Xela Arias
17 M DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Manuel Vidal Villaverde

Por Manuel Vidal Villaverde, Xornalista, poeta e ensaísta

    • 17 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Xela Arias, intempo de Sarria, no mesmo intempo de Vigo, ano 2003, outro século nas nosas cancións, nos nosos sentimentos, e non sei ben se nas nosas emocións.

    As palabras son así: “Vide./Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo./ Vide que vos convido / a vos ver. / Ven que te reto / a te ver a ti desde ti en ti”. O tempo de alcatrán, disociación de múltiples espectáculos, multidualidade, se tal vocábulo existe, ou veño eu de inventar nesta tarde de primavera: convídovos ó espectáculo. É esencia das palabras que percibiron o poema para os sentidos, é Xela Arias no abaixamento que quixo para si a vida; veño de me intemperiar en fragancias de outonos esquecidos, escribín, debelada a tarde do que foi e xa non é trasunto de Vigo. Sabía do seu libro, sen saber que non era tan así definitivo, e non quero dicir premonitorio, pero si revelador.

    O anunciado xa estaba naquel seu primeiro poemario: Denuncia do equilibrio e prosegue en Tigres coma cabalos. Hai unha indefectíbel unidade temática nos versos de Xela: a vida, amor e morte, perfecta harmonía do ser en relación co ontolóxico, e hai serenidade pese á non aceptación do tránsito feroz que as quendas supón o vivir, a amargura ao outro, aos outros: “Desordénome, amor, / e dou co punto / único / do centro dos abrazos”.

    Binomio orde-desorde, establecer a ecuación da beleza, a fragmentación do Universo, o retrato do Caos: “Mais regrésote á cor das cousas / e fundo / un historial de termos conquistados / con paixón de pintadora de imaxes / líquidas. / Miñas, / de primeira man as palabras que uso, / por dotarte, / de contido”.

    Os versos aquí citados corresponden todos ao libro último de Xela, Intempériome, singradura definitiva, esclarecedora. Qué é Intempériome? Ela mesma o di: Íspeme o idioma. Intemperio, intemperie, intemporal, fóra xa de tempo: “sómbrame que sei de sobra / a carnaza que entre veras así devora así vomita / a poesía”.

    A nosa poeta sabe da inminencia inerme do tempo, e con vocábulos chave-clave resolve as ecuacións dos enigmas substantivados para erguer sobre si o equilibrio denunciado, os días recobrados, proustianamente: “Apaño a felicidade insomne dos intentos, / e procuro o paso do traspaso das palabras / máis alá / de calquera tipo de entusiasta / ficción documentada / (ou quedada)”.

    Cal é o equilibrio denunciado hai máis de trinta anos? Pois o mesmo que denuncia neste libro, coherente con Intempériome: “Ambiciono o equilibrio dos extremos, / que tanto pesan, / a cada lado. / Pero sempre hai un gañador, anque perda”.

    BIOSINTAXE E OUTRAS ESTRUTURAS. Poida que a brevidade sexa unha manifestación innecesaria da vida, ad litteram. Aínda non era mediodía en Compostela. Nova Facultade de Filosofía. Un recital no que participabamos, entre outros, Xela, Helena de Carlos, Rafa Villar, Manuel Outeiriño, Xavier Rodríguez Baixeras e quen subscribe estes parágrafos.

    Reflexiono, entón, nestes versos de Xela, con ecoares de Gil de Biedma: “De certo, a vida ía en serio. / Por iso morrer non conta / números. / Eras moza, / cómplice nunha derrota que non / sumabas. Feliz por terte insomne / por inmortal”.

    Despois, cando a traxedia do Prestige, ou unha manifestación cívico-poética das Redes Escarlata. Aínda non era tempo de esquecer. Despois, os días foron esvaecendo no recurso máis inútil da memoria, como un novembro calquera en paixóns íntimas e últimas, en palabras máis que en libros de vertixe.

    Malva como os anxos neutros do equidistante Juan Ramón Jiménez, “blancura sinistra da neve” en Xosé Ánxel Valente.

    As quendas, o silencio é toda a elocuencia posíbel. Enmudezo e dou fin a esta evocación, con este poema da miña autoría para este día das Letras Galegas adicado á memoria de Xela Arias:

    Irisación de corpos en alba.

    Cada letra ten unha cor.

    O a dun branco frío en perpetui dade de neve,

    o a só, leve e senlleiro,

    artigo ou contracción,

    e o til engade ao círculo

    unha sombra de verde herba

    que pugna por saír ao arrebato da luz

    cando as sílabas, xa palabras,

    propostas longas linguas lonxivagas

    en bocas acesas integradas.

    Así soubo o Ser dicir

    posesión posuída e descubrir Arco Iris,

    de química impura e certeza de náusea e vágado,

    linguaxe de mans aínda non ausentes frías,

    xeados ollos de mármore

    para erguer gris na mañá insomne,

    ípsilon en programación de misterios,

    en púrpuras e ocres

    que se corresponden entre si

    e deixan pegada e cor nos camiños.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.