Número 50.000
GHALEB JABER IBRAHIM

Medio século en Compostela

  • 16 jun 2020 / 01:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Máis de catro décadas acompañan a miña amizade e colaboración con toda a familia de “El Correo Galle-go”. Seguimos cubrindo etapas porque nos resistimos a chegar á meta. 142 anos de historia e 50.000 exemplares aválannos para seguirmos pedaleando. Debe ser por isto que me convidan a contar os vínculos e anécdotas con esta cidade.

Cheguei a Santiago a véspera do día dos namorados de hai 50 anos (1970). Sen dúbida, presaxio da miña relación con Compos-tela. Ese lugar ao que todos me dicían que non fose porque había un Apóstol matamoros e que chovía tanto que a auga rebotaba cara arriba. Despois souben que o santo chegara desde a miña terra, Palestina, e que a choiva era arte. Menos mal.

Se ata ese día, nada fora convencional na miña vida anterior en Palestina, enseguida deime conta que a normalidade tampouco a ía a atopar en Compostela. Esa mesma noite, uns fogos artificiais festivos devolvéronme aos ataques israelís na miña terra. Neste caso, sen refuxios e coa xente gozando daquelas bombas de cores. Non daba crédito.

Hai unha imaxe de Santia-go que quedou pegada á miña retina desde o primeiro día, o edificio Castromil. Pola súa beleza, pola vida que se xeraba na súa contorna, porque na súa traseira estaba a Pensión de La Estrella que me acolleu recen chegado e porque era a vista desde o Derby, ese lugar de encontro sin igual.

Cando por fín trasladeime á Pensión Nogareda, en fronte do antigo cuartel no Hórreo, tiven a oportunidade de vivir outra experiencia marabillosa. O agarimo que me tiña a dona levoume a descubrir a praia, o peixe, o marisco, o viño, a cervexa, todo iso na súa casa de Caión á que me levou a pasar o verán, eso si, polo mesmo prezo que pagaba na fonda.

Dos primeiros meses, tamén son inesquecibles as experiencias do achegamento á miña querida Universidade. Por ser estranxeiro, tiven que pasar unha proba de castelán para que autorizasen o meu ingreso. No tribunal estaban os profesores Manuel Díaz, Suárez Núñez e Manuel Bao. Ao acabar a proba e no medio das súas caras de estrañeza, dixórenme: vostede non fala castelán, fala galego. Eu falaba o idioma das pensións. A emotividade de todos nese momento perviviu para sempre.

Outro intre moi especial foi, cando despois de horas de cola para pagar a matrícula en Medicina e coas miñas deficiencias de comprensión do idioma aínda evidentes, ao achegarme ao mostrador vexo un cartel que poñía “o pago da matrícula realizarase en metálico”. Eu que levaba billetes, alí funme da cola a un banco que me cambiasen todo en moedas. E así paguei a miña primeira matrícula.

Algún tempo despois, cando xa tiña máis confianza co castelán e nos paseos entre comidas ao SEU (baixo actual de Sargadelos) ou ao Coruña a tomar o bocadillo de luras ou ao Rois cando xuntaba diñeiro, pois como digo neses traxectos, un día reparo en que a cidade estaba chea de carteis nas casas que poñían: alúgase Amor; véndese Amor; traspásase Amor. En canto puiden, púxenme en contacto coa familia para transmitirlles a miña preocupación porque Compostela era un lupanar descomunal. Cando souben que Amor era unha axencia inmobiliaria deume moita tranquilidade.

Do meu paso como axudante de cociña no Restaurante San Clemente –traballaba de 13 a 16h para asegurar as comidas- ou do destino dun pato da Alameda un día de Noiteboa sen nada que levarnos á boca, ou dos anos de Rey Mago na cabalgata ou da Presidencia do Obradoiro, falaremos noutro momento.

Seis anos despois da miña chegada e o mesmo día que rematei a carreira de medicina, o 12 de xuño de 1976, cambieime de roupa para casarme na Colexiata do Sar con Requina, esposa, compañeira e amiga coa que compartín todo, incluídos cinco fillos maravillosos: Rahid, Ghaleb, Requina (Minchi), Farys e Ianis, que xa nos fixeron seis veces avós. O amor sen límites.

Para Constantino e María, os queridos sogros, e para os meus cuñados, Mónica e Tino todo o meu cariño e recoñecemento. Nada podería ser sen o seu apoio.

Na traxectoria empresarial, as cousas non foron fáciles. Aquí fíxenme compostelán por dereito. A integración xa non tiña desculpas pola orixe, nin anécdotas polo idioma. Había que incorporarse ás cousas tal como eran. Desde o meu primeiro negocio, o salón de té Rahid, ou con RTC –a primeira televisión local en España-, ou desde Intertisa, foise construíndo unha lenda urbana sobre o árabe, sobre o moro, que nunca confirmei, nin desmentín. Era información moi valiosa.

Despois chegaron o Hotel Araguaney, a Fundación co mesmo nome e a produtora CTV. Máis de 35 anos apostando pola empresa e a cultura de Compostela e Galicia, sen perder a perspectiva da miña terra, Palestina. Ramón Domínguez, Ángel García e Xosé Arias, conforman o equipo inicial que durante todos estes anos de pelexa e respeito, conformou a realidade do Grupo Araguaney. O máis profundo agradecemento.

Santiago segue sendo a cidade do meu mellor imaxinario, na que sigo querendo ver a fachada reconstruída do Castro-mil humanizando a praza de Galicia, ou a Rúa dá Senra para os peóns como nexo de unión coa parte nova e non reafirmando a antiga muralla que por alí pasaba, ou unha cidade ben sinalizada como o centro cosmopolita que é, en definitiva, moi animado e entregado ao futuro dunha Compostela que seguirá sendo eterna a pesares de todos nós.

Tema marcado como favorito