Galicia

“O grao en Xestión Cultural vén respaldado polo sector”

  • 30 may 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O vindeiro curso, 2021-22, implántase na Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago (USC) no seu campus de Lugo o grao en Xestión Cultural. Por que é necesario? Había algún baleiro?

Evidentemente este grao xurde da existencia dun sector profesional, o dos xestores culturais, que ata este momento non tiña unha formación regrada. Ademais é un sector en auxe e dende hai tempo, sobre todo desde comezos do século XXI, viña reclamando a implantación dun título universitario. Nun congreso internacional do ano 2005 en Valencia saíu a Declaración de Valencia, na que xa se fai unha defensa e se lle solicita ao Goberno do Estado a implantación dunha titulación na universidade española.

Pero agora tamén hai xestores culturais...

Pero hai un cambio de perfil. Son sobre todo profesionais que teñen unha formación regrada dentro dunha universidade pero non dentro dunha titulación que sexa exclusivamente de xestión cultural. Se ben teñen unha formación universitaria, son de titulacións moi diversas que, dalgunha maneira, teñen conexión coa xestión cultural.

Xa que o sector o pedía, contouse con el para a creación do grao?

Vén respaldado polo propio sector profesional. Nós, durante o proceso de elaboración da Memoria, tivemos unha comisión asesora externa formada por profesionais do sector que nos indicaron cales eran as necesidades formativas e en base a esas liñas que eles detectaron nós deseñamos as materias, que teñen unha clara vocación profesionalizante e están, polo tanto, moi en conexión con esas necesidades.

O grao ten que ser moi transversal, porque ademais de ter coñecementos de arte hai que ter outros...

É moi transversal porque ten materias do ámbito das humanidades, pero tamén das ciencias da economía e da empresa, de comunicación, de Dereito, de deseño... Son todas moi variadas porque é un grao transversal e esa transversalidade está precisamente motivada polas variadas tarefas e perfís que hai dentro do ámbito da xestión cultural e polo tanto as variadas actividades que se desenvolven.

Hai moitas universidades que o impartan?

En primeiro lugar, é un grao singular no Sistema Universitario de Galicia: non o hai noutra galega. E a nivel de España soamente o hai nas universidades de Córdoba e de Huelva. É dicir, nós somos incluso grao único, se me apuras, da metade do río Tajo para arriba. Con esta denominación somos grao único e ademais está xa adaptado ás novas circunstancias motivadas pola pandemia e que influíron no sector cultural. En varias das súas materias aparece un contido, de carácter transversal, que é a dixitalización. E é unha das cousas que sinalou o sector como unha estratexia para facerlle fronte ás situacións que vivimos, sobre todo se implican o confinamento de persoas.

Non era suficiente o anterior grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural?

Non teñen nada que ver. O de Xestión Cultural é un grao de corte totalmente profesionalizante. Incluso podo citar algunhas das materias que non existían no anterior plan de estudios. Practicamente é un plan de estudos que ten unha diferencia fundamental con respecto ao anterior: a forte vocación profesionalizante. O outro tiña unha forte carga de materias humanísticas, moitas incluso compartidas por outros graos. Este, as materias que ten son tamén moi singulares e moi enfocadas ao ámbito da xestión cultural: por exemplo Economía da Cultura, que ten como obxectivo analizar o funcionamento da economía actual, examinar e evaluar as fontes estatísticas fundamentais para a economía do sector cultural, explicar as técnicas de valoración económica dos servizos culturais... determinar a contribución da cultura á economía da UE, España e Galicia... identificar e explicar os cambios estruturais do sector cultural ou realizar un estudo sobre un sector cultural dende o punto de vista económico. Ou outra materia como Poboación, Territorio e Paisaxe, algo fundamental para o xestor cultural, que ten que coñecer tamén o medio, o territorio no que desenvolve a súa actividade. Ou TICs aplicadas aos procesos de comunicación cultural, ou Industrias culturais e creativas; Planificación estratéxica e márketing dos proxectos culturais, é dicir, como planificalos e incluso como divulgalos.

Ou sexa, que están pensadas en exclusiva...

Son materias para facilitar ese traballo en diferentes campos xeográficos dos sectores culturais porque un xestor non só vai desenvolver o seu traballo nun ámbito local, rexional ou nacional, senón tamén internacional. E para iso, por exemplo, os nosos alumnos teñen necesariamente que ter competencias en dúas linguas. En primeiro lugar, en inglés, lingua internacional por antonomasia, pero despois unha segunda lingua a escoller entre francés e portugués.

Portugués?

O de portugués é algo buscado a conciencia porque efectivamente algo que tamén destacan algúns xestores culturais é a importancia que o portugués ten en varios continentes e países: Brasil, África, Asia... Con esas linguas o que pretendemos é que os nosos alumnos teñan esa competencia idiomática fundamental para desenvolverse en contextos internacionais. E traballar con equipos de xestores culturais doutros países, por exemplo.

Ao ser un grao tan novo, resultou difícil encontrar docentes?

Non. Nós temos un profesorado que xa leva traballando neste ámbito, que ten experiencia previa, incluso unha especialización. Moi ben formado e plenamente consciente de que as materias teñen unha forte vocación profesionalizante. De feito, en atención a ese gran evento cultural que é o Camiño de Santiago, temos unha materia de carácter optativo que é Camiño de Santiago. Historia e Cultura. Outras: Paisaxes culturais, ou Xestión de conxuntos históricos, en atención a ese gran patrimonio arquitectónico, conxuntos de cidades patrimonio que temos en Galicia. Ou Medios audiovisuais... Cartografía e información xeoespacial... Turismo cultural e desenvolvemento sostible... O que tratamos é de cubrir todas esas necesidades formativas que teñen os profesionais neste ámbito.

Necesítanse prácticas, non?

As prácticas están concebidas como obrigatorias porque consideramos que é fundamental para que teñan un contacto co mundo profesional e que lles sirva tamén para saber cara onde queren orientar o seu futuro laboral. E xa temos un amplo abano de institucións e empresas públicas e privadas nas que o alumnado pode facelas. Non soamente radicadas en Galicia, senón tamén no conxunto do territorio nacional porque podemos ter alumnos que proceden doutras autonomías e que prefiren facer as súas prácticas cerca do seu lugar de residencia. É máis, dentro desas institucións coas que temos convenios para facer prácticas nós tamén lle dicimos ao alumnado que el mesmo pode promover a subscrición dun convenio. É dicir, un alumno que ve unha empresa ou unha institución coa que nós non temos convenio ningún, pero que lle interesa facer prácticas nela. El avísamos e nós tratamos xa de poñer en marcha ese convenio con esa empresa ou con esa institución para que ese mozo poida realizar as súas prácticas nese lugar.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.