Alumnos boirenses doaron as vendas da súa empresa ficticia
Dende o módulo de Xestión Loxística comercializaron 200 xabóns// Entregáronlle os cartos recadados a unha ONG
Alumnos do segundo curso do ciclo superior de Administración e Finanzas do IES Espiñeira de Boiro fixeron entrega ó presidente da Asociación Barbancesa Axuda e Solidariedade, Francisco Javier Gómez. dun donativo de 234,50 .
Baixo a coordinación da profesora do módulo de Xestión Loxística e Comercial, Julia Rodríguez, veñen de poñer en práctica un proxecto de creación dunha empresa ficticia.
O citado negocio vendeu douscentos xabóns, cuxos beneficios decidiron destinar a dita ONG comarcal.
O secretario da entidade, Daniel de la Concepción Fernández, sinalou que esta aportación será empregada polo colectivo barbanzán en programas de igualdade e dinamización de maiores. Ademais, agradeceu a iniciativa "porque case sempre son as organizacións grandes e que contan con moitos apoios as que soen ser beneficiarias deste tipo de doazóns. Por outra banda, estas cousas non son unha obriga legal da sociedade; non existe unha lei que force á cidadanía a ter que facelas, pero si que debera ser unha obriga moral. Temos que sentirnos partícipes da mellora e do desenvolvemento da comunidade na que habitamos", manifestou. No acto tamén estivo presente a xefa de estudos do mencionado centro de ensino boirense, Marta Alfonsín.
Os rapaces e rapazas amosáronse orgullosos do traballo realizado.