Galicia

División de opinións nos sindicatos polo anteproxecto de Avaliación

CIG Ensino é favorable a que o número de suspensos non sexa o criterio principal para repetir // ANPE non quere que se titule sen aprobar todo

  • 18 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nunca se lexisla a gusto de todos, iso está claro. E no caso do anteproxecto de real decreto que regula a avaliación no ensino, que o Ministerio de Educación acaba de mandar ás comunidades autónomas, ao que tivo acceso este diario, non ía ser distinto. Así, en Galicia hai división de opinións entre os sindicatos educativos. Desde CIG Ensino, o seu secretario nacional, Suso Bermello, asegura que a súa posición é “favorable” á decisión de que o númereo de materias suspensas non sexa o criterio principal para decidir se un estudante pasa de curso ou non. “É o equipo docente o que ten que decidir se un alumno ten a capacidade suficiente para promocionar; a decisión non pode ser por unha materia ou dúas”, explica.

Sen embargo, desde ANPE Galicia, Julio Díaz, o seu presidente, indica que lle piden ao Ministerio “que rectifique e non permita titular en Secundaria e Bacharelato con materias suspensas”. Anpe considera que se “a inconcreción dos criterios de promoción” dá lugar a unha “inseguridade xurídica”.

Lembrar que o novo documento, co que o departamento que dirixe Isabel Celaá segue desenvolvendo a nova Lei de Educación, a Lomloe, indica que o criterio das dúas materias suspensas non será suficiente para facer que un alumno repita. Recolle, tamén que serán os equipos educativos quen en reunión decidan estas medidas.

Así mesmo, establece que fronte aos tres cursos nos que se pode repetir en todo o ensino obrigatorio nestes momentos, pasarase a dous, un en Primaria e outro en Secundaria, e en Bacharelato poderán ir a 2º cun máximo de dous suspensos das que se matriculará o curso seguinte, ademais de que se poderá ter o título, de maneira excepcional, cun suspenso, se a media total supera o 5. A idea central deste documento é converter a repetición, de verdade, en lago excepcional. E baixar a taxa española neste aspecto, que case triplica a media dos países desenvolvidos.

Así, desde CIG, Bermello explica a este diario que a decisión de non promocionar non pode vir polo número de materias suspensas, polo que o textolanza “unha mensaxe positiva” xa que serán “as competencias de cáracter xeral as que se terán en conta”. “A sociedade ten que desacralizar as notas das materias” ou corremos o risco de acabar con anos de innovación pedagóxica, explica, engadindo que “a Administración galega está moi cómoda neste sistema de compartimentos estancos”, pero debe cambiar.

Por outra parte, CIG ve un problema no documento cando fala de que para obter o título de Bacharelato no caso de que proveñas da FP hai que aprobar unha serie de materias. “No texto non se inclúe, en pé de igualdade co castelán, a lingua cooficial respectiva. Agardemos que sexa un erro e o corrixan. Entendemos que, do contrario, sería ilegal e con independencia da legalidade ou non, sería impresentábel”, remata Bermello.

En ANPE, Díaz indica que non ven ben a obtención de título de ESO ou Bacharelato con suspensos, e que a idea de pasar de curso con materias sen aprobar, pola inconcreción do texto, “deixa en mans do equipo docente esa decisión, creando situación de inseguridade académica e xurídica”. En canto a titular sen aprobar todo, asegura que “xerará desigualdades entre o alumnado, pois podemos atoparnos alumnos que, coas mesmas materias suspensas, nuns casos titularán e noutros non”. ANPE destaca que aprobar as materias é o indicador para constatar que adquiriron as competencias. A solución para loitar contra o fracaso escolar e reducir as repeticións sería reducir as ratios de estudantes nas aulas, facer desdobres e programas de reforzo nos centros, dotando de docentes suficientes para levalo a cabo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, este mércores, mostrouse en contra destas medidas, por ir contra a cultura do esforzo na educación.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.