Galicia

O Foro da Deputación radiografía a realidade da provincia coruñesa

Formoso chama a explorar o seu potencial e xerar oportunidades laborais para os mozos

  • 25 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Coruña. O Foro Económico e Social (FES) da Deputación da Coruña reuniuse este luns pola mañá no Pazo de Mariñán, en Bergondo, para reflexionar e analizar a situación social e económica da provincia co fin de deseñar plans estratéxicos nos eidos clave para o territorio coruñés.

No encontro, presidido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, estiveron tamén as forzas sindicais, a patronal e as dúas universidades –Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago de Compostela (USC)– ademais doutros axentes sociais. Neste senso, abordaron temáticas como o desenvolvemento industrial, o prezo da enerxía, o emprego e a loita contra a covid-19.

Segundo sinalou González Formoso, na reunión do Foro analizáronse os parámetros cos que a provincia coruñesa pecha o 2021 en relación ao emprego e á recuperación da actividade industrial, así como as perspectivas que teñen o Banco de España e entidades bancarias de crecemento para o xa presente 2022. “Abordamos tamén a situación de presión alcista que estamos a vivir con respecto aos prezos no ámbito enerxético e, en xeral, en todos os elementos de consumo industrial e social”, dixo Formoso.

Ao longo da sesión tamén se falou do nivel de execución das “infraestruturas estratéxicas” para o país como a chegada do AVE ou a conexión ferroviaria dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, así como das “potencialidades que hai que explorar, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación co obxectivo de poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade, comentou o presidente provincial á saída do Foro.

Deste modo, un dos temas abordados foi o “escenario de oportunidades” que supoñen tanto a Cidade das TIC na Coruña coma o polo biotecnolóxico da Sionlla, en Santiago, para desenvolver dous sectores fundamentais para o país.

Ademais, os participantes traballaron en ámbitos estratéxicos para o territorio, aportando liñas de actuación no que respecta á demografía, á igualdade de oportunidades,á formación, e ao emprego. Todo isto sen perder de vista que eses eixos estratéxicos deben, contribuír á mellora dos sectores produtivos clave, como son por exemplo o pesqueiro, o agropecuario, o marisqueiro e acuícola, o comercio, o turismo e os servizos sociais. ecg

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.