Galicia

Miñones sitúa ás tres universidades galegas como protagonistas na sociedade do futuro

O delegado do Goberno en Galicia cifra en 126,4 millóns de euros o investimento do Executivo no último ano no espazo educativo superior da comunidade // Reuniuse esta mañá cos tres reitores poñendo en valor o papel da Universidade e o da investigación

  • 24 nov 2021 / 11:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe as universidades galegas como protagonistas na sociedade do futuro e apostou por elas na recuperación económica. Expresouse así en rolda de prensa tras unha xuntanza cos reitores da Universidade da Coruña, Julio Abalde; Santiago, Antonio López; e Vigo, Manuel Reigosa.

José Miñones defendeu a aposta do Goberno pola universidade e a investigación. Dous conceptos que unen as tres institucións galegas. “Temos por diante un camiño de enormes oportunidades que debemos aproveitar co Plan de Recuperación do Goberno, que aposta por darlle á Universidade un papel protagonista na que debe ser a sociedade do futuro: a do coñecemento e a innovación social”, engadiu.

O Executivo está comprometido coa universidade no ámbito lexislativo, con medidas como a lei de Convivencia Universitaria ou a futura lei orgánica do Sistema Universitario. “Son un novo marco para achegar cada vez máis o sistema universitario aos novos retos sociais e laborais que temos por diante, en temas prioritarios da Axenda 2030 como a igualdade, a sustentabilidade ou a dixitalización”, continuou.

AXUDAS PARA A INVESTIGACIÓN O delegado do Goberno cifrou en 126,4 millóns de euros o investimento do Executivo no último ano no espazo educativo superior de Galicia. Son 60,4 millóns de transferencias directas para investigación ou outros asuntos universitarios e 66 millóns nas bolsas de estudos correspondentes ao último curso académico para máis de 21.000 alumnas e alumnos. Unha contía que será maior para este curso, xa que o orzamento estatal para bolsas aumenta un 14%.

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno suporá un impulso histórico para o noso país, que non se entendería sen a implicación da Universidade. O Ministerio de Ciencia vén de conceder 17 achegas para investigación ás tres universidades galegas por 12,3 millóns de euros. Son 3,5 millóns para 3 proxectos en Vigo, 2,4 millóns para 4 proxectos na Coruña e 6,4 millóns para 10 proxectos en Compostela.

“Onte mesmo abrimos o prazo para 885 achegas para formación do profesorado universitario en España. Con 84,5 millóns de euros, esta liña está orientada a futuros profesores que percibirán ata 1.600 euros ao mes ao longo de catro anos. Porque se confiamos nas nosas universidades tamén é porque temos o mellor profesorado, e apostamos polas novas xeracións”, explicou.

PROGRAMA CAMPUS RURAL Outro dos asuntos abordados foi o Programa Campus Rural. Aínda está en fase de construción pero conta con moi boa disposición das universidades. Grazas a esta iniciativa do Goberno, teremos prácticas universitarias de entre 3 e 5 meses con bolsas de 1.000 euros ao mes en concellos de menos de 5.000 habitantes.

“Combinamos, neste caso, a aposta polo rural e por afrontar o reto demográfico coa colaboración das universidades. Porque mirar cara o futuro en Galicia tamén supón traballar para que vivir fóra dos núcleos urbanos non sexa unha traba, senón un valor diferencial tamén no ámbito da innovación e do coñecemento”, dixo.

José Miñones asegurou que estas son só algunhas das primeiras liñas e programas abertos. Polo que animou os reitores a “traballar xuntos para presentar proxectos viables e non desaproveitar nin un só euro de todas as oportunidades que veñan da man do Plan de Recuperación”.

“A nosa universidade pública é un enorme valor para Galicia. Temos que coidalo e enraizalo no noso tecido social e económico, e para iso pido tamén o compromiso, lealdade e implicación real de todas as administracións, especialmente da Xunta, que ten unha enorme responsabilidade coas competencias educativas na nosa comunidade”, rematou.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.