Galicia

A ‘X Solidaria’ no IRPF non custa nada, pero aínda hai 594.110 galegos que non a marcan

Ante a emerxencia que trae a pandemia, as entidades sociais piden “máis ca nunca” este apoio nas declaracións

    Cargando reproductor ...
  • 08 abr 2021 / 21:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Un chamamento de auxilio en toda regra. Ante a emerxencia na sociedade que acentuou a pandemia, as entidades galegas “máis ca nunca pedimos o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda”. Co inicio da Campaña da Renda 2020, a primeira que pagaremos de moitas formas –e ningunha boa– pola COVID-19, existe un sinxelo camiño para apoiar aos demais que non nos vai a custar nada: marcar o X Solidario na nosa declaración, como fará este xornalista.

“Nin pagas máis, nin che devolverán menos”, punto primeiro; “se xa se marcou a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’ pódese axudar o dobre”, punto segundo, porque así non será o 0,7 % dos teus impostos os que se adiquen, senón o 1,4 %. Porque se non se marca ningún, quen decide que facer con eses cartos é o Estado.

Sen embargo, onte na compostelá Praza da Quintana as entidades sociais, representadas por EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza, CERMI Galicia ou a Plataforma pola Infancia de Galicia quixeron deixar claro que “estivemos, estamos e estaremos en primeira liña, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, moitas veces posible coa colaboración de todas as persoas que marcan a X Solidaria na declaración da renda”.

Baixo a etiqueta #emerXenciaSOLIDARIA, as ONG galegas lanzan unha campaña nas redes sociais con vídeos de persoas beneficiarias de programas financiados coa X Solidaria. Porque, desta vez, non pode quedar un recadro sen marcar.

Os datos son elocuentes. En Galicia, as 735.705 persoas que presentaron a Declaración da Renda 2020 marcaron o recadro de “Actividades de interese social”, o que constitúe unha pequena vitoria, pois son 19.504 máis que en 2019.

Nembargantes, aínda hai a día de hoxe 594.110 persoas que seguen sen marcar esa X Solidaria. ¿Por deixadez? ¿Egoismo? ¿Ou porque non o comproban cando lle dan o OK final á declaración? “Se todas as galegas e galegos marcásemos a X Solidaria, a asignación final en Galicia sería de 32.277.163 euros”, que son, nada menos, 12.984.780 euros máis dos recadados.

O que se podería facer con ese volume extra de recursos é incalculable en valor humano. Poñamos exemplos: Aspace, cunha decenas de accións, beneficiou a 1.312 persoas; Cogami a 11.155; Down Galicia a 741 de forma directa e 2.223 indirectas; Érguete a 890; Fagal a medio milleiro; Faxpg a máis de dúas mil; un milleiro por Feafes; Fegadace a 5.105; Meniños a 257 educadores e 4.081 nenos de 79 centros; Secretariado Xitano a 440; e Terra e Xente a 7.720. Suman 37.444 personas que recibiron unha atención ás súas necesidades, psicolóxica, apoio, terapias, clases, servizos para a súa inclusión... imprescindibles.

En primeira persoa
Unha grande diversidade de programas ce apoios sociais e de loita contra a pobreza

En palabras de Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza “o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos.... abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”. Blanco destacou igualmente o incremento de demandas detectado dende o inicio da pandemia “xa viñamos atendendo a un gran número de poboación á que debemos seguir prestando servizos, pero agora súmanse novos perfís en situación de exclusión social, aos que debemos de prestar axuda antes de que se cronifique a súa situación”.

Pola súa banda, o presidente do CERMI Galicia Luciano Fernández, resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.

Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”

emerXencia SOLIDARIA

O Terceiro Sector galego presentaba na Praza da Quintana a campaña da X Solidaria que, coas medidas sanitarias pertinentes, reuniu a 20 persoas baixo o lema “Emerxencia Solidaria” unha situación agravada coa pandemia. Ante a prevista diminución da recadación do imposto da renda derivada da crise económica, as entidades lanzaron un “chamamento de auxilio” durante a lectura dun manifesto.

Nestes días, profesionais e voluntarias de moitas ONG prestan un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguirán a facelo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en grande parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcaron o X Solidario na súa Declaración da Renda.

As entidades sociais lembraron que “somos un servizo esencial” que estivo en primeira liña apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, por iso piden o apoio para “contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía”.

Para rematar, as entidades de acción social galegas queren recordar que “marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, nin pagamos máis nin imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan”

“As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental manter a filosofía destes fondos de acción social que dende hai tres anos xestiona a Xunta de Galicia”, argumentan. Evitar a dispersión e a burocracia a través a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social. Seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e sobre todo dar continuidade aos programas.

A campaña da X máis social
Manifesto Emerxencia Solidaria

Neste 8 de abril, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda, marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.

Este non é un acto nin unha campaña mais. E un chamamento de auxilio para que a prevista inferior recadación do Imposto da Renda pola crise económica non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións e que agrave a emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer.

Máis que nunca, é necesario contribuir ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia polo COVID-19 e que o seguirá a facer cando esta remate.

Como sabedes, cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:

• Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.

• Marcar os dous recadros: ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.

• Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.

• Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%.

Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida. Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis de 11 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 655.000 persoas en Galicia. 212.000 destas en pobreza severa. Persoas maiores, sen fogar, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, nenos e nenas, desempregadas...

No 2020, a pesares do confinamento, conseguimos que case seis de cada dez galegos e galegas marcaran o recadro da X Solidaria, vinte mil mais que no ano anterior. Recadáronse vinte millóns de euros, dous mais que no ano anterior. Se os 594.100 galegos e galegas que non o fixeron marcaran a X Solidaria, teríanse recadados case 13 millóns de euros mais. A estas persoas nos diriximos especialmente para lembrarlles que:

• Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.

• Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.

Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG, coa máxima transparencia na súa xestión a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social, Igualdade e Sanidade. A Xunta de Galicia lle reclamamos unha vez mais que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa.

Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta emerxencia solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.