Galicia

Paro da frota artesanal galega contra a ‘espionaxe’ de Bruxelas

    Cargando reproductor ...
  • 26 mar 2021 / 20:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Paro e sirenas soando a tope. Así manifestou este venres a frota artesanal galega o seu desacordo co novo regulamento de control da Unión Europea. No sector da pesca de baixura expresaron o seu rexeitamento e fixeron soar as bucinas dos barcos concentrados nos portos ás 12:00 horas. Nun comunicado, a Federación Galega de Confrarías informa que esta medida de protesta se acordou nunha reunión celebrada cos representantes do sector para abordar os principais aspectos que afectan á frota galega como que os buques estean obrigados a rexistrar as súas capturas de forma electrónica.

“Entendemos que para a frota artesanal isto é algo inviable, ademais de reiterativo, posto que a nosa frota xa realiza declaracións de desembarque ou notas de venda ou documentos de transporte” o que, sostén, é “máis que suficiente”. Tamén alude a outras cuestións como a xeolocalización e a obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros estean xeolocalizadas, aspecto que desde o sector artesanal rexeitan. Respecto diso, argumenta que a frota galega deste tipo “traballa na contorna das rías e en moitos casos agrupados”.


Apoio municipal. Por outra banda, explica que a proposta que a Federación Galega de Confrarías expuxo ós 63 pósitos da comunidade foi amarrar a frota artesanal en sinal de protesta “pola falta de consideración da Unión Europea en xeral, pero dos relatores desta iniciativa española en particular que visitaron Galicia e que non atenderon ás demandas do sector artesanal galego”.

En base ao rexeitamento por estas e outras cuestións, ademais do paro da frota artesanal, acordaron dirixirse á Federación Nacional de Confrarías para informarlle da súa postura e solicitar apoio nos concellos galegos para que aproben mocións de respaldo á frota artesanal e en desacordo co novo regulamento de control. Tamén esixen o cesamento da parlamentaria Clara Aguilera (PSOE), “relatora da iniciativa española que non tivo en conta as peticións do sector e continuou adiante co seu informe a pesar de todo”, argumentan.

Desde a Xunta. A conselleira do Mar salientou que a “actividade responsable e respectuosa co medio ambiente da frota galega”, e en particular a amparada pola etiqueta Pescaenverde, debe ser atendida polas autoridades comunitarias. Rosa Quintana, que participou no acto de entrega desta certificación a seis confrarías de pescadores, subliña que este tipo de distintivos contribúen a dar valor aos produtos da frota artesanal de Galicia e a facer ver que o seu labor se desenvolve de xeito sustentable, cun baixo impacto no medio. Xa son 33 os pósitos que a teñen ao sumarse Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ferrol

BNG. Nunha visita ao Porto de Vigo a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; as deputadas no Parlamento Rosana Pérez e Carmela González; e o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez, onde criticaron as decisións de PP e PSOE na Eurocámara prexudiciais para o sector pesqueiro e marisqueiro galego.

Importancia do ecoetiquetado
Mar defende o selo Pescaenverde, que da valor ás capturas da frota artesanal e proba un baixo impacto no medio

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou a transcendencia de contar cun sector pesqueiro responsable que aposte por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e ao mesmo tempo cunha diferenciación das súas capturas que permita aos consumidores elixilos sendo conscientes de que, ao tempo que os mercan, están a coidar a súa contorna. Iso é o que permite a ecoetiqueta Pescaenverde que, baixo o paraugas da marca pescadeRías, acredita a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético da frota artesanal e que hoxe recibiron as confrarías de pescadores de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ferrol.

Estas entidades xa estaban certificadas polo selo pescadeRías, de onde senón? e agora poderán incorporar a marca Pescaenverde nas súas etiquetas para acreditar esa actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente. Con elas, son xa 33 as confrarías de pescadores de Galicia que contan con este distintivo para darlle valor aos seus produtos facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de xeito eficiente enerxeticamente.

A titular de Mar salientou que esta ecoetiqueta permite a Galicia “presumir de produtos, de sector e de bo facer” posto que contribúe a engadir valor aos peixes e mariscos comercializados -ao diferencialos como procedentes dunha actividade máis sustentable e eficiente-. Ademais facilita a avaliación dos custes de explotación do sector e a transmisión dos resultados obtidos a toda a cadea de venda, engadiu.

A representante da Xunta explicou que este selo axuda a que o consumidor identifique os produtos con mellores indicadores ambientais para unha toma de decisións máis sostible así como a loita contra os fraudes na etiquetaxe xerando maiores garantías. “A experiencia de compra é así máis responsable. Nótase na cesta, na mesa e tamén na conciencia ambiental”, afirmou Rosa Quintana.

A titular de Mar incidiu en que a etiqueta Pescaenverde aporta máis información sobre o impacto ambiental, a confianza que dá unha certificación amparada por unha institución académica de recoñecido prestixio como é a Universidade de Santiago de Compostela e a evidencia de que as especies comercializadas baixo a marca pescadeRías están nos límites aceptables da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxético.

Por iso, animou ao sector pesqueiro galego a seguir nesta liña de traballo, difundindo os seus produtos baixo o paraugas de garantías ambientais, de calidade e sustentabilidade, para que o conxunto da frota poida mellorar os seus resultados e a súa rendibilidade.

O selo Pescaenverde

Esta ecoetiqueta ten o respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago de Compostela, que deseñou un software para promover o cálculo da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética adaptada ás características do sector pesqueiro. No ano 2013 a Oficina Española de Patentes e Marcas expediu o título de rexistro da marca Pescaenverde.

Trátase dun selo que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente ao mesmo tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, impulsando a venda nun mercado cada vez máis competitivo e no que moitos compradores buscan produtos respectuosos co medio.

Críticas ao PP e o PSOE na Eurocámara
O BNG reclama a Xunta e Estado que esixan en Bruxelas a revisión do regulamento de control de pesca

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, as deputadas Rosana Pérez e Carmela González, e o portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas, defenderon que o goberno galego e estatal insten a Comisión Europea a revisar o regulamento de control de pesca, aprobado recentemente pola Eurocámara, xa que resulta “tremendamente prexudicial para a frota galega” e sinalou que “aínda é posible modificar ese regulamento para a pesca artesanal”

“A aprobación do Regulamento de Control da Pesca no Parlamento Europeo é unha mostra máis o descoñecemento que ten a UE do sector pesqueiro galego, con decisións que supoñen un agravio para a nosa frota, alonxadas da realidade do sector e desproporcionadas”, subliñaron os nacionalistas nunha visita que realizaron ao porto vigués antes de sumarse á protesta convocada pola Federación Galega de Confrarías e de manter un encontro coa Asociación de Comercializadores de Pescado de Vigo (ACOPEVI).

Para o BNG, os gobernos non defenden ao sector galego en Bruxelas, xa que na Eurocámara, tanto PP como PSOE votaron a favor do regulamento do control de pesca. “Debían terse anticipado a unha regulación que supón na práctica sumar prexuízos aos que xa sofre a frota galega, no reparto de cotas e TACs”. “O goberno galego e o goberno do Estado teñen que esixir en Bruxelas que a presentación dos datos de capturas en formato impreso poida seguir sendo posible, como alternativa, para os buques pesqueiros de eslora inferior a 12 metros”, subliñou Ana Miranda, quen defendeu que Galiza debe exercer as súas competencias propias en materia pesqueira rexeitando esta imposición.

Iniciativas no Parlamento galego

“De que lado están PP e PSOE, preguntámonos no BNG, do lado do sector pesqueiro e marisqueiro ou na súa contra”, manifestou a deputada Rosana Pérez, quen avanzou que hoxe mesmo rexistrou iniciativas no Parlamento galego rexeitando o regulamento de control de pesca aprobado no Parlamento Europeo e instando a presionar para acadar a súa modificación.

Para o Bloque, a obriga, no segmento de frota artesanal do diario electrónico a bordo e a súa transmisión “é na práctica algo moi gravoso para a pesca e o marisqueo, porque supón unha carga desproporcionada para os barcos e a súa capacidade de faenar”. As nacionalistas tamén manifestaron a súa oposición á obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas e á instalación de cámaras a bordo. “Consideramos que a videovixilancia é unha medida excesivamente invasiva que amosa que na UE están máis preocupados en lexislar que en saber como son as condicións de traballo dun sector tan duro como o pesqueiro”, manifestan.

Fronte a postura de PP e PSOE, contrarias aos intereses da frota galega, desde que foi presentada a proposta da Comisión Europea o Bloque criticou duramente tanto a proposta do diario electrónico para a pesca artesanal, a xeolocalización e a instalación de cámaras nas embarcacións para controlar a obriga do desembarque das capturas. “A existencia dunha normativa común a todos os Estados da Unión Europea no control da pesca non pode supoñer unha carga de traballo desproporcionada e unha constante ameazada para o sector da frota galega”, salientan os responsables nacionalistas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.