Galicia

A Xunta di que Galicia é referente lingüístico e modelo de convivencia

Queremos Galego volve sair á rúa en Santiago para pedir un novo futuro para o idioma propio e reclamar ao Goberno da autonomía que abandone a súa política de “agresión sistemática”

  • 16 may 2022 / 23:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Aproveitando a celebración do Día das Letras, a plataforma Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, sairá hoxe de novo á rúa para evidenciar que a situación do idioma propio de Galicia “non é irreversible” e que “hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. O seu voceiro, Marcos Maceira, xa ten pedido ao novo Goberno autonómico, co presidente Alfonso Rueda á fronte, que abandone a súa “política de agresión sistemática” ao idioma propio de Galicia.

Máis a visión da Xunta é ben diferente. Na Consellería de Cultura, encargada das competencias na materia, sosteñen que Galicia é “un exemplo de convivencia lingüística” e, en consecuencia, “o idioma non é un problema”. “Non o é nin o pode ser nun futuro”, matizan diante das críticas á súa política que onte verbalizou tamén, por boca da deputada Olalla Rodil, o BNG. Os nacionalistas galegos acusaron ao novo presidente de terse aliñado “cos sectores máis ultras” contra o galego e denunciaron os atrancos que, ao seu xuizo, persisten na actualidade para desenvolverse na lingua propia en numerosos ámbitos da vida cotiá.

o papel da escola. Rodil volveu incidir –tamén a CIG-Ensino– nas consecuencias que está a ter o decreto do plurilingüísmo na educación. Ao seu parecer, a escola tense convertido nun “axente desgaleguizador” como constatan, dixo, estudios feitos pola Academia Galega nos que se advirte que o 40 % das nenas e nenos menores de 15 anos non sabe falar galego. “Non é que non queiran, é que non saben”, dixo.

No relativo ao ensino, a Xunta sostén, porén, que Galicia é un referente en materia en materia lingüística, e conta cun modelo de bilingüismo “totalmente normalizado e avalado polos resultados”. “O último informe PISA constata, argumenta o departamento do que depende Política Lingüística, que somos a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade: o 96 % do alumnado afirma falalo o bastante ben como para conversar con outras persoas, por diante das outras comunidades con lingua propia”.

En canto ao coñecemento do idioma, o Executivo autonómico asegura que durante a última década, “na que asumimos a normalidade do plurilingüismo”, con respecto ao coñecemento dos dous idiomas, acadouse o maior índice da historia cunha compresión oral case do 100 % e escrita do 86 por cento.

O MAIOR NÚMERO DE FALANTES dende que hai estadísticas Ademais, engaden dende a Xunta, a última enquisa do IGE constata que “a nosa lingua consolídase como a maioritaria acadando o maior número de galegofalantes desde que temos estatísticas”. E din, ademais, que todos estes son datos contrastados e avalados por órganos externos á Consellería de Cultura, “que reflicten que a lingua galega continúa tendo os índices de competencia máis elevados de todas as comunidades autónomas con linguas cooficiais”.

Entre as nosas prioridades, sinala tamén o Executivo, está seguir traballando para que o galego estea presente, en igualdade de condicións, nas zonas urbanas intensificando o traballo nos ámbitos familiares, na mocidade, no deporte e entre neofalantes.

Frente ao panorama debullado pola Administración, o BNG salientou onte que o dereito a falar galego en todos os espacios da vida cotiá non está garantido. Olalla Rodil puxo como exemplo o Sergas como servizo público que máis vulnera os dereitos lingüísticos, pero tamén falou dos atrancos no ámbito privado, para abrir, por exemplo, unha conta bancaria ou contratar un seguro asinando a documentación en galego.

O manifesto que se vai ler hoxe na Praza da Quintana, onde rematará a manifestación convocada para as 12.00 horas con saída na Alameda de Compostela, incidirá tamén na reivindicación de poder vivir “en galego agora e sempre” e denunciará que o ensino e unha “limitadísima” oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua.

Dende a plataforma Queremos Galego sosteñen que os avances que se teñen dado para o idioma galego nos últimos tempos foron grazas á perseverancia e polo esforzo do pobo galego. Fan referencia, neste sentido, á incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou á recente senteza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra Facenda por non respetar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.