Hemeroteca

Adxudican as obras de reparación da ponte que une Trazo e Santiago

Nunhas semanas van comezar os traballos, que terán un prazo de execución de 4 meses

    • 11 jun 2019 / 20:54
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Trazo. A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 98.000 euros as obras de reparación da ponte Albar, un viaducto histórico que conecta os municipios de Trazo e Santiago. A sede da institución provincial acolleu onte a sinatura do contrato coa empresa que se encargará dos citados traballos, que comezarán nas vindeiras semanas e que teñen un prazo de execución de catro meses.

    Esta estrutura atópase sobre o río Tambre e trátase dun elemento incluido no catálogo de bens culturais de ambos concellos e no inventario de pontes históricas de Galicia. Presenta actualmente diversos danos nos tallamares (construcións en forma de quilla que cortan as correntes de auga), nos que se aprecia a falta de material granítico provocada polo impacto de material de arrastre durante as fortes riadas que portan consigo ramas de árbores caídas.

    O obxectivo da actuación será consolidar os elementos estruturais do viaducto, para o que será preciso o desmonte dos tallamares ata a fiada inferior onde exista perda de material, previa numeración de cada unha das pezas de granito que as compoñen.

    Unha vez desmontados os perpiaños e limpa a base de asento, procederase de novo ao seu remonte na posición orixinal, recuperando as pedras que se atopen caídas no río e usando outras novas de granito se fora preciso.

    Ademais, prevese a eliminación da colonización biolóxica, limpeza dos paramentos, saneamento das xuntas e encintado das mesmas con morteiro de cal, aplicación dun tratamento biocida e roza da maleza na contorna.

    Tema marcado como favorito