Galicia

Mulleres libres: a Verónica e outras máis

    • 07 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Tomando ocasión do día da muller, teño o gusto de referirme, para comezar, a Berenice, a quen os cristiáns coñecen por Verónica. Os Evanxeos non a mencionan, pero outros escritos e maila tradición cristiá si que a teñen en conta, de xeito que é protagonista dunha das estacións do Viacrucis. Refírense a ela os apócrifos das Actas de Pilato, o da Tradición de Pilato, e o da Venganza do Salvador.

    A situación de Xerusalén naqueles momentos non era doada para poñerse a favor dun condenado á crucifixión. Aínda que a pena de morrer no madeiro fora Pilato quen lla impuxera a Xesús, tamén o senado dos xudeus o condenara a morte. Mesmo así, ela quería transmitirlle a aquel home o seu sentir, agradecida como lle estaba por tela curado das súas hemorraxias. Velaí por que non conseguiron arredala do que quería facer, nin os soldados nin a chusma de xudeus que ían a pe del agardando que a súa vida rematara na cruz, no monte da Caveira ou Calvario. Ela ábrese camiño polo medio dos soldados, e vai dar fronte ao rostro de Xesús. Achégalle un lenzo e sécalle o sangue e a súa suor. Xesús non ten forzas nin para lle agradecer o feito, pero lle deixa a súa face plasmada no lenzo. Ela conservarao con agarimo polo resto da súa vida.

    Outras mulleres de Xerusalén acoden onda o sentenciado a morte, que cargaba coa cruz. Elas o admiran, e séntense libres para ir onda el. Esa liberdade crece aínda máis cando se ven confortadas por Xesús, que as anima, a pesares de prever as consecuencias da caída da Cidade Santa diante dos romanos, dirixidos por Tito, no ano 70. Mesmo así, esas mulleres, que choran por Xesús e o escoitan, tornan a casa renovadas, pola palabra agarimosa do Mestre.

    Os Evanxeos mencionan a outras mulleres que acompañan a Xesús nos momentos de dor. Son a Virxe María, María a Magdalena, María a de Cleofás e Salomé. Esas donas queren, coa súa presenza, aliviar a angustia de Xesús, colocándose a pe da cruz. Sofren, pero alégranse de poder rebaixar a dor do crucificado, estando a carón del. Non se pode dicir que non foran libres, pois, mentres os discípulos fuxiron cando o prenderon no Horto das Oliveiras, elas seguírono ata o Monte Calvario.

    A historia prosegue: nos días pasados, algunhas mulleres consideraban un exemplo de liberdade a súa teima en manter as manifestacións do 8 de marzo, mesmo se dese xeito arriscaba de medrar o número de contaxios do COVID-19. En troques, outras mulleres, coa debida separación, reuníanse o pasado venres na Catedral, para participar no Viacrucis. Dese modo reflectían sobre a Virxe María, a Magdalena e as Mulleres de Xerusalén, e as imitaban no exercicio da súa liberdade. Alimentaban no seu corazón sentimentos de afinidade e de agarimo, acompañando a Xesús no camiño da cruz e na súa morte, para que non se sentira só, se non acompañado por elas, que asentían con el na esperanza no Deus da vida.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.