Galicia

Fenda nas pensións: elas cobran cada mes 677 €, eles perciben case 1.043

Equiparar as prestacións ao SMI suporía que ninguén cobraría menos de 1.142 € ao mes

  • 05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG mobilizouse onte nas sete cidades galegas e en Cangas en demanda de que se equipare a contía da pensión mínima ao SMI; un servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias, entre outras.

O colectivo denuncia que, segundo os últimos datos, a pensión media galega é de 865,94 €, por 1.018 no Estado, o que sitúa a Galicia no penúltimo posto en España, por diante de Estremadura.

Situación aínda máis grave para as mulleres, pois no 2019 as súas pensións foron un 35 % inferiores ás dos homes, con 677,73 € para elas fronte a case 1.043 que cobraron os homes.

Estes datos xa xustificarían, para o colectivo, as mobilizacións. Porén nas súas demandas van máis alá. Esixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e entenden tamén que tan só depende de que haxa vontade política. Equiparar as pensións ao SMI suporía que ninguén cobraría menos de 1142 € ao mes. O colectivo está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.

Servizo Público de Atención ás Persoas

Nun comunicado, a CIG explica que no que ten que ver coa atención ás persoas, demanda que se incrementen os orzamentos destinados á atención á dependencia e se aumenten as prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.

Lembran que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a CIG é inadmisíbel nunha Galicia cada día más envellecida e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir que só un 25 % das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.

Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos os galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.

Para conseguilo, a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a que xa botou a andar a recollida de sinaturas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades galegas para sumar os máximos apoios para esta iniciativa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.