Galicia

Os pacientes galegos con cálculos renais, primeiros de España con acceso a cirurxía ambulatoria

A unidade de cirurxía endourolóxica é referencia internacional e decenas de profesionais de todo o mundo teñen acudido a Santiago a completar a súa formación

  • 05 feb 2022 / 17:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os doentes con cálculos renais da Unidade de Cirurxía Endourolóxica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, do servizo de Uroloxía, son os primeiros de España en beneficiarse da ambulatorización da cirurxía percutánea con láser. Como unidade de referencia internacional, os excelentes resultados, así como o elevado número de intervencións practicadas, permitiron avanzar un chanzo máis e converter estes procedementos de cirurxía percutánea en ambulatorios, coas conseguintes vantaxes para os pacientes.

Como proba da innovación deste programa, ven de ser recoñecido na XXXI Reunión Nacional de Endouroloxía, Litiase e Laparoscopia, recentemente celebrada en Sevilla. Así, o premio “Pedro Arregui” á mellor comunicación foi para: “Tratamento da litiase renoureteral en réxime de cirurxía maior ambulatoria”, presentada por profesionais composteláns.

Segundo subliña Daniel Pérez Fentes, coordinador da unidade “o noso protocolo asistencial foi moi ben acollido e suscitou gran interese por compañeiros doutras comunidades, que se teñen interesado por el para empezar a implantalo nos seus centros sanitarios”. Ademais “coa experiencia acumulada nestes meses fomos incrementando a complexidade das técnicas incluídas neste programa, coa abordaxe percutánea a través dun orificio único de 5mm no costado do doente” engade o doutor Pérez Fentes.

Neste mesmo encontro nacional, o traballo de dita unidade tamén foi recoñecido co premio “Gabriel Valdivia” á innovación tecnolóxica ou técnica cirúrxica polo proxecto: “Evaluación experimental de matrices poliméricas para el desarrollo de un catéter intraureteral biodegradable farmacoactivo para la terapia adyuvante en el carcinoma urotelial del tracto superior“, traballo colaborativo no que participa o coordinador da Unidade, que co Centro Experimental de Cáceres traballa no deseño de novos stent urinarios.

Deseño do proxecto ambulatorio

O coordinador da unidade de endouroloxía, Daniel Pérez Fentes, subliña que “desde sempre recollemos os resultados dos nosos procedementos coa finalidade de detectar e poder corrixir erros, mellorar e aportar nova evidencia científica” e esta sistematización permitiu avanzar no deseño dun proxecto asistencial para facer ambulatorios este tipo de procesos “coa axuda fundamental da coordinadora de cirurxía ambulatoria, Cristina Valiño e a do servizo de Anestesioloxía, Beatriz Carro, do Hospital de Conxo”, destaca.

A situación creada coa pandemia por COVID-19 e as súas restricións e cambios asistenciais fixeron aínda máis necesario este proxecto e así xa o pasado ano 2021 puidéronse beneficiar da súa implantación os primeiros 106 doentes “mantendo en todo momento os estándares de seguridade e éxito deste tipo de procedementos e engadindo os beneficios para o doente da ambulatorización”, subliña P. Fentes.

Así mesmo, Cristina Valiño, anestesista coordinadora de cirurxía ambulatoria do hospital de Conxo, destaca a importancia da coordinación entre diferentes servizos implicados: admisión, radioloxía, uroloxía, anestesia e a unidade da UCAP, onde o paciente permanece ata a alta a domicilio. “A selección adecuada do doente e que este reciba a información pertinente en cada un dos puntos, para que saiba o que vai pasar e o que ten que facer. E, por outro lado, o seguimento dentro do propio circuíto para facilitar que o procedemento se realice co máximo de calidade e de seguridade, evitando así os inconvenientes do ingreso hospitalario”, son a clave do éxito na implantación deste programa, afirma Valiño.

Ana Masid, anestesista que participa neste programa subliña que aínda que axustan o tipo de anestesia ás características do procedemento e do doente en xeral, nesta cirurxía ambulatoria “utilizamos anestesia de acción corta para que o doente se recupere o antes posible e teña os mínimos efectos secundarios”.

Pola súa banda, os doentes manifestan una gran satisfacción “moitos deles transmítennos na consulta postoperatoria que se sentiron moi ben arroupados e integrados no proceso en todo momento” apunta o coordinador ao tempo que explica que os pacientes son informados do funcionamento do proceso e se lles entregan dípticos e viñetas informativas anticipándolles todos os pasos. Ademais, durante toda a estancia no hospital permanecen baixo supervisión médica e de enfermería e ao día seguinte reciben no domicilio unha chamada da supervisora da unidade para facer seguimento da situación e confirmar a boa evolución. No caso de haber calquera incidente é avaliado e se é necesario páutase o ingreso.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.