Gallegos Premiados 2007
MARZO 2007

Antón Pulido, Galego de Marzo

O Grupo Correo Gallego recoñece unha extensa e prolífica traxectoria artística e, ao tempo, o compromiso do creador coas máis diversas manifestacións da cultura galega ·· A plástica, o deseño, a música e o ensino modelan a personalidade poliédrica deste pintor ourensán

  • 07 dic 2020 / 22:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Grupo Correo Gallego escolleu, por unanimidade das súas redaccións, o pintor Antón Pulido como Galego de Marzo, un galardón que celebra unha extensa e prolífica traxectoria artística, pero tamén o compromiso do artista coas máis diversas manifestacións da cultura galega.

Antón Pulido naceu no 1944 en Bóveda de Amoeiro, Ourense, cidade esta última na que estudou Humanidades, Filosofía e Música. Fixo a carreira de Maxisterio, comezou a de Filosofía e Letras e desprazouse a Barcelona, onde, durante varios anos, dirixiu un colexio. Ademais licenciouse en Belas Artes na Universidade de Sant Jordi, nas especialidades de pintura e de gravado.

Precisamente en Ourense, no 1965, realizou a súa primeira exposición, organizada por ­Xesús Ferro Couselo no Museo de Ourense. De estilo expresionista, na súa pintura destaca o debuxo esquemático, o emprego dunha pincelada ancha e firme, e a multiplicidade cromática, violenta e chea de contrastes, por medio do que se definiron os diferentes espazos dos seus cadros. O protagonista dos seus lenzos é o home, representado na súa soidade, partindo dun realismo que o sitúa no límite, evoluíndo, a través da súa base compositiva e debuxísica, cara a unha ­abstración que se achega ao informalismo.

Entre as súas influencias destaca o monocromatismo e a recorrencia á simbólica ventá harmonizadora de espazos interiores e exteriores (serie Lúa, 1991) ou os grosos perfís que empregou para delimitar o contorno de obxectos e personaxes.

Na década dos noventa, Pulido pintou atmosferas densas e abstractas en series nas que empregou un grafismo oriental, herdanza de Tàpies e na que se intúe o influxo de Pollock e a súas técnicas pictóricas. Influído pola súa formación en Humanidades, Filosofía e especialmente en Música, a xestualidade e o ritmo marcaron as súas pinturas, expresións de sensacións e sentimentos, onde as improvisacións conviviron co narrativo.

No Espacio de Arte

Unha mostra da súa obra recente púidose ver no Espacio de Arte do Grupo Correo Gallego, en abril do 2003, e tamén ­nunha retrospectiva que se amosou na Casa da Parra de Santiago, na Casa das Artes de Vigo, Museo de Ourense e na Casa de Galicia en Madrid. A súa obra como pintor está representada en múltiples coleccións particulares, fondos artísticos de institucións e de museos.

O vencello de Pulido coa arte e co mundo da cultura non provén unicamente da súa actividade artística. Foi director xeral de Cultura -durante o mandato como conselleiro de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe-, e tamén o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago.

Asesor en temas de arte da Enciclopedia Galega Universal (EGU), este ourensán é director da colección Artistas Galegos (pintores, escultores e arquitectos) de Nova Galicia Edicións.

O mundo do deseño tampouco non se lle escapa ás inquedanzas de Antón Pulido. Máis de trinta capas de libros en diversas editoriais, revistas, logotipos e distincións (como a que se entrega nos Premios da Crítica ou nos Premios Lois Peña Novo) engrosan un ­currículo no que salienta, tamén, o seu labor como retratista. Entre moitos retratos realizados para institucións como o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Vigo e a Real Academia Galega figuran os de Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Luis Espada, Ramón Piñeiro e Ramón Castromil.

PATRONO EN DIVERSAS FUNDACIÓNS

Conferenciante, gravador e defensor da lingua

A presenza de Antón Pulido é habitual nos principais foros, eventos e institucións que traballan a prol do idioma galego e da cultura de Galicia.

Recentemente, no acto de nomeamento da última edición do Galego Egrexio, leuse o xa coñecido como Manifesto dos Cento Setenta, unha iniciativa impulsada desde o seo dos Premios da Crítica de Galicia para reivindicar o uso do e copulativo, no canto do i, froito de malas utilizacións do idioma e de contaminacións do castelán. Antón Pulido foi o deseñador dun pin coa letra e, que se entregou durante a presentación deste manifesto.

Pulido é, ademais de patrono da Fundación Premios da Crítica, membro do padroado da Fundación Laxeiro, da Fundación Castelao e da Fundación Alexandre Bóveda.

A súa actividade como conferenciante tamén o levou aos paraninfos das universidades galegas, así como a diversos institutos e asociacións culturais. Na actualidade está a traballar nunha carpeta de gravados, Negro vermello, que presentará proximamente nunha prestixiosa galería de Madrid .

AS CLAVES

Toda a súa vida cun lapis na man

Fillo dun mestre de escola, Antón Pulido sempre se lembra cun lapis na man. Durante toda a súa vida, compaxinou a dedicación á carreira artística, co desempeño de cargos relacionados coa xestión cultural e co Ensino Secundario. "Dos alumnos sempre se aprende porque son directos e creativos", asegura Antón Pulido.

Os Artistas galegos de Nova Galicia

Séntese orgulloso da súa participación, como director e deseñador, na colección Artistas galegos, un ambicioso proxecto editorial, desenvolvido no seo de Nova Galicia Edicións, a editora de Carlos del Pulgar, e que supón un esforzo importante de difusión, mesmo a escala internacional, de pintores, escultores e arquitectos galegos.

Clásicos da música, o teatro e a pintura

Este ourensán de nacemento, pai de tres fillos, un deles músico, é un gran coñecedor dos clásicos: desde os grandes mestres sinfónicos, pasando polos autores teatrais da Grecia antiga e chegando a un coñecemento global do feito pictórico, nun lugar persoal no que conviven Rembrandt, Picasso, Paul Klee ou Laxeiro .

Tema marcado como favorito