacientes e de potenciar a investigación, redirixindo o sistema de saúde cara a onde queremos e necesitamos que vaia.

Este 25 de xullo vai ser mellor que o do pasado ano, pois nesta pandemia demostramos que somos quen de aprender dos erros e reconducirnos nas situacións inesperadas.

Tema marcado como favorito