Galicia

A CIG sae ás rúas para demandar unha saída á crise que rompa ca "doutrina neoliberal"

Para o sindicato, a pandemia está a evidenciar as “carencias, fracasos e inxustizas do capitalismo e da Unión Europea”

  • 07 feb 2021 / 19:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Centos de persoas saíron ás rúas este domingo convocadas pola CIG para demandar unha saída da crise provocada pola pandemia que leve a cabo a través de políticas que rompan coa "doutrina neoliberal" e permitan "iniciar unha auténtica recuperación económica e social".

As mobilizacións, adaptadas ás restricións motivadas pola pandemia, repetíronse en 18 localidades galegas baixo a lema 'Por unha saída galega xusta da crise'.

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, participou na de Vigo, onde chamou a reclamar medidas que se desvíen da "doutrina neoliberal" que, ao seu xuízo, está detrás das medidas de todos os gobernos, incluído o do Estado "por moito que as disfrace o goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos".

Para Carril, a pandemia está a evidenciar as "carencias, fracasos e inxustizas do capitalismo e da Unión Europea", así como "a incapacidade do modelo neoliberal" para atopar solucións nun contexto onde se impoñen "os intereses económicos privados, mesmo mercantilizando a vida humana".

Como exemplo diso sinalou o "escándalo" das vacinas, un "negocio millonario" no que as farmacéuticas, despois de "encherse os petos" con diñeiro público toman as súas propias decisións fronte a "gobernos incompetentes, sumisos ao capital e cheos de sectarismo por negarse a comprar vacinas cubanas, rusas e chinesas".

Segundo Carril, "preténdese saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora e ao pobo galego", polo que advertiu da "dureza" que poden ter as consecuencias desta situación nunha Galicia "xa de cheo nunha crise social, industrial e demográfica".

"Aquí non hai transición, aquí hai demolición", aseverou o responsable da central nacionalista, que reclama un plan de recuperación económica que pase pola industrialización e a creación de "emprego digno", para o que cre necesario a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, así como a "prohibición dos ERE, ERTE e modificación das condicións de traballo sen previa autorización administrativa e sen acordo co persoal".

"Facemos estas propostas coa lexitimidade que nos dá a nosa loita diaria nos centros de traballo e nas rúas contra esta dura realidade, nun contexto de continuos chamamento á unidade, aos consensos e ao diálogo social co que pretenden impor políticas e reformas contrarias aos intereses da clase traballadora", incidiu Carril antes de apelar a "intensificar a loita obreira".

"Non será nas mesas de diálogo onde se conseguirá derrogar as reformas e lograrase saír da crise dunha forma xusta, con dereitos e con emprego, salarios e pensións dignas", sentenciou.

SANTIAGO. EUROPA PRESS

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.