Galicia
Científicos da USC constatan na revista ‘Science of The Total Environment’ que este efecto combinado podería provocar modificacións na resposta inmune

A exposición a unha fonte de radiofrecuencia nunha contorna contaminada pode acelerar a toxicidade celular

  • 16 feb 2021 / 19:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A exposición combinada a unha fonte de radiofrecuencia de 2.45 GHz en ambientes contaminados con partículas como o carbón negro, incrementa notablemente a toxicidade celular, provocando modificacións na resposta inmune das células. Esta é a principal conclusión á que chegaron científicos da USC no Centro Singular CRETUS, en colaboración co Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IIAQBUS), no artigo ‘Radiofrequency at 2.45 GHz increases toxicity, pro-inflammatory and pre-apoptotic activity caused by black carbon in the RAW 264.7 macrophage cell line’, publicado na revista Science of The Total Environment.

Na actualidade son moi escasos os estudos que analizan o efecto combinado de dous axentes ambientais de distinta natureza. De feito, tal e como constatan os autores da investigación, a maioría dos estudos sobre saúde humana que involucran a radiación non ionizante e as partículas ambientais fano por separado. A particularidade desta investigación na que participan Mª Elena López do departamento de Ciencias Morfolóxicas; Aarón A. Salas , J. Antonio Rodríguez e Francisco J. Ares do departamento de Física Aplicada; así como Rosa A. Sueiro e J. Manuel Leiro do Departamento de Microbioloxía e parasitoloxía, reside en que se estudaron os efectos causados pola interacción conxunta de ambos os dous axentes.

“A confluencia destes dous axentes ambientais nos ensaios de laboratorio podería constituír un escenario real, xa que ambos os dous poden aparecer perfectamente en espazos públicos abertos como parques, por exemplo”, sinalan os científicos. “Os efectos na saúde humana ao respirar unha calidade deficiente de aire debida á suspensión de partículas contaminantes e á exposición, ao mesmo tempo, a fontes de radiofrecuencia a 2.45GHz, como as que estarían presentes nunha rede sen fíos Wifi ou as que virían representadas por dispositivos como os teléfonos móbiles son ata o de agora descoñecidos”, apuntan os investigadores.

Mortes prematuras

Diversos estudos teñen abordado os efectos das partículas en suspensión “pois representan o compoñente máis daniño da contaminación do aire en Europa e estimouse que neste continente serían responsables de ao redor de 400.000 mortes prematuras ao ano”, sinalan. Neste senso, o impacto das partículas inhaladas podería favorecer enfermidades respiratorias, cardiovasculares, alén de ser recentemente consideradas como axentes canceríxenos pola Axencia de Investigación Internacional do Cancro. Por outra banda, o uso xeneralizado de novas tecnoloxías e aplicacións sen fíos suscitou nas últimas décadas unha preocupación nas autoridades sanitarias no relativo aos posibles efectos na saúde dos campos electromagnéticos. “Existe unha forte evidencia de que a exposición prolongada ou a longo prazo a certas fontes electromagnéticas constitúe un factor de risco para certos tipos de cancro, así como unha posible causa de estrés oxidativo, apoptose e dano do ADN celular”, apuntan. Este estudo que combina ambos os dous axentes ambientais a nivel celular podería axudar a entender un pouco máis a influencia da contaminación ambiental no desenvolvemento dalgunhas enfermidades.

Os resultados que se revelaron nesta investigación experimental indicaron que a radiofrecuencia aumentou drasticamente a toxicidade inducida polo carbón negro, o que supuxo unha modificación na resposta inmune dos macrófagos, incrementando a resposta inflamatoria, activando a apoptose e acelerando a toxicidade celular. “Será necesario investigar no futuro o papel que ten na saúde a combinación de ambos os dous axentes ambientais en relación ás reaccións de hipersensibilidade e trastornos autoinmunes”, explican os científicos.

Esta investigación enmárcase dentro do proxecto ‘Determinación do nivel de concentración de partículas atmosféricas con antenas: método de monitoraxe para desenvolver unha estratexia de protección integral do cidadán’.

TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.