Hemeroteca

O 'Abril Oteriano' recala en Compostela para indagar na figura de Otero Pedrayo

O venres celebrarase unha misa na súa memoria na Igrexa de San Francisco // Ese día e o sábado celebraranse conferencias e mesas redondas

    • 17 abr 2018 / 18:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O presidente daFundación Otero Pedrayo, Xoan Luís Saco Cid, o secretario, Afonso Vázquez-Monxardín, e o Decano de Xeografía e Historia, Francisco Durán, fixeron público este martes o programa de actos que desenvolverá a fundación en Compostela os vindeiros días 20 e 21 de abril na terceira edición do chamado “Abril Oteriano”.

    Ramón Otero Pedrayo foi Catedrático de Xeografía entre 1950 e 1958, un período que denominou “Os anos máis felices” da miña vida. Durante este tempo foi un elemento central no enlace do galeguismo entre xeracións e proxectou o seu maxisterio desde as aulas, os faladoiros e as páxinas da prensa compostelá.

    Por iso a Fundación Otero Pedrayo, preocupada pola memoria de Don Ramón, quere vir desde Trasalba e Ourense á amada Compostela para renderlle esta homenaxe, aos sesenta anos daquela xubilación.

    O vindeiro venres, 20 de abril, ás 12, inícianse os actos de Compostela, coa celebración dunha misa na súa memoria na Igrexa de San Francisco, dita por Andrés Torres Queiruga.

    O propio día 20, ás 5 da tarde, coa colaboración da Universidade de Santiago e do Centro de Formación e Innovación Universitaria, iníciase no Colexio de Fonseca, un simposio no que baixo o titulo xenérico de “Otero en Compostela: os anos máis felices” reunirá investigadores da obra oteriana e protagonistas daqueles anos. Durante a tarde do venres e o sábado 21 enteiro, haberá conferencias a cargo de Ramón Villares, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Salgado, Margarita Ledo Andión, e mesas redondas coa participación de Antón Santamarina, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Baliñas. O presentadores e introdutores serán personalidades como Miguel Santalices, presidente do Parlamento Galego, Victor Freixanes, Presidente da RAG, Xavier Cea, vicedirector de El Correo Gallego, a xornalista Tereixa Navaza e a profesora Patricia Arias. A noite do venres haberá un roteiro nocturno evocador dos paseos que daba Otero polas rúas e prazas de Compostela.

    O Abril oterino, concluíra o sábado 28, en Trasalba coa celebración dunha conferencia de Xesús Alonso Montero sobre “Os Testamentos de Otero Pedrayo” e a presentación dun libro “Crónica do vivir xornaleiro, Otero Cronista oficial de Ourense” con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario daquel nomeamento, da autoría de Afonso Vázquez-Monxardín.

    Rematará o abril oteriano cun xantar de irmandade no Pazo de San Damián.

    Tema marcado como favorito