Galicia

Invente menos problemas

    • 17 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Nunha viaxe a Brasil fixeime en que os sobreciños de azucre que poñían co café en moitas cafeterías tiñan rotuladas certas mensaxes, a modo de consellos ou frases máis ou menos animosas. Chamoume a atención unha en particular, que dicía: “Invente menos problemas”. Seguro que moi poucas veces tres palabras resumiron tan ben algo tan atinado. Os problemas causan penas, tensións, perdas materiais e, ás veces, páganse en vidas humanas. No mellor dos casos fannos perder o tempo. Con todo, as persoas temos unha especial habilidade para meternos neles e, paradoxalmente, ata para inventalos. Por iso ese saquiño de azucre daba no cravo. Simplemente con non crear nós os problemas, a nosa vida e a dos demais sería moito mellor. Iso si, a persoa que ideou a frase, seguramente consciente e resignada ante a inevitable condición humana como fabricante de problemas, limitouse a suxerir que inventemos menos, non ningún. Está ben así. Hai que ser realista, ata no mundo do márquetin.

    Como non quero quedarme só na anécdota, vou ilustrala cun deses problemas inventados. É un problema insignificante se o comparamos coa maior parte daqueles cos que nos enfrontamos, mesmo cos creados a cousa feita. En todo caso, sirva de evidencia do que comecei dicíndolles: canta imaxinación e ganas lle poñemos a complicarnos a vida propia e as alleas!

    Fai algo máis dun mes asináronse nunha notaría os documentos para a constitución dunha empresa. Chámase InVerbis e é unha spin-off do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trátase dunha empresa incubada durante ano e medio, a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia, tras bastantes anos de investigación nun novo ámbito da Intelixencia Artificial, coñecido como minería de procesos. Recibimos o que se chama unha copia simple das escrituras e un CIF provisional. Antes de poder operar, a empresa debe publicarse no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME). Isto permite, por exemplo, activar o seu identificador dixital, o que á súa vez permitirá contratar traballadores e dalos de alta na Seguridade Social. Tamén é un requisito para poder utilizar os fondos achegados na constitución da empresa.

    Pasaron os días e nada saía no BORME, así que preguntamos á notaría a razón de tal silencio. Feitas certas investigacións, a situación enquistouse nunha discusión co Rexistro Mercantil sobre o domicilio fiscal da empresa. Esta sitúase nun edificio da USC destinado á promoción do emprendemento, unha práctica relativamente frecuente nos comezos das spin-off universitarias. Dito edificio adoita referenciarse pola súa localización no campus universitario, sen identificación de número e rúa específicos. O Rexistro Mercantil responde que en Google Maps figura outra información. Respóndeselle que non é correcta e envíaselles como exemplo o rexistro doutra empresa en dito edificio onde non figura nin rúa nin número. Con demoras inexplicables en cada interacción, máis dun mes despois seguimos esperando.

    Segundo o informe “Doing Business” do Banco Mundial, crear unha empresa no noso país necesita de media algo máis de 13 días. Nos países da OCDE pouco máis de 9 e nalgúns países, como Nova Zelandia, faise en menos dun día. En Australia ou Canadá son dous días, e catro en EE. UU. Nós levamos máis dun mes e aínda non puidemos constituír InVerbis por un problema inventado. Por certo, en latín “in verbis” significa “en palabras”, pero estamos a pensar en chamarlle “sen palabras”.

    Tema marcado como favorito