Galicia

Advertencia do BNG: ou se rebaixan as peaxes da AP-9 ou Galicia sairá á rúa

Néstor Rego lembrou que este asunto forma parte do acordo de investidura coa súa organización política, o cal ata o momento non se respectou

  • 17 ene 2021 / 18:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O BNG puxo un ultimátum ao goberno de Pedro Sánchez ao que concede de prazo o que resta do mes de xaneiro para rebaixar as peaxes da AP-9, a autoestrada que vertebra Galicia, e, se non actúan en tempo e forma, a fronte nacionalista garante que haberá unha profunda contestación social na rúa desde o primeiro día do próximo febreiro.

O outorgado é un prazo “máis que suficiente”, opinou o deputado do Bloque no Congreso nunha entrevista concedida ao circuíto galego de RNE e emitida este domingo. Xa antes tiveron “un ano” e o que ocorreu foi que se anunciaron novas subidas das tarifas, cada vez máis “abusivas” nunha infraestruturas que hai demasiado tempo que está “amortizada”, subliñou.

Néstor Rego lembrou que este asunto forma parte do acordo de investidura coa súa organización política, o cal ata o momento non se respectou, así que “se o 1 de febreiro non entran en vigor” esas demandadas rebaixas, a resposta virá en forma de “mobilizacións”.

Este dirixente lamentou que o PSdeG lles haxa pedido paciencia e, en consecuencia, tamén as críticas do equipo de Gonzalo Caballero e de Podemos ao ver que o Bloque non apoiaba os orzamentos.

Rego, diante diso, asegurou que o “si” estaba condicionado a que as contas fosen “beneficiosas para o noso país” e como cre que non se deu o caso, non as apoiaron.

O que non entende é que outros caian en xustificar a “discriminación” para con Galicia.

Sabe que ese “non” foi un punto de inflexión e que non axuda a unha “relación fluída”, pero non estaban “contentos”, nin co ocorrido na AP-9, nin coa falta de solución para os emigrantes retornados, nin coa desatención ás necesidades de infraestruturas ferroviarias, nin coa non derrogación da reforma laboral, enumerou.

E, ademais, tampouco coa xestión da pandemia, que ve “máis que deficiente”, tanto por parte do Executivo de Pedro Sánchez como do que comanda Alberto Núñez Feijóo, ao entender que se priorizou a economía sobre a saúde, “e ao final acabamos pagando non soamente en saúde, tamén en economía”.

O BNG foi dos primeiros en pedir un novo confinamento, o pasado novembro. E Rego volveu a incidir, pois ve máis sentido a medidas “máis estritas” nun curto período de tempo que a outras presumiblemente de contención que se prolongan e non son “tan eficaces”, por tanto, “peores”.

Actuar doutro xeito, pensa, sería “moito máis razoable”, e igual coa vacinación, que evoluciona dun modo “moi lento” porque non se reforzou o sistema sanitario e non se fixeron contratacións para ir “a un ritmo que permita que isto avance”.

SANTIAGO. EFE

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.