Galicia

Galicia convértese na única comunidade con sete meses consecutivos de caída do paro

Dacordo cos datos feitos públicos este martes, hai 40.000 desempregados menos que ao inicio da pandemia

  • 03 ago 2021 / 12:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os datos do paro feitos públicos este martes reflicten unha baixada en Galicia do 3,67% _5.784 desempregados menos_, fronte á rexistrada en xullo de 2019 (último ano previo á pandemia), que foi do 2,79% (4.328 persoas). Con estas cifras, a nosa convértese na única comunidade autónoma na que o paro leva sete meses consecutivos de retroceso.

Hai na rexión 40.000 desempregados menos que ao inicio da pandemia. A cifra total a día de hoxe é de 151.934 parados, fronte aos 166.229 de febreiro de 2020, xusto antes do inicio da COVID.

Se comparamos os datos cos de hai un ano, o desemprego caeu en 23.377 persoas (un 13,33%), fronte á baixada do Estado do 9,45%, un 3,88% máis. Galicia sitúase como a cuarta autonomía cunha maior baixada do paro en termos absolutos. Ademais segue en niveis inferiores ao reflectido en xullo de 2009, hai exactamente 12 anos.

O paro descende na comunidade, tanto na evolución anual como mensual, nas catro provincias e tamén nas sete grandes cidades. Tamén cae entre o colectivo feminino, nos menores de 30 e maiores de 44 anos, e nos principais sectores económicos, liderando a caída a construción (-19,89%) e a agricultura e a pesca (-14,76%).

AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL

No tocante á Seguridade Social, Galicia continúa creando emprego con máis dun millón de afiliacións (1.036.273). De feito, somos a terceira rexión con maior crecemento das cotizacións na evolución mensual, un 1,42%, superando o ritmo de subida da media estatal en 0,95 puntos. Con respecto a hai un ano, as afiliacións aumentan nun +3,04%, recuperándose por cuarto mes consecutivo o crecemento anual das cotizacións.

CONTRATACIÓNS

A contratación subiu en Galicia en xullo un 17,69% (15.208 contratos máis que en xuño de 2021 e 14.765 máis que en xullo de 2020), fronte ao incremento do Estado do 2,24%. A indefinida medrou un 8,07%, con 523 contratos máis, e a tempo completo fíxoo un 13,93%, o que se traduce en 7.748 contratos máis.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.