Gallegos Premiados 2009
recoñecemento

Elegida Gallega del Mes de Junio la escritora ferrolana Rosa Aneiros

As redaccións do Grupo Correo Gallego distinguen os dez anos de traxectoria literaria da escritora e xornalista de Valdoviño, que en 1999 iniciou a súa andaina nas letras galegas con 'Eu de maior quero ser' ·· A autora acaba de recibir o Premio Xerais e o Fundación Caixa Galicia

  • 07 dic 2020 / 09:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O nome de Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) acaba de sumarse á nómina de autores literarios que foron xa distinguidos cun premio Gallego del Mes, que, durante todo o ano, recoñece o labor dun persoeiro ou institución. Nesa listaxe figuran xa autores como Camilo José Cela, Víctor Freixanes, Manuel Lourenzo, Manuel Rivas, Torrente Ballester, Xosé Neira Vilas, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Pillado, Helena Villar, Xesús Rábade ou Susana Fortes. Agora, as redaccións do Grupo Correo Gallego -que integran EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Tierras de Santiago, Radio Obradoiro e Correo Televisión- outórganlle á escritora ferrolá o recoñecemento de Galega de xuño.

Aneiros, que se deu a coñecer na escrita en 1999 coa publicación de Eu de maior quero ser, vén ademais de marcar un fito literario, ao conseguir, aos dez anos da publicación daquela primeira novela, o Premio Xerais de Novela e o Premio Fundación Caixa Galicia, ambos na mesma edición, outorgados este mesmo mes nun acto literario na Illa de San Simón.

Senllos recoñecementos, polos que a escritora afirmou sentirse "abraiada", ofreceullelos aos seus lectores, "por todo o que aprendín deles dende hai dez anos". Sol de Inverno, a novela pola que conseguiu o Xerais, conta, segundo a autora, "a historia dunha nena que loita por recuperar a súa infancia -o paraíso de Antes-" e, ao longo da súa trama narrativa, tentou "rescatar a memoria de propia nenez". Aneiros destacou, así mesmo, que Inverno é un personaxe "completo" porque loita polos seus ideais e polos dos outros ao sentilos "tan preto como os propios".

No caso de Ás de bolboreta, trátase dunha novela con historias e personaxes que se cruzan. A autora quixo expresar que na sociedade actual "todos estamos interconectados", en alusión tamén ao coñecido como efecto bolboreta, que teoriza sobre a concatenación de feitos aparentemente inconexos pero con inequívocos nexos de proximidade.

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección Agardando as lagarteiras), e en xornais como Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da Axencia Galega de Noticias-AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática, ademais do programa Un día por diante da Radio Galega.

En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser (Sotelo Blanco), unha historia iniciática, de mozos na Compostela universitaria, na que moitos críticos quixeron ver un retrato xeracional e un xeito de narrar que achegaba novas perspectivas a unha novela galega, en demasiadas ocasións cinguidas polo corsé do canon ou de certos estereotipos narrativos.

Xéneros diversos

Unha ampla nómina de galardóns

Á publicación de Eu de maior quero ser seguíronlle achegas como Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), unha resposta literaria á catástrofe do Prestige.

Publicou relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Recibiu premios como o Modesto R. Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Lueiro Rey (1996); o Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001); o Arcebispo Juan de San Clemente (2003); ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego (2007) polo artigo A última vaca. Ao pé do abismo (Xerais, 2007), que recolle a súa obra xornalística .

Tema marcado como favorito