Galicia

Cultura protexe a biblioteca de Pardo Bazán ao incoarse o BIC

Publicouse no DOG o expediente para a declaración, pero a tutela é inmediata // A Real Academia Galega mostra satisfacción ao cumprirse a súa demanda

  • 26 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Coa publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia do expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca da condesa Emilia Pardo Bazán, aplicarase de xeito provisional o réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección dun total de 10.855 volumes da colección da escritora.

Ao respecto a Real Academia Galega manifesta a súa satisfacción pola publicación da resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e agarda que este paso permita ademais reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede, na rúa Tabernas 11 da Coruña, no que foi o fogar da escritora, e poñelo a disposición da comunidade investigadora.

A Consellería de Cultura informa que a declaración como BIC afecta a 7.883 libros que están custodiados na sede da Real Academia Galega (RAG), mentres que 2.972 rexistros continúan no interior das Torres de Meirás. Ademais, a resolución contempla a posibilidade de que a este número poidan sumarse outros que, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, poderían estar actualmente en localizacións descoñecidas.

Por outra banda, o expediente recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos exemplares, encargado polo primoxénito da escritora, que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás.

“É unha excelente noticia que a Xunta recoñeza a demanda da Real Academia Galega a prol da consideración da biblioteca de Pardo Bazán como ben de interese cultural. Protexemos deste xeito un patrimonio de todos os galegos e do que a RAG é depositaria”, manifestou o seu presidente, Víctor Freixanes.

Con todo, recoñece a preocupación da Academia pola situación dos fondos bibliográficos da condesa que ficaron nas Torres de Meirás. “Eses libros tamén forman parte do patrimonio intelectual da autora, e a RAG reivindica os seus libros, que forman parte da intrahistoria, a crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán, coa memoria dos seus autores preferidos”, salientou Freixanes.

Pola súa banda, Marilar Aleixandre, representante da RAG na Xunta Pro-Devolución do Pazo e coordinadora da programación que en 2021 recordará á autora co gallo do centenario do seu pasamento, sinalou que “a valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”.

Retrasada a vista sobre o inventario do pazo

• Será o mércores, 2 de decembro. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña fixou unha nova data para a celebración da vista sobre as medidas cautelares relacionadas co pazo de Meirás. A letrada da Administración de Xustiza así o determinou, ao presentarse unha petición por parte da Avogacía do Estado e co “fin de dilucidar conxuntamente as medidas cautelares interesadas”, así como as cuestións expostas pola familia Franco. Por elo o xulgado acordou adiar e fixar a vista para o mércores 2 de decembro, ás 13 horas, no antigo edificio da Audiencia Provincial da Coruña, situado na rúa Capitán Juan Varela.

• Estaba prevista este venres. O Xulgado, ante a oposición da familia Franco á medida cautelar que lle prohibe retirar bens do pazo de Meirás e que os ordena inventariar, fixara inicialmente a vista para este venres ás 10 horas.

Sada pide que todos os libros continúen nas Torres de Meirás
O alcalde entende que faltou vincular o novo Ben de Interese ao sitio histórico do inmoble

A Coruña. O Concello de Sada celebrou a incoación do expediente de declaración de BIC á biblioteca de Emilia Pardo Bazán, xa que lle outorga de inmediato a tutela e protección. Máis solicita tamén que os volumes existentes nas Torres de Meirás mantéñanse nelas no futuro.

Considérase desde o consistorio sadense que é unha Biblioteca representativa da vida e obra dunha escritora de referencia na cultura do noso país, precursora feminista e defensora dos dereitos das mulleres. Que se publique no DOG o día da violencia contra das mulleres é unha oportuna coincidencia, manifesta nun comunicado.

O alcalde de Sada, Benito Portela, entende que “é fundamental dotar dun grao de protección á biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha escritora de referencia” pero tamén sinala que a incoación BIC, “é fundamental para a integridade do Pazo como sitio histórico”. Nese senso, o Concello de Sada lamenta que na resolución se omitise a referencia ao BIC do Pazo, coa categoría de sitio histórico, cando foi precisamente iso un dos fundamentos para tal declaración BIC no ano 2008.

Unha omisión que o Concello entende involuntaria, pero que non debe afectar á localización orixinaria en Meirás da integridade da biblioteca da condesa. Por elo, tanto continente como contido deben preservar e salvagardar a súa integridade, polo que o alcalde de Sada entende que “a biblioteca
de Pardo Bazán non debe saír do Pazo de Meirás”. “Nin agora nin no futuro”, conclúe Portela. m.a.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.