Sanidade propón senllas multas de máis de 360.000 euros a LaLiga e ao Fuenlabrada por "infracción moi grave"
Dende a Consellería inciden en que o brote provocou “cancelacións en hostalaría e restauración”, “retardándose as reservas para o mes de agosto” ademais de “posibles prexuízos en comercio, turismo e servizos”
A Consellería de Sanidade propuxo senllas sancións de 360.607,27 euros a LaLiga e ao Club Fuenlabrada SAD por "infracción moi grave" despois de viaxar a Galicia o pasado 20 de xullo a pesar de que o equipo se someteu a unha proba PCR horas antes ---sen aínda coñecer os resultados-- e cando xa había catro casos positivos confirmados que non chegaron a viaxar.
Segundo explicaron fontes da Consellería consultadas por Europa Press, tanto LaLiga como o FC Fuenlabrada "eran coñecedores da situación e o propio protocolo" de LaLiga "impide viaxar aos contactos estreitos nin aos pacientes probables que se lles realizou a proba". Precisamente, após exames posteriores realizados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), foron 18 os positivos confirmados.
Neste sentido, a Xunta sinala que se apreciou unha "grave alteración social e sanitaria" polo "risco real" de contaxio da COVID-19 non só entre os membros do equipo e as persoas traballadoras senón tamén de posibles afeccionados, xornalistas, hóspedes do hotel e calquera outra persona que puidese ter contacto cos membros da expedición.
Ademais, a Consellería de Sanidade subliña que o brote causou "unha gran alarma social" na cidade da Coruña e que provocou "cancelacións en hostalaría e restauración", "retardándose as reservas para o mes de agosto". Ademais, tamén alertou de "posibles prexuízos en comercio, turismo e servizos".
O departamento autonómico indicou que tanto LaLiga como o FC Fuenlabrada son entidades especializadas que contan con información e medios suficientes, equipos médicos e protocolos específicos para coñecer que o seu deber "era achegar as medidas necesarias para evitar a propagación do virus".
Por todo iso, a Xunta sinala a cualificación da infracción é a de "moi grave", o seu "grao máximo", polo que propón a multa de 360.607,27 euros a LaLiga e a mesma contía para o Club Fuenlabrada SAD.
O expediente foi trasladado o pasado luns a ambas as entidades e o Consello da Xunta é o órgano competente para a imposición da sanción, mentres que a instrución do expediente correrá a cargo da Xefatura Territorial da Coruña.
EUROPA PRESS.