Galicia

Medran as cifras e Galicia supera os 100 novos positivos por terceiro día consecutivo

Os casos activos elévanse ata os 1.053 na comunidade, o 59% na área sanitaria da Coruña-Cee

  • 15 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Galicia superou no día de onte os cen novos positivos diarios por coronavirus, sendo este xa o terceiro consecutivo no que isto acontece na comunidade. O que eleva o número total de casos activos por enriba dos 1.000, por primeira vez dende o fin do estado de alarma –concretamente ata os 1.053–.

Como de costume, a Consellería de Sanidade na súa actualización diaria só ofrece o dato da variación de casos activos. No día de onte, 115 máis con respecto ao xoves.

Non obstante, esta non é a cifra de novos positivos detectados ao longo da xornada deste venres. Concretamente, foron 136 as persoas que no día de onte coñeceron a súa infección polo virus SARS CoV-2. Isto é así, porque dende Sanidade, á cifra de novas infeccións réstanlle a das altas que acontecen nese día –onte foron 21–, resultando deste modo a cifra de variación de casos activos que publica a Xunta, 115.

A situación é especialmente dura na área sanitaria da Coruña-Cee onde Sanidade xa fala dende onte da volta da “transmisión comunitaria” aínda que en dito informe di descoñecer todavía a súa intensidade. Alí rexistráronse no día de onte o 64% dos novos casos activos. Foron concretamente 74 máis, aínda que non se pode establecer o número total de positivos detectados onte, xa que o departamente de Almuíña non desagrega o dato das altas por áreas sanitarias.

Seguindo coa análise por áreas sanitarias, a segunda máis afectada é a de Vigo, alí son 134 os casos activos, o que supón un incremento de 16 casos con respecto ao pasado xoves. Lugo é a terceira en discordia, alí os casos activos rozan xa a centena, concretamente 99, tras rexistrar onte seis máis. Ourense, pola súa banda, rexistrou no día de onte un incremento de 13 casos no seu total de activos, elevando esta cifra até os 73.

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés rexistra un total de 52 casos activos, un máis con respecto ao xoves.

A área de Santiago foi a única que no día de onte non viu incrementados os seus casos activos, senón que se reduciron nun caso. Entendemos que por unha alta dada a un dos doentes, deixando a cifra de positivos activos en 42.

Para concluír, Ferrol conta con 35 casos activos, o que supón un aumento de 6 con respecto ás cifras que Sanidade publicaba o xoves.

MENOR CARGA ASISTENCIAL. Se algo diferencia á situación epidemiolóxica actual con respecto á que Galicia viviu hai uns meses, como acabamos de ver, esta non reside nas cifras de contaxios ou casos activos.

A menor carga asistencial é a que non lle outorga á coxuntura actual os tintes negros cos que contaba en abril e maio. Así o reflicten os datos de onte da Consellería de Sanidade. Dos 1.035 casos activos cos que conta a comunidade, só 42 permanecen en unidades de hospitalización convencional –dous máis que o pasado xoves–, mentres que nas ucis galegas xa non hai ningún doente de covid.

Estas cifras supoñen que unha porcentaxe maior ao 96% dos casos activos en covid-19 evolucionan da doenza dende os seus fogares, sempre cun seguimento domiciliario que realiza o Sergas.

RESIDENCIAS. Dos 1.053 casos activos, só dous están vinculados cos centros residenciais, concretamente a dous profesionais que están infectados.

PCR efectuadas. Durante a xornada de onte, foron realizadas na comunidade 2.697 probas PCR, elevando a cantidade total ate os 274.812 test.

Tema marcado como favorito