Gallegos Premiados 2002
SEPTIEMBRE 2002

O comisario e escritor Luis García Mañá, nomeado 'Gallego de septiembre' polas redaccións de EL CORREO e O Correo

  • 07 dic 2020 / 23:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O compromiso coa cultura e coa lingua galega, alén do seu labor como narrador e ensaísta, valéronlle a Luis García Mañá, —comisario xefe de Policía de Vigo-Redondela e escritor— a distinción de Gallego de septiembre, outorgada polas redaccións de O Correo Galego e EL CORREO GALLEGO.

Logo de trece anos á fronte da comisaría viguesa, —nos que desenvolveu unha intensa relación co mundo asociativo e cultural da cidade- e con varios títulos e publicacións no seu haber, García Mañá refírese ó galardón do Grupo Correo como "unha gran honra''. Explica que a súa devoción pola cultura e pola literatura en galego parte das súas propias orixes familiares, xa que se o seu pai era de Taramundi, —que cualifica como "a Galicia irredenta a pesar de que administrativamente sexa Asturias ''—, e a súa nai naceu na fronteira con Portugal. "Estas circunstancias marcáronme desde neno por vivir nunha fronteira rica en tradición oral e en vivencias'', sinala.

Autor dun total de doce libros e licenciado en dereito, Luis García Mañá insiste en que o seu camiño dentro da literatura foi lento por ter claro que "son un funcionario do Corpo Nacional de Policía ó servicio do Estado e á miña afección literaria tan só podo dedicarlle os meus tempos de lecer creativo''.

Veciño de Vigo desde a súa incorporación ó cargo que actualmente desenvolve, Luis García Mañá confesa ter tecido uns lazos especiais coa cidade como consecuencia dos vínculos establecidos coas principais empresas editoras que deron a coñecer a súa obra: Edicións Xerais de Galicia, Galaxia e Ir Indo Edicións.

Recoñece que nas súas obras mantén o interese inicial de combinar aspectos histórico-xurídicos con creación literaria e proba do mesmo son títulos coma As plumas do moucho, novela editada por Ir Indo, ou O lume de Santo Antón, editado por Xerais.

Precisamente a traducción ó castelán desta última obra, na colección Alianza Literaria de Alianza Editorial, así como a edición dun relato nun libro que contén creacións de Florentino Cuevillas e Ánxel Fole, enche de satisfacción a Luis García Mañá, quen explica que na actualidade centra o seu traballo en recompilar datos para escribir a súa próxima obra, unha narración que tamén terá vertentes histórico-narrativas, como acontece coas anteriores, e que neste caso comezará no século XVI para acabar no século XXI.

Animador da normalización lingüística no ámbito policial, García Mañá introduciu o galego na comisaría viguesa e nas relacións do corpo policial coa sociedade, labor explicitado na emisión de formularios, comunicacións públicas e modelos de denuncias en galego. De feito, a brigada da policía científica desta Comisaría recibiu o premio Lois Peña Novo polo uso que do galego fai esta unidade na emisión de informes, remitidos ós xulgados da cidade. A preocupación de García Mañá pola cultura resúmese tamén na pertenza a organismos coma o Consello Rector da Fundación Otero Pedrayo, Fundación Premios da Crítica, Fundación Faustino Santalices e Instituto de Estudios Vigueses, do cal é membro numerario. Ademais é membro do consello asesor da Revista de Lingua e Dereito, editada pola Universidade de Vigo, e vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

De outubro a outubro

García Mañá dirixiu, coordinou e participou como relator nos cursos de verán organizados pola Universidade de Vigo, Tras-os-Montes e Alto Minho, dedicados ó estudios das relacións internacionais e transfronteirizas, que se teñen celebrado nas localidades de Chaves, Xinzo de Lima e Celanova.

No eido profesional participou como relator en cursos do Centro de Estudios Xurídicos da Administración de Xustiza e do Máster de Comunicación e Protocolo na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo. Formou parte de xurados de premios literarios e foi tamén autor do Bando do Día das Letras Galegtas da Alcadía de Vigo en 1999.

Como escritor ten publicado As plumas do moucho, O lume de Santo Antón, Miño, ¿existiu unha fronteira? ou Couto Mixto. Unha república esquecida, estudio histórico, que xa vai pola terceira edición, publicado polo Servicio de Publicación da Universidade de Vigo.

Coa distinción a García Mañá complétase o ciclo anual de Gallegos del Mes, un galardón que chega xa á XIII edición e que premiou, desde o pasado outubro, a Alberto Barciela Castro, Manuel Moleiro, ós actores da serie Pratos combinados, á tripulación da fragata Extremadura, Clemente González Soler, Toñi Vicente, Florentino Cacheda, Ruth Gómez Vázquez, Genaro Borrás, José Luis Pereiro Alonso e Jesús Suárez López.

Tema marcado como favorito