Galicia

do xabaril en 198 concellos

A Xunta permite temporalmente a caza sen límite da especie en case o 70 % do territorio // UUAA ve na medida “un parche máis”

  • 26 ago 2021 / 21:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

As batidas de xabarís sen límite de exemplares e coa posibilidade de cazar crías e femias están desde este venres permitidas en 198 concellos, case o 70 por cento do territorio galego, como medida para controlar a poboación desta especie e limitar os incidentes que causan sobre a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia as catro resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nun total de 29 comarcas galegas. É a segunda ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento, de carácter provisional e extraordinario, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Dende o Goberno galego, argumentan nun comunicado que as circunstancias extraordinarias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible, futuros danos. Sinalan que se trata, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Así, durante a vixencia da declaración, nestas comarcas, permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021-2022 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético.

Con todo, o sindicato Unións Agrarias considera “insuficientes” as medidas anunciadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre esta declaración de emerxencia. Nun comunicado, UUAA indicou que estas medidas, que consisten na flexibilización da caza do xabaril, supoñen “un recoñecemento tácito” do descontrol das poboacións destes animais e os seus efectos no rural “durante os últimos anos”. De feito, o sindicato estima que os danos nas colleitas superan os 12 millóns de euros cada ano.

Un parche máis da Xunta. Despois de asistir a unha reunión coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural e coa súa directora, Belén do Campo, UUAA pediu ao Goberno e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lidere a resposta “a esta crise”, dada “a total ineficacia” da xestión.

Así, o sindicato apuntou que as medidas supoñen “un parche máis” para gañar tempo e afrontar ante a opinión pública os danos que se esperan nas próximas semanas nos cultivos de millo.

Por outra banda, o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo Lamas, indicou que “aceptamos as medidas da Xunta en tanto que flexibilizan o marco actual, pero mantemos que o importante é avanzar na liña de conseguir a exención dos tecores e sociedades de caza da obriga do pago”.

Ademais sinala que dentro das súas propostas o ideal sería, “un cambio na lei de caza de Galicia, que desapareza a responsabilidade automática do pago dos danos aos tecores e que pase a ser unha competencia pública do Goberno galego.

Esta declaración de emerxencia cinexética temporal realizada pola Xunta contempla que nas áreas sinaladas inclúense os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 29 comarcas (7 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 2 en Pontevedra) que comprenden 198 concellos (50 coruñeses, 53 lucenses, 87 ourensáns e 8 pontevedreses) e un 68,4% da superficie total de Galicia.

Jacobo Feijoo tamén incide na necesidade de avanzar cara a alimentación disuasoria, para alimentar aos xabarís en zonas estratéxicas en determinadas épocas do ano a través de criterios científicos e técnicos, para que a súa poboación permaneza afastada dos cultivos. Desta forma evítanse tambén actuacións que califica de “parche”.

Dende Unións Agrarias tamén piden que a Xunta asuma o control xa que “non pode ser que esta responsabilidade recaiga en 414 tecores dispersos, de forma que ten que ser unha actuación coordinada dende a Xunta de Galicia”, sinalou Lamas.

Desta forma, apostan por un modelo no que “a responsabilidade directa dos danos e a fixación das medidas de control destes, cando se dan fóra da época de caza, pasen a ser do goberno autonómico”, segundo sinala o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Nesta liña, dende a Xunta establecen que a vixencia destas declaracións estenderase desde hoxe —data de entrada en vigor das catro resolucións— ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza establecido para o xabaril durante a tempada 2021-2022 suxeito a modificacións en función da evolución da poboación.

Críticas animalistas. Ante esto, a Asociación Animalista Libera tachou de “tolemia anticientífica” a declaración dunha emerxencia cinexética temporal ata febreiro de 2022 para a caza do xabaril todos os municipios sinalados. Despois da publicación desta resolución no DOG, a entidade animalista emitiu un comunicado no que critican que estes documentos “non están avalados por estudo científico algún”. Así, os defensores dos animais sospeitan que esta liberalización das batidas, “mesmo autorizables en zonas prohibidas pola Lei de Caza de 2013”, buscan “xerar cacerías involuntarias contra o lobo ibérico”.

Libera advirte de que a proposta da Consellería de Medio Ambiente “non inclúe ningún plan de reforzo na inspección e vixilancia, permitindo un maior número de cacerías sen dispoñer os medios necesarios para garantir o seu cumprimento”. Tamén considera que as familias verán restrinxido o seu acceso ao goce dos ecosistemas por mor das limitacións causadas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.