Galicia

Saúde e emprego: prioridades do BNG para o inicio da lexislatura

O grupo parlamentario nacionalista mantivo onte a súa primeira xuntanza no hemiciclo

  • 29 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Grupo Parlamentario do BNG na XI Lexislatura mantivo onte a súa primeira xuntanza na semana previa á constitución do hemiciclo o vindeiro 7 de agosto.

Pontón aproveitou a estrea para deixar clara a folla de ruta da formación no Parlamento: “traballar no importante: darlle solucións aos galegos e as galegas preocupadas pola crise sanitaria da covid-19 e pola crise económica, cun obxectivo moi claro, erguer Galiza no ámbito sanitario e no ámbito económico”. Un traballo “desde o rigor e desde o entusiasmo” nun momento de emerxencia no que, máis que nunca, “a política ten que estar á altura”, proclamou.

Así, os frentistas, que contarán cun grupo moi novo e maioritariamente feminino, puxeron sobre a mesa un plan de reforzo da atención primaria, –exhausta tras once anos de recortes do PP–, con máis recursos e con máis persoal, tendo en conta que debe xogar un papel clave na loita contra os rebrotes do coronavirus, unha atención primaria á que se lle adxudica tamén o papel de rastrexo na evolución da pandemia.

En relación a reactivación económica, Pontón considera vital que Galicia reciba a parte que lle corresponde do fondo europeo de rescate dotado con 140.000 millóns de euros, sen agravios, e para iso, man tendida para lograr un acordo de país. Unha recativación que debe iniciarse freando a destrución dos postos de traballo en ALCOA-San Cibrao cunha nacionalización na que interveña tanto o Goberno estatal como a Xunta.

Os frentistas denuncian a pinza PP-PSOE en Castrelo

Santiago. A dirección nacional do BNG considera de enorme gravidade o acordo PP-PSOE para sacar adiante unha moción de censura contra o goberno municipal de Castrelo de Miño, cuxa alcaldía está agora baixo a responsabilidade da formación nacionalista, unha pinza entre populares e socialistas que segundo advirten desde a Executiva Nacional responde a unha estratexia de ambas forzas para arrebatarlle alcaldías ao BNG na provincia de Ourense pola porta de atrás a través de negociacións nos despachos que, desde logo, non obedecen ao interese da veciñanza senón ao calculo partidista.

O BNG tamén denuncia que esta estratexia usando as peores artimañas do transfuguismo non se limita a Castrelo de Miño, senón que ten xa a vista posta no concello de Viana do Bolo liderado tamén polo BNG.

Neste senso, lémbranlle a Núñez Feijóo, que o PPdeG asinou o pacto antitransfuguismo, o que casa mal con esa estratexia do PP de Ourense de pactar con tránsfuga. ECG

Tema marcado como favorito