Galicia

Da anécdota á categoría

  • 03 jul 2022 / 01:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

hai uns días o xurado do Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica decidiu concederllo a Geoffrey Hinton, Yann LeCun, Yoshua Bengio e Demis Hassabis. Quen traballe no ámbito da Intelixencia Artificial (IA) seguramente saberá quen son. Os tres primeiros, sen ir máis lonxe, recibiron conxuntamente o Premio Turing en 2018, considerado o Nobel das ciencias da computación.

Yann LeCun divide o seu tempo entre Meta, anteriormente Facebook, e a Universidade de Nova York. Vive en Estados Unidos, aínda que naceu en Francia, onde se graduó e doutorou. Geoffrey Hinton naceu e formouse en Reino Unido. Estudou na universidade de Cambridge e fixo a súa tese na de Edimburgo, pero vive en Canadá e traballa para a Universidade de Toronto e en Google. Yoshua Bengio é catedrático na Universidade de Montreal, en Canadá. Non me consta que estea contratado ademais por un dos oligopolios tecnolóxicos, pero si que aínda que se graduó e doutorou en Canadá, onde se asentou finalmente, realmente naceu en Francia.

Demis Hassabis foi cofundador e CEO de DeepMind, a brillante startup de aprendizaxe automática, con sede en Londres. Tan brillante, que o seu resplandor non pasou desapercibido a Google, que comprouna en 2014 por unha cifra, dise, duns 500 millóns de euros. Hassabis segue na compañía liderando os proxectos de IA. Esta empresa é probablemente a líder mundial no ámbito de aprendizaxe automática. De feito, algúns dos seus logros son auténticos fitos da IA. Por exemplo, o seu programa AlphaGo gañou en 2016 a un dos mellores xogadores da historia do Go, un xogo milenario moitísimo máis complexo que o xadrez. AlphaZero, outro dos seus programas, aprendeu por si mesmo a xogar ao xadrez, partindo só das regras de movemento das pezas sobre o taboleiro. Nunhas poucas horas de xogo contra si mesma, a máquina adquiriu un grao tal de competencia que foi capaz de gañar ao mellor programa de xadrez de entón, coñecido como Stockfish. Non o fixo só unha vez, senón en 28 ocasións, facendo táboas en 72 e sen perder ningunha do centenar de partidas disputadas. É posible que pensen vostedes que nada ten de raro que un programa informático mellore a outro. É certo, pero é que Stockfish foi deseñado a conciencia durante anos por enxeñeiros informáticos asesorados por grandes mestres do xadrez, investindo nese empeño moitos millóns de dólares. A AlphaZero, con todo, non se lle deu nin unha pista de como facer unha apertura se lle tocaba xogar con brancas.

Para quen pense, e con razón, que sendo estes logros espectaculares, mellor sería que tanta intelixencia natural e artificial se adicase a cousas máis útiles, vai este novo exemplo. Trátase de AlphaFold, capaz de predicir a estrutura tridimensional das proteínas, as denominados, con acerto, bloques de construción da vida. Cada proteína, e coñécense máis dun cento de millóns a día de hoxe, ten unha forma tridimensional única que determina para que serve e como funciona. Por tanto, coñecer a súa estrutura é tan importante como extraordinariamente complicado. AlphaFold fixo un salto de décadas nun tris, e con el está a revolucionar o ámbito do desenvolvemento de novos medicamentos, o coñecemento e tratamento das enfermidades e ata os mecanismos nos que se sustenta a propia vida. Aí é nada!

Pero non é falando das excepcionais achegas destes investigadores co que quero acabar, senón volvendo ao que aínda que poida parecer anecdótico, cobra desde hai algún tempo “categoría de categoría”. A elite da investigación en IA está en América do Norte, sobre todo en EE. UU., con China acurtando distancias. E cada vez estao máis nas empresas tecnolóxicas, de novo coas estadounidenses na cabeza e coas xigantes chinesas á zaga. Europa ten unha boa comunidade científica en IA, e na súa dimensión correspondente, tamén España e Galicia, pero segue ocorrendo, como ocorreu hai décadas con Bengio, LeCun e Hinton, que unha parte dos seus mellores investigadores séguense indo. No que se refire á falta de liderado empresarial europeo neste sector tan estratéxico, mellor deixámolo para outro artigo. Necesito bastantes liñas, que agora xa non teño.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.