Galicia
Democracia. O 20 de outubro do 1981 celebráronse as primeiras eleccións autonómicas galegas, das que saíron elixidos os deputados da primeira lexislatura // Para recordalo, o Parlamento organizou un acto no que se deu conta dos pasos para acadalo, e dos avances nestas catro décadas TEXTO Salomé Barba

Corenta anos do comezo dun soño

  • 20 oct 2021 / 14:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Con España acabada de saír da ditadura, pouco máis de seis meses despois do fallido golpe de Estado e tras lograr a aprobación do Estatuto de Galicia recoñecendo á comunidade como histórica, Galicia celebrou o 20 de outubro do 1981 as súas primeiras eleccións autonómicas. Delas saíu o primeiro Goberno galego para os galegos; 71 deputados, que, suplindo as carencias con ilusión e emoción, foron os que cumpliron un soño. E xa van corenta anos.

Galicia está de festa, e para celebrar estas catro décadas de democracia ininterrompida, o Parlamento galego celebrou este mércores un acto conmemorativo. Presentado polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, e pechado polo da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nel catro deputados da primeira lexislatura contaron as súas vivencias neses días de emoción, de fin da aldraxe e de facer historia.

Foron Mariano Rajoy, expresidente do Goberno central e parlamentario na primeira Cámara autonómica por Alianza Popular; Víctor Vázquez Portomeñe, deputado por Unión de Centro Democrático adscrito ao Grupo Centrista e exconselleiro da Xunta; Xerardo Estévez, parlamentario polo Partido Socialista e exalcade de Santiago; e Camilo Nogueira, deputado por Esquerda Galega, no Grupo Mixto. Todos eles, neses primeiros anos de estrea, capitaneados polo xa falecido Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta postautonómica.

A primeira intervención no acto estivo a cargo de Santalices, que reivindicou o “éxito” dos 40 corenta anos de vida autonómica e apelou a coñecer mellor a historia recente, tanto a española como a galega. Recoñeceu e agradeceu o traballo e a contribución de todas as persoas que participaron no asentamento da democracia e na chegada da autonomía. “Estamos en débeda con moita xente”, entre os que citou aos impulsores do Estatuto do 36; as “vítimas da barbarie e da represión”; “as persoas que se viron na obriga de se exiliaren para salvar as súas vidas, moitas veces nunha viaxe sen retorno”; “os que avivaron o espírito galeguista e democrático durante a longa noite de pedra”; e cantos, en suma, “desde diferentes posicionamentos, contribuíron ao asentamento da democracia e á chegada da autonomía, nun exemplar exercicio de concordia que fariamos ben en recuperar nos nosos días”.

Os catro invitados á mesa redonda debullaron anécdotas da súa participación naquelas eleccións e destacaron a ilusión por formar parte da construción da autonomía, a posta en marcha das institucións e as súas leis, desde os símbolos, á lingua ou a capitalidade, entre outras.

Rajoy recoñeceu que concorreu ás eleccións como número tres por Alianza Popular (AP) pola provincia de Pontevedra porque o primeiro era Xosé Luís Barreiro, o segundo “era de Vigo” e o tres tocáballe a Pontevedra. “Hoxe actuamos con máis tino porque antes como foses de Fornelos de Montes, aínda que foses un sabio, tiñas moi poucas posibilidades de ser elixido”, sinalou. Ademais, ligou o desenvolvemento de Galicia ao seu Estatuto e ás súas institucións e asegurou que a comunidade galega é unha “referencia obrigada” para entender un Estado descentralizado como España.

Vázquez Portomeñe lembrou as contradicións no seo da UCD en Galicia e Madrid, sinalando que os primeiros comicios foron un momento moi “emotivo, tremendamente solemne” e algo inxenuo.

Para Estévez, as primeiras eleccións celebráronse cun pálpito entre os cidadáns, unha mestura de democracia e Constitución, e por un “afán”, o de “ir por diante” e a “obrigación” de alcanzar acordos, constatando o cambio nestas catro décadas. E Nogueira destacou o labor da Comisión dos 16, precursora do Estatuto, e reivindicou as “iniciativas propias” que axudaron a poñer en marcha leis fundacionais da autonomía, así como para recuperar e poñer en valor símbolos de país.

Finalmente, o presidente Feijóo, encargado de clausurar a xornada, agradeceu o “emotivo recordo” dos deputados que participaron na charla “ao que fomos e ao que queremos seguir sendo”. E salientou que Galicia comezou a realizar o 20 de outubro de 1981 “un soño propio”, democrático, que serviu para construír unha comunidade “libre, igualitaria e fraterna”. “Un soño construído con papeletas que deron forma á vontade popular”, rematou.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.