Hemeroteca

Ai, Pippi! Canta falta nos fan nenas coma ti!

  • 15 abr 2018 / 11:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Hai quen pensa que a obra Pippi Mediaslongas, publicada orixinalmente en 1945, conta as aventuras dunha cativa maleducada e mentireira, mais esta historia está chea de humor, de liberdade e de xustiza cara aos máis débiles e os animais.

Pippi non convive con adultos que lle digan o que está ben ou mal, polo que o seu universo está cheo de posibilidades ou, canda menos, de posibilidades diferentes ás que calquera crianza pode ter. Unha historia que rompe con todos os estereotipos e abre o debate sobre o carácter adoutrinante da Literatura Infantil e Xuvenil.

A exitosa autora sueca Astrid Lindgren (Vimmerby, 1907-Estocolmo, 2002), gañadora do Premio Hans Christian Andersen en 1958, defendeu os dereitos da infancia e das mulleres, así como dos animais, tal e como se pode ver reflectido nesta serie literaria. A narración en terceira persoa e omnisciente cóntanos todo o que pasa pola mente dos personaxes e combínase con diálogos que aportan dinamismo e fan a lectura moi amena. Foi David Álvarez Martínez (A Estrada, 1972) quen fixo posible que hoxe podamos ler esta historia universal en lingua galega. Co seu traballo logrou que o máis complexo de traducir, como poden ser xogos de palabras, cancións ou rimas, o percibamos como próximo. Realmente conseguiu que vivamos o que acontece en Vilapenela como historias que están moi preto de nós. A artista Ingrid Vang Nyman (Vejen, 1916-Copenhague, 1956) realizou as ilustracións que a editorial Kalandraka recupera para esta edición. Son imaxes de liña en gama de grises, agás a da cuberta que é a toda cor, e que, con trazos sinxelos e cheos de detalles, consegue dar dinamismo ás escenas que escolleu representar. Quen non coñeza a Pippi Mediaslongas de seguro perde a oportunidade de pasar un bo rato, de crear historias surrealistas e de vivir nun mundo mellor!

raquel.senfer@gmail.com

Tema marcado como favorito