Galicia

As mulleres só supoñen o 9 % dos corpos da Policía Local en Galicia

Estas suman un total de 194 fronte aos 1.984 axentes varóns, segundo datos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do ano 2020 // En Santiago son 10 e 124 en representación masculina

  • 07 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A presenza de mulleres en determinadas profesións segue a ser baixa a pesar do que se avanzou nos últimos anos en oficios que, no seu día, se consideraban eminentemente masculinos.

O número de prazas de Policía Local en Galicia suman un total de 2.771, das que 2.178 están ocupadas, segundo ven recollido na Memoria de Coordinación das Policías Locais en Galicia do exercicio 2020 elaborada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Estas prazas distribúense en varias categorías que serían a de inspector, oficial, policía, vixiante e intendente. Tan só hai na comunidade 194 mulleres que exercen como axentes locais, mentras a cifra de homes ascende a 1.984. Por provincias, na Coruña é onde máis presenza feminina con 90 axentes. En Pontevedra hai 76, en Lugo 16 e en Ourense 12.

Analizando os datos das sete grandes cidades galegas vemos que en todas elas se reflexa unha notable desigualdade no referente ao xénero. En A Coruña de 391 prazas ao peche do 2020, 323 estaban ocupadas, e destas só 40 correspondían a mulleres. En Santiago de Compostela, de 157 prazas, 134 están ocupadas e 10 fano por mulleres. En Ferrol: 113 prazas, 89 ocupadas, e só 5 son mulleres. Na capital lucense: 145 prazas, 92 ocupadas e 10 mulleres. En Ourense: 135 prazas, 97 ocupadas e 8 mulleres. En Pontevedra, de 123 prazas, 104 ocupadas e 16 mulleres. E por último, en Vigo, de 402 prazas, están ocupadas 339, 35 delas por mulleres.

este ano formarase a 14ª promoción da Policía Local En canto ás cifras de prazas do último proceso de selección centralizado, este ano, na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) formarase a 14ª promoción da Policía Local, da que formarán parte 70 alumnos que xa están a rematar o proceso de selección unitario de Policía Local. A través desta vía cubriranse as prazas comunicadas por 29 municipios, no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos aos que están adscritas 89 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.

En canto aos 29 concellos que comunicaron prazas este ano, trátase dos municipios da Coruña, A Pobra de Trives, Betanzos, Bueu, Carballiño, Fene, Ferrol, Foz, Lugo, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ordes, O Rosal, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

Logo dos tres primeiros exercicios do proceso de selección unitario –avaliación de coñecementos, coñecemento de lingua galega e probas físicas– un total de 169 aspirantes están a realizar o cuarto exercicio no que se refire ás probas psicotécnicas, dos que 25 son mulleres.

Por outra parte, na anterior promoción correspondente ao ano 2021 formáronse un total de 98 alumnos, dos que 13 eran mulleres, que pasaron a cubrir as 94 prazas convocadas por un total de 35 concellos galegos.

o papel da Academia Galega de Seguridade Pública A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Desde finais do ano 2015, a Academia impulsou un novo horizonte formativo ampliando a entrada de novos colectivos e asumindo novas competencias no ámbito policial, xudicial e das emerxencias.

para acadar o posto por oposición libre
Requisitos dos aspirantes

1 Ter a nacionalidade española

2 Ter cumpridos os 18 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación.

3 Ter unha estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

4Estar en posesión do título de bacharelato ou técnico

5 Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B

6 Non sufrir con anterioridade condena por delito doloso, nin separado do servizo da Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das CCAA, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

7 Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, no seu caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas.

8 Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias dos corpos da policía local.

a cifra
90

mulleres policías locais na provincia de A Coruña ao peche do ano 2020. En Lugo había 16, en Ourense 12 e en Pontevedra 76. Suman un total de 194 fronte á cifra de 1.984 homes policías na comunidade. Destes, 909 exercen o seu cargo en A Coruña, 165 en Lugo, 175 en Ourense e 735 en Pontevedra. O número total de prazas ocupadas ascendía a 2.178 e as ofertadas 2.771.

“Pensan que non podemos resolver situacións de perigo por ser muller”
Andrea Outeda, Policía Local en Vilagarcía de Arousa

No corpo de policías locais de Vilagarcía son uns 40 axentes, dos cales soamente seis son mulleres. Ningunha delas ocupa un cargo superior ao da categoría de policía aínda que a responsable que existía nesta xefatura e que recentemente se xubilou ostentaba o posto de inspectora principal.

Andrea Outeda, de 34 anos, é unha das seis mulleres policías en Vilagarcía. Estivo dez anos opositando e mentras tanto alternaba a oposición co traballo auxiliar de policía no verán, nos concellos de Poio e Rianxo. “É moi importante ter ao teu lado xente que te apoie. Eu teño aos meus pais e ao meu marido que tamén é policía, os cales xunto ca miña avoa xa falecida sempre tiveron palabras de alento cada vez que se me escapaba a praza por décimas de segundo nas probas físicas (que eran o meu muro). É unha satisfacción tan grande a que se sente o día que o logras que fai que sexa todo un orgullo lucir e defender este uniforme como policía local”, conta Oubeda.

Ao respecto quixo dar unhas palabras de alento aos que se atopan loitando por aprobar a oposición. “Dígolles que non se rindan. Da igual as veces que tropeces, se o traballas e o loitas, antes ou despois os soños fanse realidade”, pronunciou.

Ser policía estaba na súa mente desde pequena. Ademais, tiña un gran referente na familia, un primo que na actualidade é inspector da Policía Local de Pontevedra, o mesmo cargo que ocupa o seu marido na actualidade. “Sempre me animaron os dous porque tiñan claro que isto era o meu, e agora seguen dándome ánimos para que me siga formando e poder ascender nalgún momento, pero todo ao seu tempo”, relata.

O que máis lle gusta do seu traballo é a proximidade co cidadán. “O feito de ser unha policía de proximidade e poder estar preto da xente fai que sexa unha profesión moi agradecida, aparte de que os compañeiros e compañeiras son moi bos, algo moi importante”, di.

Pola contra, a parte negativa para Outeda é que aínda existe esa creencia de antano de que “só estamos para multar ou que a Policía Local e menos que outras forzas e corpos de seguridade cando para nada, somos exactamente iguais”.

Considera que o feito de que a presentación feminina nos corpos de Policía Local sexa tan pouco representiva está na desigualdade nas probas físicas, concretamente na dos 50 metros. “É unha proba totalmente descompensada en tempos, na cal do total de aptos caen sobre un 10 % de homes e o 90 % de mulleres, esos números están aí para velos. É máis que necesario que corrixan esos tempos que nos afecta en gran medida a nós, de aí que só chegue ata o final unha porcentaxe moi baixa de mulleres”, pensa.

Cando estivo traballando como auxiliar, afrontouse a comentarios machistas e inoportunos. “Aínda existe na sociedade persoas que non entenden que unha muller poida traballar de policía ou incluso que pense que non somos capaces de resolver algunha situación de perigo só polo feito de ser muller. A sociedade cambiou, pero queda moito que facer e mellorar para erradicar o machismo”, considera.

“A meus pais non lles gustaba esta labor e estudaba ás agachadas”
Lourdes Martínez Mosquera, Policía Local en Ordes

Lourdes Martínez ten 50 anos e o pasado 30 de decembro fixo trinta anos como policía local en Ordes.

A preparación para ela foi dura porque “naquela época aos pais non lles gustaba que fixeras esta labor polo que tiña que estudar ás agachadas”. Martínez traballaba na autoescola de seu pai e súa nai e tiña que se buscar a vida para atopar temario e preparalo todo pola súa conta. Así, comezou como axente contratada en decembro do ano 1991 e sete anos máis tarde aprobou a oposición.

“Como é un pobo mediano facemos un pouco de todo. Non te podes dedicar só ao tráfico, senón que tanto podes atender un colexio ou un animal doméstico que atopas abandonado na rúa, como elaborar un informe de vitabilidade o un atestado dun accidente”, sinala.

No corpo de Policía Local de Ordes son nove axentes co xefe, e dúas son mulleres. “Somos poucos e tratamos de organizarnos moi ben para o traballo que temos. Un encárgase de tramitación de sancións, outro das relacións con proveedores de material, ou de vehículos e parque móbil”.

Para Martínez a conciliación non foi complicada. “Tiven moita sorte porque miña nai vive ao lado e así deixaba ao neno con ela e iba a traballar. Senón tería que botar man dunha gardaría. Agora xa ten 21 anos pero aínda me axuda no que preciso. Está a pé de cañón”, conta.

Na súa mente sempre estivo ser policía. “Sempre me gustou o tema de regular o tráfico, os coches... quería estar enriba das rodas. O meu sen dúbida é a carreteira e a rúa”, di.

Ningún membro da súa familia forma parte deste sector pero ao traballar na autoescola coñecía moita xente que se preparaba e acudía xunto ela a por test para preparar a oposición, e así “aproveitaba para pedirlles temario”.

O máis desagradable do seu traballo son os accidentes de tráfico, cando hai vítimas, e os incendios, “o ter que dar as malas noticias, porque aínda que parece que estás curtido despois de tantos anos seguen sendo situacións nas que te pos na pel dos demais e te desbordan un pouco”.

Regular o tráfico, explicarlle as cousas a un cidadán que se mostra enfadado e o trato cos nenos e nenas que son moi agradecidos e aprenden moi ben a norma é o máis gratificante da súa labor.

A axente ordense considera que o número de mulleres policías locais é inferior ao de homes porque xa á hora de presentarse ás oposicións son moitas menos. “Este ano acompañei ao meu fillo ás probas, que se presentou por primeira vez, e observei que había moita máis presenza masculina. Pero pouco a pouco temos que ir cubrindo terreo e xa vemos que van aparecendo máis mandos mulleres. Houbo moito avance pero aínda hai cousas que cambiar”, reflexiona.

Lourdes está a diario a pé de rúa. “Antes si que che dicían ‘estás mellor na cociña’ ou incluso compañeiros comentaban que é ‘totalmente antiestético unha muller embarazada en uniforme’, pero agora non pasa”. O que observa é que se coincide de servizo coa súa compañeira “a xente míranos e chócalle”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.