ENTREVISTA
Ana Pontón. Portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego e líder da oposición

“Estamos nunha posición de fortaleza para poder ser a forza hexemónica”

24 jul 2021 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
“Galicia non ten futuro sen mocidade. Hai
que dar expectativas diferentes ás que
ofrece o PP, que son paro, emigración e precariedade

Mañá é o día da Patria, no que dicides que hai moito que celebrar.

Sobre todo hai moito que reivindicar, celebrar que somos un país con moito potencial. Queremos que se poña ao servizo do país para que haxa unha saída xusta e galega da crise, sabendo que eso pasa por reforzar servizos públicos. Que haxa capacidade para cambiar este modelo, máis ferramentas de decisión sobre asuntos centrais para construír unha Galicia con futuro. É un día de confianza, de orgullo de ser galegos, de amosarlle ao mundo que hai un pobo que quere traballar por unha Galicia mellor.

25 de xullo, domingo. O eixo dun Xacobeo con prórroga. Hai quenes ven a oportunidade de reactivar Galicia. Vós sodes bastante críticos con centrar todo no Xacobeo. Por qué?

Nós o que dicimos é que Galicia ten unha enorme capacidade para producir, e que todas as economías que queren ser solventes non teñen como elemento central o turismo. Hai capacidade para que sexa de calidade, pero ao lado dese sector ten que haber capacidade produtiva. Unha das leccións que deixa a pandemia é que necesitamos producir aquí e non en China. Os fondos non van ser a panacea, pero son os únicos para reactivar o país, e teñen que chegar ás pemes e ao tecido produtivo.

Criticar o Xacobeo non é coma se o Barça orquestase unha campaña contra Messi?

Non fixemos campaña contra ningún sector. Feijóo manipula unha campaña que o único que pretendía era denunciar a falta de oportunidades para a mocidade. Aí temos unha debilidade moi grande, porque Galicia non se pode construír sen a mocidade. Necesitamos un novo modelo de país que evite que outra xeración de galegos teña que emigrar.

Os mozos son unha prioridade para vós. Por onde pasa a recuperación?

Galicia non ten futuro sen a súa mocidade. Hai que dar expectativas diferentes ás que ofrece o PP, que son paro, emigración e precariedade. Necesitamos fortalecer o tecido produtivo. Temos capacidade para saír da crise. Pero co PP non hai política económica nin industrial. E o da electricidade é un caso sangrante. Somos un país rico en produción pero non temos ningunha vantaxe. Ao contrario. Acabamos de pagar a tarifa máis alta da historia. Detrás están o lobby eléctrico, as portas xiratorias, e o veto de Feijóo a unha tarifa eléctrica galega. No norte de Europa, as zonas produtoras pagan menos. Sería o maior incentivo fiscal para a instalación de empresas. Hai que poñer a riqueza do país ao seu servizo e frear o espolio.

Cal é o modelo do BNG?

Hai que apoiarse na ciencia, na investigación, na captación e retención do talento e que os fondos cheguen ás pemes. Hai que reforzar os servizos públicos. O máis preocupante é a opacidade na xestión dos NextGen. O Parlamento non coñece a proposta do PP. Ou ben non hai plan, ou teñen algo que ocultar. É unha auténtica irresponsabilidade.

Como vai o acordo de investidura con Sánchez?

O BNG demostrou que pode condicionar a política do Estado en defensa dos intereses de Galicia, e romper cos problemas máis graves da xestión de PP e PSOE. Lamentablemente, Sánchez non está cumprindo ese acordo. Fai esperar polos descontos e a transferencia da AP-9, non da unha solución de futuro para Alcoa ou se esquece de que necesitamos unha transición enerxética xusta.

Como foi este primeiro ano liderando a oposición?

Foi un ano diferente. A pandemia mudou todo, tamén as prioridades que podemos ter dende a oposición. Fixemos unha oposición contundente na crítica pero con propostas e alternativas, dando solucións de futuro fronte ao desastre que deixa o PP. Vexo a Feijóo obsesionado co Bloque e coa súa portavoz. Sabe que o BNG é a alternativa real. Demostra que non é capaz de afrontar esta situación. Deteriorou máis os servizos públicos. Fixemos traballo de fiscalización. Así contribuímos ao avance do país.

Que nota lle pon ao BNG?

As notas nolas poñen os galegos. Temos que poñerlla á cidadanía, cun sobresaínte. Demostraron que teñen capacidade de adaptación e sacrificio. O persoal sanitario, das residencias, dos servizos esenciais... deron unha lección. No chega coas homenaxes. Son necesarias condicións laborais dignas e reforzo dos servizos públicos.

E ao Goberno da Xunta?

Xestionar unha pandemia non é fácil, pero este Goberno foi sempre por detrás, improvisou respostas. Deu a sensación de que Feijóo está máis pendente da estratexia de Génova, de oposición por oposición ao Goberno central. Necesitamos un Goberno coas mans libres para defender os intereses do país, e non un entregado a Casado. Está entregado á defensa de intereses económicos que non son os do país, como a defensa das eléctricas poñendo en perigo o desenvolvemento do medio rural. Esta é a cara de Feijóo. Non sei se é porque está preparando a porta xiratoria para a saída de dentro de tres anos.

O rol do PSdeG facilita o liderado do Bloque?

PP e PSOE cambian o discurso sobre Galicia en función do que se senta na Moncloa. É a política de discriminación e actuar como correas de transmisión das direccións madrileñas. Os galegos saben que o BNG ten as mans libres.

Foi un ano intenso en materia sanitaria, medioambiental... pero quero pararme no social. En igualdade, dereitos LGTBi... Polo que estamos vendo, avanzamos ou retrocedemos?

A nivel global temos avanzado. Pero eso non quere dicir que non haxa retrocesos. A min preocúpanme os discursos de odio, xenófobos, machistas, que está alentando a extrema dereita á que cada vez se parece máis o PP. O asasinato de Samuel conmociona e pon o foco dunha maneira moi dura sobre un problema que existe. Cando a alguén o apalean ao grito de “maricón de merda”, é evidente que hai LGTBifobia.

Pero tamén hai unha sociedade e mocidade concienciada. Os 8M son un exemplo. E sacamos dúas leis, a da violencia vicaria ou a da igualdade na investigación. Hai esperanza. Pero hai que aillar os discursos xenófobos. O PP e Feijóo se equivocan cando pactan coa extrema dereita, porque están alimentando unha semente que pode agromar, e vemos as consecuencias.

Cree de verdade que o PP está en sintonía con ese discurso?

Creo que cando o PP pacta con Vox dalle alas. Se non o fan aquí e porque non teñen necesidade, pero pactan en Murcia ou Madrid, e non vin a Feijóo desmarcarse. O PP tería que copiar a dereita europea e aillarlles. Aquí miran tan de cerca o seu discurso que as veces non se diferencia o PP de Vox.

Vostede di que aspira a ser forza hexemónica. Que no Bloque caben todos os que leven a Galicia no corazón. Pero como poden caber, por exemplo, os galeguistas que non están dacordo con EH Bildu ou ERC?

No BNG marcamos o discurso en Galicia, sen ataduras. Somos unha organización aberta e cohesionada, a alternativa real ao PP para construír unha Galicia con futuro. Se o PP está tan nervioso é porque saben que estamos en disposición de ser forza hexemónica. Estamos en disposición de dar un gran salto e ter, por primeira vez, un goberno coas mans libres para defender os intereses de Galicia onde faga falta e ante quen faga falta.

Entón, caben todos?

Todo o mundo que queira construír un país con futuro, sen ataduras, romper con centralismo madrileño e confiar en Galicia. Temos potencial enorme para ser unha Dinamarca desta parte do territorio. Falta un goberno que confíe.

Ana Pontón vai ser candidata?

En política, o máis importante son os proxectos colectivos. Esa é unha das grandes fortalezas do Bloque. Eu son unha militante máis que fai unha aportación, con toda a humildade, confianza e orgullo de que somos a alternativa. Vou deixarme a pel para que o BNG siga medrando estes tres anos, e poida cuallar esa posibilidade.

Hai opción real a esa victoria?

Penso que estamos nunha posición de fortaleza que da a posibilidade de convertirnos nunha forza hexemónica e ter un goberno ao servizo do país. O BNG é a alternativa real.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.