Galicia

Domínguez destaca a gran importancia de implicar á sociedade na xestión do lixo

O presidente de Sogama acudiu ao I Encontro Estatal de Corporacións Públicas Empresariais celebrado en Pamplona

  • 25 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, viaxou a Pamplona para participar no I Encontro Estatal de Corporacións Públicas Empresariais. Representantes institucionais e empresariais do ámbito público de sete comunidades, así como do sector público, acudiron para compartir as súas experiencias.

A intervención de Domínguez tivo lugar na sesión dedicada a exemplos de boas prácticas empresariais de carácter público. Tras realizar unha breve presentación do cometido de Sogama e o contexto no que se puxo en marcha (unha Galicia asolada, na década dos 90, por máis de 300 vertedoiros municipais que non cumprían as mínimas condicións de seguridade e control), explicou os mecanismos articulados para dar cobertura ao conxunto do territorio galego, cunha gran dispersión da poboación, e que se traduciron na creación dunha rede conformada por 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente por toda a comunidade, acompañada polo impulso do tren como medio preferente para o transporte de residuos, pasando do 25% en 2016 ao 55% na actualidade, superando xa ao tráfico rodado.

SERVIZO BÁSICO E ESENCIAL Abundou en que a xestión e o tratamento dos residuos urbanos é un servizo básico e esencial, perfectamente constatado durante a pandemia, pois, de non prestarse, agravaríase o xa de seu alarmante problema de saúde pública. Así mesmo, aludiu ao labor de Sogama no tratamento dos residuos sanitarios de baixo risco durante as tres ondas máis virulentas da Covid, tendo xestionado, nas mellores condicións posibles, máis de 285.000 quilos, someténdoos a un proceso de valorización enerxética a temperaturas superiores a 850º C, garantindo desta forma a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.

Á pregunta de por que non se valora o servizo de xestión e tratamento de residuos, Domínguez aludiu a dúas posibles causas: o propio concepto en si, que denota o que nos sobra e non nos gusta, e ao feito de que, especialmente nos núcleos urbanos, o lixo recóllese a diario, non xera molestias e os contedores volven a estar baleiros á mañá seguinte.

O VALOR DOS RESIDUOS Con todo, lembrou que os residuos hai que tratalos nas mellores condicións posibles, e tanto a recollida como o transporte e o tratamento teñen un custo. De aí a importancia de “implicar á poboación na correcta xestión do lixo, xa que é un problema de todos porque todos somos produtores.” Apelou á necesidade de mudar a visión dos refugallos, xa que si teñen valor, coa particularidade de que a súa correcta xestión e tratamento, ademais de reducir a contaminación, tamén crea riqueza e emprego. E como exemplo puxo a Cerceda, onde o 15% da poboación traballa nesta empresa pública, coa particularidade de que, ao redor da mesma, emerxeu unha potente industria ambiental que contribuíu ao desenvolvemento e crecemento económico deste municipio coruñés.

O CANON DE SOGAMA: ENTRE OS MÁIS BARATOS DE ESPAÑA Destacou que o principal éxito dunha empresa pública radica na súa capacidade para ser sostible e contribuír á sostibilidade. “Unha empresa pública debe prestar un servizo de calidade, debe ser viable economicamente e debe achegar beneficios á sociedade, máis aló do seu cometido per se”.

No caso de Sogama, subliñou que tamén debe autofinanciarse e para iso conta con dúas vías de ingresos: o canon que pagan os concellos polo servizo e a venda de enerxía eléctrica producida a partir dos residuos non reciclables. De non ser así, o canon dos concellos sería maior. “Temos o canon máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España”, salientou. Con todo, a Xunta quixo ir máis aló e premiar aos entes locais que apostan pola xestión sostible dos residuos. Así, e por terceiro ano consecutivo, aplícase unha bonificación no canon do 10% a aqueles entes locais que cumpran con dous requisitos: que promovan a redución de residuos e/ou reciclaxe dos envases lixeiros, e que trasladen esta rebaixa ao recibo dos veciños. “Isto é sostibilidade”, remachou.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.