Galicia
Mario Páramo Fernández Xefe servizo de Psiquiatría do hospital Clínico de Santiago

“É unha novidade un Plan de Saúde Mental con esta especificidade e orzamento”

  • 26 jun 2020 / 23:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O doutor Páramo é un dos profesionais e expertos galegos que traballaron na elaboración do novo Plan de Saúde Mental, aprobado esta misma semana polo Consello da Xunta. Indica que é un traballo de anos, desde antes de que a pandemia da covid azotara o país, pero que agora, ao ser conscientes das súas consecuencias na poboación en xeral, adaptouse.

Desde cando traballan neste Plan de Saúde Mental Poscovid?

Co plan comezouse hai uns anos. Deste traballo saíron estratexias de saúde, sempre centradas na depresión, neurodesenvolvemento, saúde mental infantoxuvenil e psicoxeriatría... e ahí xa estaba o novo plan regulándoas.

E antes do plan?

Antes houbo consultas a diferentes efectivos, asociacións de familiares e de profesionais, etc. Tamén, unha análise previa de todo o plan anterior, o que se cumpliu e o que quedaba sen facer... En fin, é froito dunha análise polo miúdo e de consultas, leva un traballo intenso.

Sufríu moito o traballo pola covid?

Non, non parou, pero si que detectáronse outras necesidades por culpa desta pandemia que foron engadidas dunha maneira bastante rápida para o novo plan. Non só mira necesidades senón tamén capacidade de solucións e ten unha estratexia de investimento programada para uns anos de melloras en todos os dispositivos de atención.

Antes da pandemia cales eran as necesidades más acuciantes do sistema de saúde mental galego?

Específicamente, os trastornos afectivos, de neurodesenvolvemento, a saúde mental infantoxuvenil e a psicoxeriatría. Enfocado na sáude pero con estratexias dirixidas á participación dos pacientes e das entidades sociais, busca de autonomía, rehabilitación, prevención, facilitación de acceso, melloras de coordinación, etc.

E agora, como cambiou?

Na pandemia, o máis acuciante foi a necesidade de atención nas unidades de saúde mental, o reforzo dos profesionais e da coordinación, e tamén da atención á saúde mental dos profesionais e, evidentemente, estar preparados para a atención, como pasou noutros países, do incremento de problemas de ansiedade, depresión, desmoralización, alteracións emotivas, en todos os ámbitos, tanto en persoas que xa viñan sendo pacientes como nas que non.

De todas as áreas que reforza o plan cal é a máis deficitaria?

Dentro do plan previo á pandemia donde se prevía maior crecemento era en infantoxuvenil e tamén na psicoxeriatría. A poboación vai collendo idade, non me gusta falar de envellecemento, e vai tendo outras necesidades. É precisa unha atención específica.

O documento plantexa incrementar prazas de profesionais...

Evidentemente, todas as melloras non poderían chegar sen incremento dos profesionais de saúde mental de todos os ámbitos. Isto é algo que lle dá peso ao Plan de Sáude Mental, un orzamento e unha previsión de incremento de persoal, cousa que non é moi frecuente neste tipo de plans.

Non quedaron en filosofía, especificaron as medidas e os cartos...

Si, é unha novidade nun plan esta especificidade, ademais cun orzamento específico que queda apartado para saúde mental. Penso que é algo do que nos podemos alegrar todos. Este plan creouse coa maior participación posible de todos os interventores sociais. E destacar o esforzo que tivo que supoñer facer algo tan estipulado intentando aunar todas as opinións que se pediron. Tras o esforzo de todas as asociacións e profesionais, o Servizo Galego de Saúde intentou traducir todo nun programa concreto.

Pero algo que os expertos quixeran introducir quedaría no tinteiro sen entrar nel, non?

Sempre por parte dos profesionais as demandas poden chegar a ser infinitas. Evidentemente podiamos ter desenvolvido moitas máis cousas, pero todo o que ten unha evidencia de que resulta eficaz e coa maior valoración de eficiencia quedou reflectido no plan. E temos un calendario específico.

Vigo por fin terá a unidade infantoxuvenil que leva anos esperando...

É algo definido desde hai moitos anos, por problemas arquitectónicos do hospital e falta de previsión non se puido facer, pero iso non quita a necesidade que había e que os profesionais seguiramos pedindo unha segunda unidade, a de Vigo.

Xa retomaron a actividade normal de consultas?

As consultas en xeral nunca pararon, foron de tipo telefónico ou multimedia e agora estamos recuperando progresivamente a presencial. A propia poboación e as súas necesidades son as que van marcando a recuperación cunha nova atención con características diferentes.

Están notando cambios na problemática que chega a consulta?

Por suposto, a xente que padeceu na familia perdas, discapacidaes ou sufríu a enfermidade chega expresando os seus problemas e solicitando atención e todas as unidades de saúde mental. Houbo un incremento de demanda, pero con este tipo de novidades.

Plan de Saúde Mental

El presidente da Xunta presentou esta mesma semana o novo Plan de Saúde Mental Poscovid, explicando alguna das medidas que se recolle:

• O orzamento destinado é de 83 millóns de euros para 98 medidas diferentes.

• Incrementa o número de prazas de profesionais en 241 en catro anos. Serán 54 para psiquiatras; 45 para psicólogos clínicos e 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental. Tamén haberá 5 novas prazas para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais.

• Os novos dispositivos asistenciais que se crearán son cinco novas unidades de Saúde Mental de Adultos (dúas en Santiago, dúas en Vigo e unha na Coruña) e dúas unidades de Psicoxeriatría (na Coruña e en Ourense). Unha unidade de hospitalización para nenos e adolescentes, no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, que será de referencia para a zona sur de Galicia. Dúas unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo e A Coruña, ademais de reforzarse a de Santiago. Dotarase a todas as áreas sanitarias de hospitais de día infanto-xuvenís, para patoloxías de maior gravidade.

• Hospitalización de agudos e rehabilitación das persoas con trastorno mental grave tamén terá máis prazas. Son 22 novas de hospitalización de pacientes agudos (15 na Coruña e 7 en Pontevedra) e 40 de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria (20 en Vigo de referencia para Vigo-Pontevedra e 20 en Santiago de referencia para A Coruña-Santiago-Ferrol).

• Reforzarase a atención ao trauma, dó e depresión; atención aos maiores e persoas ingresadas en centros, impulso á teleasistencia, apoio aos profesionais sanitarios en primeira liña fronte á covid-19; e a prevención do suicidio.

Tema marcado como favorito