Hemeroteca
día mundial

Acción global contra a violencia

Anxo Quintana e Carme Adán entréganlles o premio "Eu tamén navegar" á Asociación Liberanza de Santiago e á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo ·· O vicepresidente da Xunta asegurou querer colocar o Goberno "polo menos, á altura da sociedade civil"

  • 25 nov 2006 / 22:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, recoñeceu onte que "xa é momento" de que a Administración se coloque "polo menos, á altura da sociedade civil" en canto a medidas e iniciativas para combater os malos tratos. Durante a entrega en Santiago do premio Eu tamén navegar, para recoñecer o labor das asociacións que loitan contra esta lacra, Quintana insistiu en que para combater este problema "non abonda con accións puntuais" dende o Executivo galego.

Así, aínda que considerou que dende a Vicepresidencia "se están a dar pasos" favorables cara á igualdade entre homes e mulleres, pero advertiu da necesidade de "non caer na autocompracencia", xa que "aínda que o camiño iniciado é o correcto, aínda queda moito por percorrer".

Entre as diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta, Quintana referiuse á creación do salario da liberdade, como fórmula para que as mulleres "poidan abandonar o agresor", así como ao establecemento do Centro de Recuperación Integral para as mulleres que sofren violencia, que completará a atención que prestan as casas de acollida.

De igual forma, aludiu á necesidade de afondar no Acordo interinstitucional para a Mellora na Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, para coordinar as actuacións entre Fiscalía, tribunais ou sociedade civil. Así mesmo, incidiu na importancia que terá a aprobación, a principios de 2007, da lei galega contra a violencia de xénero.

Sensibilización

Quintana entregou os premios Eu tamén navegar: para unha Galiza sen violencia de xénero á Asociación de Promoción da Muller Liberanza de Santiago, así como á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.

Ao respecto, subliñou que "neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres" é "unha obriga" da Xunta contribuír á sensibilización sobre este problema a través de galardóns como o entregado onte. Nese sentido, considerou que "problemas estruturais como este só teñen solución se son visibles" á sociedade e, por iso, mostrouse confiado en que estes premios, entre outras iniciativas, contribúan a ese fin. Así mesmo, insistiu en que "aínda que o camiño por percorrer aínda é longo, é necesario marcar no horizonte unha utopía, a de que Galicia algún día sexa recoñecida no mundo como unha terra de igualdade, que ese feito forme parte da súa identidade". No acto tamén participou a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, quen estableceu paralelismos entre o sometemento das mulleres maltratadas e determinadas pasaxes do mito de Ulises e Penélope.

Minimizadas e negadas

A Xunta, na súa Declaración Institucional no Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, recorda que este asunto "é un problema de todos" e non só das vítimas, á vez que apostou por seguir traballando por unha sociedade "máis igualitaria". No texto da declaración difundida por Vicepresicencia da Xunta exponse que durante moitos anos as diversas formas de agresións que sofren as mulleres "foron minimizadas e ata negadas" pola sociedade patriarcal.

UN PLAN PARA DECEMBRO

Exclusión dos maltratadores

O ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, explicou onte que o Goberno aprobará o 15 de decembro un "plan nacional de sensibilización" sobre violencia de xénero dedicado á "exclusión social" dos maltratadores e a "inhibir" os seus comportamentos.

Así o explicou Caldera en declaracións ós medios despois de entregar os Recoñecementos ó Labor pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero que concedeu onte o Instituto da Muller para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Caldera sinalou que o plan desenvolverá a actual Lei Integral contra a Violencia de Xénero conterá "moitas" medidas dedicadas facer que os homes que agreden ás mulleres "o pensen moitas veces" antes de facelo. O ministro destacou que a presentación en Madrid da campaña contra violencia a mulleres elaborada polo Consello de Europa "é un recoñecemento" ó carácter "pioneiro" da Lei Integral.

Resaltou que erradicar a violencia cara á muller é un "compromiso de todos" no que a lei é "só unha peza máis" e considerou que é "moi importante" que todos os homes rexeiten "radicalmente" a aqueles que exercen os malos tratos.

Durante a cerimonia de entrega dos recoñecementos, a delegada especial do Goberno contra a Violencia cara ás Mulleres, Encarnación Orozco, pediulle á sociedade "un berro enxordecedor" contra as agresións e considerou que esta debe exercer unha tarefa de "denuncia permanente" cara aos malos tratos .

EN PONTEVEDRA

Escaso influxo na xerarquía informativa

As mulleres teñen máis participación nos medios de comunicación pero aínda gozan de escasa influencia na xerarquía informativa, xa que os que deciden adoitan ser homes. Esta é a reflexión que fixo a mexicana Sara Lovera, fundadora e secretaria da axencia de noticias Cimac, no Foro sobre Comunicación e Xénero do Observatorio dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que rematou onte cunha xornada presencial en Pontevedra.

Este encontro celebrado onte no Pazo da Cultura de Pontevedra foi inaugurado pola secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, conxuntamente co alcalde de Pontevedra, Miguel A. Fernández Lores, o decano do CPXG, Xosé Manuel Veiga e o director do Observatorio dos Medios, Luís Álvarez Pousa. Sara Lovera matizou que a igualdade entre homes e mulleres non existe na práctica e como mostra citou as 72 mulleres mortas en España no que vai de ano, froito da violencia doméstica .

LOS DATOS

Deficiencias A presidenta da Comisión de malos tratos a mulleres, Consuelo Abril, destacou onte que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero ten "moitísimas deficiencias en canto ó cumprimento da erradicación da violencia", a pesar de que a súa base lexislativa é "moi positiva".

Aplicación Abril pediulle "un sobresaliente ó Goberno e a todos os grupos parlamentarios que aprobaron a Lei", pero no que respecta á súa aplicación, "nin sequera lles daría o aprobado".

Recursos Abril lamentou a falta de recursos cos que conta a Lei e sinalou que "parece mentira que se ocupen tan pouco dos recursos a estes temas de malos tratos" .

Tema marcado como favorito