Hemeroteca

Adianta a Deputación máis de 15,2 millóns para Área

Anticipou na provincia máis de trinta e oito millóns de euros da recadación tributaria como apoio aos municipios nesta crise

  • 29 mar 2020 / 22:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a orde de transferir aos concellos da provincia que teñen delegada a xestión e recadación tributaria na institución provincial un total de 38.417.000 euros como anticipo á conta da recadación de impostos estimada durante os meses de marzo, abril e maio. Esta cantidade adiántase aos municipios sen xuros e súmase á transferencia ordinaria aprobada o pasado mes de febreiro por un importe doutros 12,8 millóns de euros, "polo que a cantidade total ascende a máis de 51,2 millóns de euros nun prazo de apenas un mes", apuntaron dende o organismo provincial.

No caso de Área de Compostela os municipios percibirán por adiantado un total de 15.269.543 euros. Os concellos que máis aporte recibirán serán Ames, cun total de 1.671.600 euros; Ribeira con 1.168.824 €; Teo con 1.059.135 euros; Ordes, que percibirá 807.476 euros; Melide que se fará coa cantidade de 670.489 euros; A Laracha obterá a cifra de 640.757 euros; e tamén destaca o caso de Santa Comba, que recibirá un total de 625.475 €.

"Con este adianto da recadación dos vindeiros tres meses, o Goberno provincial quere axudar a mellorar a situación económica e a liquidez dos concellos coruñeses para facer fronte ás súas necesidades esenciais e urxentes durante a crise do coronavirus, permitíndolles afrontar gastos imprevistos e manter os pagos a empresas e provedores", explicou González Formoso, que anunciou que os servizos tributarios estudan a viabilidade dun novo adianto se a situación actual se prolonga no tempo. Aínda que a Deputación da Coruña aprazou temporalmente o inicio da primeira campaña de impostos do ano, que inclúe entre outro o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM), "os concellos coruñeses disporán de liquidez suficiente ao contar nunha soa transferencia cos ingresos que lles corresponderían no vindeiro trimestre", apuntou González Formoso.

Os concellos que delegan a recadación na Deputación percibirán as cantidades correspodentes ao IBI (urbano e rústico), IVTM (vehículos), IAE (Imposto de Actividade Económicas) e taxa de recollida de lixo ata o final de maio. A cantidade global máis destacada por conceptos corresponde ao IBI urbano, con 22.431.216,06 euros, seguida polo IVTM con 5.812.479,78 euros e recollida de lixo (4.384.647,96). Os concellos recibirán máis de dous millóns de euros en concepto de adianto do IAE, 2,2 millóns de IBI de características especiais e 1,5 millóns de IBI rústico.


REUNIÓN Por outra banda, a Deputación da Coruña vén de celebrar unha reunión do Goberno provincial, aínda que neste caso desenvolveuse mediante unha videoconferencia múltiple na que, ademais do presidente e o vicepresidente, participaron todas as deputadas e deputados que forman parte do Goberno provincial. Nela deron conta dos avances nas medidas aplicadas nas diferentes áreas da Deputación con motivo do Covid-19, como o aprazamento tributario, a limpeza de desinfección de instalacións provinciais especialmente sensibles, a cesión de instalacións (como as de Calvo Sotelo, usadas polos bombeiros da Coruña, ou a área para camioneiros creada en Sabón), ou a ampliación do servizo de Teleasistencia para que poida chegar a todas as persoas maiores que o precisen.

Na reunión abordouse o escenario actual e as perspectivas da repercusión social e económica que terá esta crise sanitaria nun futuro inmediato e "que requerirá do apoio coordinado de todas as administracións", lembraron dende a Deputación.

Tema marcado como favorito