Galicia
Con negocios en Venezuela, esta filla de galegos voltou hai tres anos para seguir emprendendo // “Estou moi contenta, síntome a gusto e non me arrepinto nada”, explica TEXTO S. B.

O quiosco que devolveu a ilusión a Patricia Díaz

  • 17 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Patricia Díaz nunca pensara en saír da súa Venezuela natal e ir vivir a outro país, pero a vida, a política e as circunstancias dan moitas voltas. Con 47 anos, esta emprendedora retornou a Galicia, facendo a viaxe en sentido inverso aos seus pais, tíos e avós. Explica que Caracas cada día era máis inestable, máis insegura e que os seus negocios alí xa non eran rentables, así que tras dárlle moitas voltas á cabeza, no ano 2017 decidíu dar o salto, deixar todo e vir para a que ela tamén consideraba a súa casa, Galicia.

A súa historia con Venezuela comeza cos seus avós, emigrados durante a dictadura, pero retornados. En España tiveron fillos, pero volveron marchar de novo. De feito a nai de Patricia naceu en Galicia pero a súa tía fíxoo en Venezuela. Os seus pais, el canario e ela galega, coñecéronse alá e fixeron toda a súa vida, emprendendo como a maioría e formando unha familia. As viaxes en vacacións eran unha constante na súa vida.

Patricia e a súa irmán viñan visitar á familia galega, polo que esta terra non lle era descoñecida. Ademais, entre 2014 e 2015 a súa nai, nacida en Lalín, e a súa irmán retornado á comunidade galega para quedar definitivamente. E para afondar aínda máis, o seu fillo –que agora conta con 14 anos– nunhas vacacións de verano díxolle que el non quería voltar a Venezuela. Patricia non o permitíu – “aínda non estabamos nesa situación”–, pero un par de anos despois as evidencias eran tan claras que voltaron.

“O meu fillo está encantado aquí. O nivel de inseguridade dalí facía que non se lle puidese deixar ir só a ningunha parte”. A súa vida en Caracas non era a normal dun mozo que entraba na adolescencia.

Os negocios en Venzuela ían “moi ben ata o ano 2013”. Eles traballaban con produtos de publicidade como hinflables para automoción e na representación de produtos de Colombia. Cando as importacións pararon e a crise económica fixo que as empresas non gastaran en publicidade o seu medio de vida veuse comprometido. Pero foron aguantando.

Familia emprendedora desde sempre, ao chegar a comunidade galega buscou traballo por conta allea pero “con miras a montar algo propio nalgún momento porque ao ter negocios antes un xa ven con esa mentalidade”. Os comezos foron difíciles, “a búsqueda de emprego non foi fácil” e o traballo non aparecía, así que asesorada por profesionais comezou a buscar posibilidades para ela. Tanto de negocio como de ayudas ou subvencións públicas para facelo con maior tranquilidade. A súa irmá, que xa llevaba aquí uns anos, emprendeu na cidade da Coruña, ten un estanco e o seu exemplo servíulle de pulo para cambiar e emprender tamén.

E ela fixo o mesmo en Santiago. Colleu o traspaso dun quisco-lotería na rúa dos Concheiros. E coas axudas de Emigración para o emprendemento de galegos retornados, no seu caso arredor de seis mil euros utilizados para mercar mercadoría que expoñer e vender no seu local, abriu as portas a unha nova vida. E a unha nova ilusión, a de residir nunha comunidade que viu nacer a boa parte da súa familia, á que retornaron a maioría deles, e, sobre todo, un lugar onde tanto ela coma seu fillo poden “saír á rúa sen mirar” para todos os lados, poden ir ao parque sen medo a un secuestro, poden quedar con amigos e poden prosperar. “Aquí hai tranquilidade, non ten nada que ver co que deixamos alá”, explica con seguridade.

O seu quiosco-lotería xa existía con outros donos, pero da súa man está desde o mes de xuño do 2018. “Foi crecendo, fixen cambios, está remodelado e crecendo”; explica Patricia, que engade que se atopa moi contenta coa súa nova situación. Se nun principio representaba “unha forma de saír adiante”, de ter ingresos e traballar, neste momento é unha parte moi importante da súa vida e do seu benestar.

“Eu estou moi contenta, síntome ben, a gusto. Encántame o meu traballo. Non me arrepinto nada de retornar a Galicia, remata.”

retorno
PROGRAMAS DA SECRETARÍA XERAL DA EMIGRACIÓN

··· A Secretaría Xeral da Emigración atende, no senso máis amplo da palabra, a dous colectivos de galegos: os emigrantes e os retornados. Aos primeiros presta apoio a través de dúas vías: as entidades (agrupación, asociacións e sociedades repartidas por todo o mundo) e a nivel individual.

··· Respecto aos retornados, o departamento autonómico está a centrarse en atender unha demanda que cada día medra máis (en 2019 –últimos datos oficiais publicados-regresaron a Galicia 7.047 galegos, dos que 6.710 o fixeron desde o estranxeiro, segundo a Estadística de Migraciones do Instituto Nacional de Estadística), das que máis do 80% é menor de 65 anos e máis do 60% está en idade de traballar) con incrementos nalgunhas partidas do seu orzamento de ata o 100%. En total, a Secretaría Xeral da Emigración vai destinar máis de 4,5 millóns de euros en 2020 só ao retorno, contía que se multiplicou por 22,5 desde 2009, cando se limitaba a 200.000 euros. O apoio aos retornados é de dous tipos:

1 Económico: vertébrase en torno a tres eixos:

• As axudas extraordinarias ao retorno experimentarán en 2020 un incremento de case o 10%, pasando de 1,75 millóns de euros a 1,9 millóns de euros, para dar resposta aos problemas derivados da crise do covid-19. Son axudas que se conceden nun só pago para contribuír a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Comunidade Autónoma de Galicia ás familias que presentan máis dificultades para levalo a cabo.

• A segunda, as Axudas aos Retornados Emprendedores, ten contribuído a poñer en marcha máis de 200 proxectos de emigrantes retornados en toda Galicia. A crecente demanda deste programa levou a duplicar o seu orzamento para 2018, pasando de 200.000 a 400.000 euros. A actual convocatoria, que abriu o prazo de solicitudes o 5 de xuño vén de ampliar o prazo de solicitudes ata o 30 de outubro.

• E a terceira, a educación, faise a través das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que desde 2017 selecciona os mellores expedientes académicos de galegos, e descendentes que queiran vir estudar un mestrado con alto índice de empregabilidade nalgunha das tres universidades galegas. En 2019 tanto o número de prazas como o presuposto deste programa incrementouse un 50% ata chegar aos 150 beneficiarios e os 1,3 millóns de euros. A SXE publicará nos vindeiros días a listaxe de beneficiarios da convocatoria 2020/2021.

2 De atención e asesoramento:

• Lévase a cabo tanto no exterior coma na propia comunidade a través de oficinas coa colaboración de entidades de galegos; e en Galicia a través de dúas oficinas fixas e unha itinerante da Federación de Venezolanos en Galicia).

DATOS SOBRE RETORNO:

En 2019, só desde o exterior a Galicia chegaron 16.866 persoas máis das que saíron, das que 8.384 son menores de 30 anos. Ao mesmo tempo, Galicia tamén gañou poboación polos galegos nados no estranxeiro. Segundo o INE, a comunidade acubilla hoxe 14.656 españois máis ca en 2018 que, nacendo no exterior, agora residen en Galicia.

Galicia tamén gañou poboación desde o resto de España, xa que recibiu 676 persoas máis das que saíron, das que 348 teñen menos de 65 anos. Do total, 507 teñen nacionalidade española e, destes, 195 teñen 64 anos ou menos.

Por outra banda, a chegada de persoas con nacionalidade española a Galicia ascendeu a 7.047 persoas en 2019, das que 6.540 procedían do estranxeiro e 507 doutras comunidades. Das 24.698 persoas que chegaron á comunidade desde o estranxeiro, o 26,47% son españois, o que supón a maior taxa de retorno de toda España. Ademais, o 92% son menores de 65 anos e máis do 60% está en idade de traballar.

Os principais países de procedencia dos galegos que retornaron desde o e xterior en 2019 foron, segundo a Estadística de Variaciones Residenciales do INE: Venezuela (1.893), Suíza (715), A Arxentina (411), os Estados Unidos de América (384), O Brasil (344), O Reino Unido (334) e Cuba (323).

Desde 2016 foron 24.720 os galegos que regresaron á comunidade. A cifra de retornados duplicouse desde o 2009.

Tema marcado como favorito