Galicia

Unha marea negra ‘freada’ pola solidariedade da sociedade civil

Técnicos, investigadores e testemuñas loubaron en Muxía, a ‘zona cero’, o labor do voluntariado

  • 12 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Parador da Costa da Morte, un dos fillos do Prestige, xuntou en Muxía, a ‘zona cero’, a catedráticos, profesores universitarios, xuristas e testemuñas de primeira man da maior catástrofe ambiental de Galicia para rememorar e avaliar, vinte anos despois, o pasado, o presente e tamén o que pode vir despois dunha ferida que deixou marca.

O encontro, promovido por Ecobas, o Centro de Investigación Interuniversitario, co apoio das empresas Fresco y del Mar, Bela Muxía e a rede de Paradores de España, serviu, ante todo, para reivindicar como clave o labor da sociedade civil e do voluntariado para facer fronte e borrar das nosas costas as pegadas da marea negra.

“Foron os verdadeiros protagonistas e os que deron un exemplo de dignidade, algo que non demostraron as administracións”, afirmou Emilio Louro que, naquel momento era o secretario da confraría de Lira (Carnota). O seu homólogo muxián, Nacho Castro, coincidiu en que “só á marea branca se lle poden dar todas as medallas”.

Foi esa sociedade, din, a que tivo que artellar, ante a pasividade inicial das administracións, a loita contra o chapapote. Nacho Castro viu claro desde o primeiro momento que se ían precisar moitas mans e, con tal fin, enviou correos electrónicos a universidades de toda España solicitando axuda. “E funcionou”, afirmou, pois aos poucos días, “xa tiñamos aquí os primeiros voluntarios, algúns chegados de Canada, Australia e de China”.

Unha marea humana que, co paso dos días, foi asolagando o litoral galego máis afectado. “En Muxía, o 27 de febreiro de 2023, tivemos que dar de comer e aloxar a 1.700 persoas”, lembrou Castro.

Algúns deses voluntarios non só traballaron durante meses limpando a costa, senón que mesmo se quedaron a vivir na nosa terra. É o caso Sven Schewebsch, un alemán afincado en Carnota, quen, exerceu de coordinador e, unha vez que se deron por rematados os traballos de limpeza, constituíu un grupo de voluntarios libres que seguíu varios anos baixando á costa para limpar as zonas nas que quedaba chapapote. Hoxe segue desenvolvendo labores medioambientais.

Sole Méndez seguiu un camiño semellante en Fisterra, despois de deixar atrás un proxecto de agricultura ecolóxica na Serra de Gata para vir a recoller chapapote. Hoxe traballa como mariscadora e “nuncha deixei de acudir ás praias que limpamos”. Lamenta, que vinte anos despois de que toda a sociedade se erguese en loita contra a contaminación “hoxe seguimso tendo un Prestige silencioso”, en alusión á gran cantidade de refugallo plástico que chega cada día de volta ás nosas costas.

Séntese unha galega máis, e tanto é así que, pouco despois de asentarse na vila fisterrana, tivo unha filla, hoxe unha moza, á que bautizou co nome de Alegría Fisterra.

anécdotas
Garda Civil cun mapa turístico

··· O escritor Francisco Fernández Naval lembrou, a modo de capítulos e anécdotas, a súa experiencia en Carnota. Dixo ser testemuña da “deslealdade institucional”, e tamén de curiosidades como a chegada dun “exército profesional, formado por un sarxento e cinco soldados para coordinar todo o territorio”. Topouse tamén con dúas compañías da Garda Civil “pérdidas, tratando de atopar a praia de Ximprón nun mapa turístico”.

··· Lembrou tamén como una técnica de Sanidade se personou na carpa onde se daba de comer aos voluntarios para prohibir ás mulleres da vila que fixesen a comida “porque non tiñan o carné de manipuladoras e alimentos”.

··· Destacou a “dúas vítimas moicontrapostas: Man de Camelle, que morreu a consecuencia do ‘Prestige’, e Pepe Cuíña, que tentou de desobedecer a deslealdade institucional e acabou sendo tamén unha vítima desta catástrofe”.

Mútiples afeccións medioambientais, económicas, emocionais e de imaxe

Muxía. O encontro celebrado en Muxía aunou a visión investigadora coa social para poñer sobre a mesa as múltiples afeccións da catástrofe.

A catedrática de Economía da USC, María Loureiro, autora do informe da Fiscalía para cuantificar os danos, afirmou que foron cifrados en máis de 2.000 millóns de euros só en Galicia. Nese análise tiveronse en conta non só as perdas do sector pesqueiro e da acuicultura, senón tamén a merma de capturas, a caída de prezos e a baixada de ingresos turísticos. Unhas perdas que, segundo Ramón Sabín, representante legal das confrarías, no poideron ser compensadas porque as coberturas dos seguros do buque e da Fidac eran “absolutamente insuficientes”.

Tamén se avaliaron algunhas das causas da catástrofe. Antonio García Ayut, catedrático de Antropoloxía Social da UDC sinalou que “non foi un accidente fortuíto, senón que se deron condicións que o favoreceron”, como as características do buque, ao que Ricardo Beiras, catedrático de Ecoloxía da U. Vigo sumou o feito de que “España non tiña barcos especializados” na loita contra a contaminación.

Ricardo García Mira, catedrático de Socioloxía da UDC, e Juan Garrido, profesor de Enxeñería Ambiental da USC, subliñaron a resposta social e a boa valoración que esta tivo por parte da poboación, e cuestionaron a actuación das administracións.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.