Galicia
25X

Un camiño difícil

no Congreso

  • 25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Durante séculos, a peregrinación a Compostela para postrarse ante a tumba do apóstolo Santiago o Maior, seguindo o Camiño de Santiago, foi unha viaxe con enormes riscos para o camiñante que, a pé, a cabalo ou a través do mar, tiña que enfrontarse a asaltantes, inclemencias do tempo, animais salvaxes, etc.

Pois ben, hoxe en día, en pleno século XXI, segue habendo moitos outros camiñantes que, para salvar as súas vidas, vense obrigados a desprazarse polos conflitos, as guerras, as persecucións, a pobreza, a fame, os fenómenos meteorolóxicos extremos como secas ou inundacións, etc.

E, deles, segundo estimacións de Unicef, hai uns 36,5 millóns de nenas e nenos desprazados dos seus fogares. Moitos cruzaron fronteiras internacionais en busca de maior seguridade ou de maiores oportunidades.

E agora, a guerra de Ucraína, que obrigou a máis de dous millóns de nenos a fuxir do país e a outros tres millóns a desprazarse internamente desde febreiro. É sen dúbida o maior movemento de refuxiados europeos desde a Segunda Guerra Mundial.

E todos e todas teñen que enfrontarse a graves perigos para o seu benestar e a súa seguridade. Sobre todo aqueles non acompañados ou separados que corren un maior risco de caer en trata, explotación, violencia ou abuso. Aproximadamente o 34% das vítimas de trata identificadas en todo o mundo son menores.

Temos moito camiño por percorrer. Paulo Coelho dixo que “Santiago non é o final do Camiño, senón o comezo”. Comecemos garantindo a seguridade e a protección da nosa infancia para que poidan seguir crecendo e aprendendo. A protección dos menores é unha obriga prioritaria dos poderes públicos, recoñecida no artigo 39 da Constitución Española e en diversos tratados internacionais. O ano pasado aprobouse a primeira lei integral para protexer á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

Pero é que, ademais, a acollida ao peregrino constitúe un dos aspectos fundamentais da experiencia do camiño dende a Idade Media. Demos unha resposta solidaria, coordinada e unha actitude acolledora a todos os nenos e nenas que chegaron escapando da guerra de Ucraína. O goberno aprobou o novo regulamento de acollida de refuxiados. E aplicou unha nova Directiva de Protección Temporal. E as comunidades autónomas e os concellos ofreceron aloxamentos, estruturas de coordinación e puntos de información. Todo moi necesario.

Mirko Badiale, escritor e filósofo italiano dixo: “En cada neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños”.

Ser refuxiado require adaptarse a novas realidades, a un novo país, a unha nova lingua, a unha nova casa, a un novo clima, a novos amigos. E é difícil porque a exposición á violencia pode ter efectos profundos na arquitectura cerebral, xerar problemas psicolóxicos e comportamentos de risco que comprometen o seu desenvolvemento físico, social, emocional e cognitivo.

Aínda que estes momentos son de grandes retos e desafíos, tamén presentan a oportunidade de repensar o futuro e facer cambios que beneficien ás novas xeracións.

Establezamos un camiño permanente de protección á infancia que garanta o seu pleno desenvolvemento.

Protexamos aos nosos nenos e nenas, protexamos a infancia que nos chega, fagamos un mundo mellor.

Invistamos na infancia, invistamos en facilitarlles o camiño polo que poidan construír unha sociedade máis xusta e máis equitativa.

Tema marcado como favorito