Galicia
O acceso a unha vivenda digna, clave da xuntanza entre Valedora do Pobo e EAPN Galicia para
a sinatura dun acordo de colaboración // No ano 2020 case 600.000 galegos e galegas estaban
baixo o limiar da pobreza, cun grande incremento da carencia material severa TEXTO Salomé Barba

As persoas en exclusión “non viven, sobreviven”

No 2020 case 600.000 galegos estaban baixo o limiar da pobreza, con un grande incremento da carencia material severa // Denuncian que as persoas en exclusión “non viven, sobreviven”

  • 18 oct 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A pandemia e as dificultades para acceder a unha vivenda digna están lastrando a loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia. Se xa antes da chegada do coronavirus miles de galegos arrastraban problemas para chegar a fin de mes desde a crise que comezou no 2008, na actualidade os problemas non fixeron máis que multiplicarse e o número de persoas en risco de exclusión ou xa en privación material severa aumenta.

Para conmemorar o Día Internacional contra a Pobreza, celebrado este domingo 17 de outubro, a valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, asinou este luns un acordo coa presidenta da Rede contra a pobreza e a exclusión social ( EAPN-Galicia), Eloína Ingerto, para desenvolver iniciativas de colaboración e intercambiar información para loitar contra as desigualdades. O seu obxectivo é facilitar información á Valedora das necesidades das entidades do terceiro sector para axudar ao encontro de solucións para as persoas máis desfavorecidas.

INFORME ‘O ESTADO DA POBREZA’ E datos non lle faltan a EAPN. O informe Estado da pobreza en Galicia 2020, que a entidade presentou a semana pasada, revela que 694.367 persoas, o 25,7 % da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE) no 2020, 38.389 máis que o ano anterior. Como ocorre a nivel estatal e na maioría das comunidades, os datos deixan a Galicia con peores resultados que no 2019. A porcentaxe en risco de pobreza ou exclusión (AROPE) aumentou do 24,3 % ao 25,7 % no 2020. Aínda así, o indicador mantense en valores inferiores aos do conxunto do Estado (26,4 %) e segue a situar a Galicia nunha situación media entre as comunidades.

O empeoramento da taxa AROPE mantense en dous dos seus compoñentes: Pobreza e Carencia ou Privación Material Severa. Por primeira vez dende 2009 a taxa de pobreza relativa en Galicia (22,1 %, 2,1 puntos máis que no ano ante rior) está por encima da estatal (21%, aumentou 0,3 dende o ano anterior). É dicir, 598.000 galegos atopábanse no 2020 por debaixo do limiar da pobreza (802€ ao mes –9.626€/ano– para un fogar de unha persoa, ou 1.685€ ao mes –20.215€/ano– para un fogar de dous adultos e dous menores). E percíbese especialmente no aumento da pobreza severa. 253.000 persoas, o 9,4 % da poboación, vivía con ingresos inferiores a 535€/mes nun fogar dunha persoa ou 1.123€/mes no de dous adultos e dous menores). Unha porcentaxe superior ao do 2008 cando foi do 6 % e a do 2019 que foi de 7,9 %.

MÁIS CARENCIA SEVERA O impacto da pandemia nótase claramente no aumento notable das persoas con carencias materiais severas. Do 3,6 % ao 5,2 % no 2020. Especialmente nas mulleres donde pasa do 3,6 % ao 5,7 % mentres a dos homes pasa do 3,7 % ao 4,6 %. A Privación Material Severa é un indicador da dificultade para afrontar determinados gastos básicos que se definen a nivel europeo e supón unha vulnerabilidade moi grave para as persoas afectadas.

Catro conceptos empeoran, en especial aqueles que supoñen satisfacer necesidades básicas. Este significativo incremento reflicte tamén o empeoramento preocupante dos efectos das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, en especial para a poboación máis vulnerable. Así, a porcentaxe de persoas que manteñen retrasos no pagamento de gastos de vivenda principal incrementouse do 5,6 % ata o 8,5 % e o de quenes non poden manter a vivenda cunha temperatura axeitada aumentou tamén dende o 6 % ata o 9,6 %. Pero a necesidade da afrontar o encarecemento da vivenda obriga tamén a unha priorización e eleción constante entre necesidades básicas. Esto detéctase claramente en indicadores como non poder afrontar gastos imprevistos (24,4 % ao 28,1 %) ou non poder permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días (8,9 % ao 14,9 %).

ENCONTRO COS PROTAGONISTAS DA CRISE Así mesmo, no encontro coa valedora, os protagonistas desta crise puideron explicar as súas dificultades, cun encontro con persoas afectadas pola preocupante negativa da Xunta e concellos galegos a afrontar a emerxencia dunha vivenda digna, axeitada e accesible. Tal e como se puido constatar tamén na última xuntanza celebrada por EAPN Galicia con persoas en risco, a principios deste mes de outubro, eles mesmos explican que “Os dereitos sociais non son unha lotería”, ou non deberían selo. Demandan máis traballo nas tres temáticas que están a agravar o empobrecemento da poboación galega: fenda dixital, exclusión bancaria ou financeira e acceso a vivenda, deixando patente a necesidade urxente dunha vivenda digna, axeitada e accesible. Reducir a burocracia para solicitar axudas públicas, aumentar o acceso a unha vivenda digna e eliminar as comisións bancarias e o trato discriminatorio a persoas con baixos ingresos nas entidades financeiras son algúns dos retos e reclamacións que resumen as súas demandas e que este luns foron presentadas ante a Valedora. Ademais, serán remitidas ao tres grupos do Parlamento de Galicia (PP, BNG e PSdeG), á Xunta e aos concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

As persoas en pobreza aseguran que baixo esta situación “non viven, sobreviven”.

MELLORAS NO IMV E NA RISGA A maiores destas conclusións, a presidenta da Rede Galega contra a Pobreza reclamou “melloras” para prestacións como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) do Goberno central e a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) da Xunta, entre elas unha redución dos trámites que tamén reclamou a valedora.

Unha maior simplificación dos trámites é un asunto que “se repite de modo continuado” nos encontros con persoas solicitantes. Ademais, Eloína Ingerto urxe a poder “complementar” ambas as prestacións –Risga e IMV– e a “mellorar os complementos de acceso á vivenda”, dúas necesidades que, tal e como valorou, porá enriba da mesa durante a modificación da lei galega de inclusión, informa Europa Press.

A valedora explicou que a pobreza é “un dos principais obstáculos para o pleno recoñecemento dos dereitos humanos” e a súa erradicación é, precisamente, “o primeiro dos obxectivos” da Axenda 2030 da ONU. Neste contexto, a presidenta de EAPN-Galicia subliñou a “excelente relación” coa valedora e o seu equipo, de quen recoñeceu “a súa actitude de escoita e traballo”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.